A Consellería de Educación elimina 18 unidades (aulas) en Ourense o que comporta a supresión de 24 postos de traballo

Con estes dados, podemos concluír que estamos diante do ataque máis furibundo ao ensino público, con único fin de reforzar o ensino concertado, por parte de todos os Conselleiros que tivemos no noso País.

Esta política neoliberal aplicada ao ensino terá cumprida resposta nas mobilizacións ás que está convocado o profesorado no vindeiro inicio de curso, que sen dúbida, mostrarán o rexeitamento da comunidade educativa a estas e outras medidas que se foron adoptando polo goberno da Xunta nos últimos tempos. Lembremos que o día 9 de setembro está convocada unha nova manifestación en Santiago, o día 20 un paro de medida hora nos centros educativos, e os días 21 e 27 de setembro as dúas primeiras xornadas de folga.

Nunha reunión coa Xefatura Territorial de Ourense comunicáronnos as prazas que van ser suprimidas coa conseguinte perda de postos de traballo na nosa provincia, o que evidencia en primeiro lugar a política privatizadora da Consellaría que ataca continuamente ao ensino público, e en segundo lugar a nula competencia que ten a Xefatura Territorial na planificación educativa. 

 

A CIG-Ensino denuncia e rexeita de forma contundente as medidas que está a tomar a Consellaría de Educación en Ourense que pasan por unha nova e gravísima supresión de postos de mestres en centros públicos, mentres é sumisa e condescendente co ensino privado, ao incrementar, e mesmo outorgar, novos concertos educativos como o Guillelme Brown, e o Miraflores.

 

Estes dous concertos educativos en centros privados que se atopan a menos de 5 quilómetros de Ourense, no concello do Pereiro de Aguiar, son a mostra da aposta polo ensino privado da Consellaría, cando nesa mesma zona suprime o IES Portovello ao liquidar as ensinanzas da ESO e o Bacharelato, masifica o IES As Lagoas polo despazamento do alumnado afectado pola supresión, e perxudica claramente ao CPI de Mende, alén de non acometer as obras precisas no CEIP Ben-Cho-Shey, co único obxectivo de desviar alumnado ao ensino concertado. Lembremos tamén a fusión do IES do Ribeiro e do IES Abrente nun so centro co único fin de aforrar profesorado nos centros públicos.

 

Confírmase o desleixo que ten a Consellaría co profesorado e os seus dereitos, e a manipulación que fai da información ao divulgar que o pretendido aumento do horario lectivo do profesorado servirá para mellorar a calidade, cando o fin da medida non é outra que suprimir postos de traballo de funcionarios, que terán que recolocar en destinos provisionais, destinos que os afectados non coñecerán até o 30 de agosto, cando o curso comeza en setembro.

 

Minte o Conselleiro cando asegura que o profesorado interino e substituto terá unha praza no próximo curso, posto que ben sabe, que os destinos provisionais nos que se recoloca aos funcionarios, serán prazas que estaban cubertas este curso por profesorado en expectativa de destino e interino. Ë este profesorado o que sofrirá o efecto dominó das supresións, que son perda de postos de traballo.

 

 

Alén do prexuízo que se causa ao profesorado, deixaranse de atender moitas necesidades dos centros, masificaranse as aulas, non se propiciarán os grupos de diversificación necesarios, non se poderán atender debidamente as necesidades educativas específicas, o profesorado verase na necesidade de impartir materias afíns das que non é especialista, e moito profesorado interino perderá o seu posto de traballo co inicio do vindeiro curso.

 

Son moitos os postos suprimidos para o vindeiro curso 2011-2012

 

- 16 unidades (aulas) de Primaria nos seguintes centros: CEIP Xoaquín Lourenzo Xocas de Bande, CEIP Condesa de Fenosa de O Barco, CEIP de Beariz, CPI Tomás Terrón Mendaña de Sobradelo, CEIP Curros Enríquez de Celanova, CEIP Rosalía de Castro de Gomesende, CPI Laureano Prieto de A Gudiña, CEIP Joaquina Gallego Jorreto de A Merca, CEIP Valle-INclán de Muiños, CEIP A Inmaculada de Ourense (2), CEIP Manuel Luis Acuña de Ourense, CEIP Virxe de Covadonga de Ourense, CEIP Rogelio García Yáñez de Ramirás, CEIP de Sandiás e CEIP de Vilariño de Conso.

 

- 2 unidades (aulas) de Infantil nos seguintes centros: CEIP A Inmaculada de Ourense e CEIP Manuel Respino de A Rúa.

 

Estas supresións afectarán a 14 profesores/as con destino definitivo nestes centros, que ficarán suprimidos, e 10 profesores/as provisionais.

 

Cómpre engadir que no curso 2009-2010 pecháronse as escolas Vilar de Santos e o Colexio de San Xoán de Río, suprimíndose aulas de educación Infantil en Calvos de Randín, Montederramo, e Lobios, e unidades de educación primaria nos colexios de Cortegada, Manzaneda, A Peroxa, Ramirás, Xunqueira de Espadanedo, e no Princesa de España de Verín. No curso 2010-2011 que acaba de rematar, a Consellaría daba un novo golpe ao ensino público ao pechar 9 unidades de educación primaria en Bande, Baltar, Carballeda de Avia, Castro Caldelas, Oímbra, Casardomato, Vendas da Barreira, e Vilamartín de Valdeorras.

 

Con estes dados, podemos concluír que estamos diante do ataque máis furibundo ao ensino público, con único fin de reforzar o ensino concertado, por parte de todos os Conselleiros que tivemos no noso País.

 

Esta política neoliberal aplicada ao ensino terá cumprida resposta nas mobilizacións ás que está convocado o profesorado no vindeiro inicio de curso, que sen dúbida, mostrarán o rexeitamento da comunidade educativa a estas e outras medidas que se foron adoptando polo goberno da Xunta nos últimos tempos. Lembremos que o día 9 de setembro está convocada unha nova manifestación en Santiago, o día 20 un paro de medida hora nos centros educativos, e os días 21 e 27 de setembro as dúas primeiras xornadas de folga.

Volver