A Consellería deixa sen cubrir máis do 58% das licenzas por formación do profesorado

A CIG-Ensino denuncia que a administración, logo de non convocar as licenzas por formación no pasado curso e de ofertar 500 meses para o actual deixou sen outorgar 287 meses, o que supón neste último caso un aforro de arredor de 750.000 euros.

Por modalidades a distribución das licenzas non autorizadas pola Consellaría é a que segue:

  • Modalidade 1a: 37 meses de 130 (28,46%)
  • Modalidade 1b: 65 meses de 170 (38,24%)
  • Modalidade 2: 118 meses de 130 (90,77%)
  • Modalidade 3: 67 meses de 70 (95,71%)

O resultado da decisión da administración educativa é que se adxudicara arredor dun 40/% dos meses ofertados, centrándose a cobertura maioritaria nas modalidades 2 e 3. En resposta á petición de aclaracións por parte da CIG-Ensino ante este feito, os cargos educativos indicaron que os proxectos que presenta o profesorado carecen da calidade necesaria e que, en aras da súa responsabilidade, non pode adxudicar os meses. 

Para a CIG-Ensino é unha resposta difícil de aceptar se temos en conta que algún dos proxectos obtiveron unha puntuación dun 11,90 ou dun 11,88 cando a puntuación mínima era de 12 puntos. A CIG-Ensino solicitou que se atendesen as reclamacións aos proxectos, especialmente daqueles tan próximos á puntuación mínima e a administración respondeu ratificándose absolutamente en todas as puntuacións outorgadas inicialmente, desoíndo por completo todas e cada unha das numerosas reclamacións. Na CIG-Ensino recibimos múltiples consultas arredor deste asunto que provocou un grande descontento entre o profesorado afectado. O sentimento que este nos trasladou é o de sentirse menosprezado e enredado por parte da Consellería que ofrece un recurso para logo non dalo; unha tomadura de pelo a un profesorado que se molesta e esforza en preparar o seu proxecto nun final de curso xa de seu abafante de traballo e burocracia. 

Reclamacións a cegas por falta de transparencia na avaliación dos proxectos 

Na convocatoria podemos ler que "É requisito alcanzar, como mínimo, o 50% da puntuación de cada alínea e un mínimo do 60% do total para poder optar a unha licenza." Sendo así, parece necesario que se presentara a puntuación desagregada por cada un dos apartados para poder realizar unha reclamación coherente. Tal como se ofrece a puntuación na resolución provisional, o profesorado pode reclamar ao seu proxecto pero totalmente a cegas xa que a Consellería só permite ao profesorado e á representación sindical acceder aos proxectos sen anotacións de ningún tipo. Desta maneira é imposible saber como reclamar porque tampouco  se sabe que é o que segundo a comisión de valoración non é correcto ou axeitado. A transparencia que debía caracterizar este proceso selectivo, xa que logo, non existe. 

Como premio de consolación, iso si, a Consellería ofrece a posibilidade de revisar o proxecto coa persoa correctora unha vez rematado o proceso (é dicir, sen posibilidade de corrixilo para a presente convocatoria) e mesmo di que ofertará un curso para aquelas persoas que queiran aprender a realizar un proxecto. Agardamos por esa convocatoria de curso e tamén agardamos que as persoas que asistan a tales cursos non volvan obter un suspenso por parte da administración en futuras convocatorias porque a responsabilidade está claro que non será delas. 

Por outro lado, advertimos que hai determinadas temáticas como é o caso da de igualdade na que nin unha soa persoa acadou a licenza para realizar materiais para módulos non existentes desta materia. Desde a CIG-Ensino solicitamos que ao lado das persoas que acadaron as licenzas apareza publicado o tema da mesma en aras da transparencia que debe caracterizar a toda administración pública. A Consellería indicou na comisión de valoración que o faría; igual que a dos “cursos para realizar proxectos”, agardaremos por esa publicación. Agora ben, isto non será de moita utilidade para persoas que presentaron proxecto noutras convocatorias e recibiron unha elevada puntuación,  mentres que nesta non acadaron a mínima imprenscindible para aprobar. 

Aforro de preto de 750.000 euros

De tremenda inxenuidade nos parece crer que os malos proxectos son os causantes de tal desfeita, máis ben parece que, unha vez máis, se aplica un criterio economicista. Estamos ante unha Consellería que aplica a mesquindade, como soe facer cando se trata de mellorar os servizos públicos. Primerio o curso pasado non convoca licenzas por formación e no presente faino, en vista dos resultados, para acalar protestas e lavar as mans. Isto supón que non se crean materiais ben necesarios, nin como consecuencia dos permisos para a súa elaboración se chama a novas persoas das listaxes de substitución polo que a que se resinte é de novo a calidade do ensino. Os recursos, como non, diríxense a actos como os do día de inauguración do presente curso no que tan pouco se escatimou que deron mesmo para traer á raíña.

Nunhas contas rápidas eses 287 meses que quedaron por adxudicar servirían para a contratación de 95 docentes substitutas durante os 3 meses que dura aproximadamente unha licenza formativa. Se temos en conta o custe medio tanto de salarios como de cotizacións á seguridade social durante estes períodos de licenza estamos falando dun aforro para a administración galega de preto de 750.000 euros. 

A CIG-Ensino segue a defender unha reforma da orde de licenzas que dea resposta ás necesidades reais do profesorado e do sistema educativo, recuperando, entre outras cuestións, as licenzas tanto retribuídas como non retribuídas para ampliación de estudos, anuladas polo goberno do PP.

A aposta da Consellaría pola FP é deixar tirado o seu profesorado

Ademais do xa exposto, nestes primeiros días de curso a CIG-Ensino recibiu numerosas queixas de docentes de FP que teñen que impartir cursos de especialización, o módulo de inglés técnico nos cursos de Dual ou sobre todo novos ciclos a distancia para os que non existe ningún tipo de material, nin sequera o fornecido polo MEFP, como é o caso do Dietética e Nutrición cunha elevada demanda de matrícula. A Consellaría tiña que ter programado, en colaboración cos centros nos que se está a impartir esta nova oferta, a concesión de licenzas por formación para o profesorado de FP que, nalgúns casos, xa coñecía que módulos ía impartir a finais do curso pasado para non arrancar agora sen ningún tipo de recursos nin material didáctico. Ademais, tal e como denuncia reiteradamente o sindicato nacionalista, nesta modalidade da Formación Profesional, aínda que tamén na presencial, non se cumpre a "recomendación" do Decreto do Plurilingüismo de que a metade dos módulos formativos se impartan en galego. A responsabilidade é dobre: a Consellaría non se molesta en traducir o material que proporciona o Ministerio nalgúns ciclos e, sobre todo, non concede as licenzas de formación que demanda o persoal docente para a elaboración de materiais no noso idioma.

CIG Informa recortes nas licenzas por formación

Documento


Volver