A Consellería de Educación debe dotar os centros de persoal para garantir a atención á diversidade e as necesidades de orientación

Na Mesa Sectorial convocada o martes 24 de outubro para debater o concurso específico de Orientación demandaremos que se cubran todas as vacantes existentes e se creen todas as prazas necesarias para garantir a calidade do ensino

O catálogo de postos de traballo marca un mínimo de profesorado de Pedagoxía Terapéutica (PT) e Audición e Linguaxe (AL), este persoal débese incrementar en todos aqueles centros nos que sexa necesario para atender as Necesidades Específicas de Apoio Educativo (NEAE), así como para poder levar a cabo programas de estimulación e de prevención.

A CIG-Ensino ven denunciando reiteradamente que unha mostra máis dos recortes e a precariedade que estamos a sufrir ten que ver coa atención á diversidade e a orientación educativa. Isto queda reflectido tanto no número de profesionais destas áreas que desenvolven o seu labor en varios centros educativos, así como tamén no elevado número de centros  que non contan con persoal definitivo.

A rede de orientación, posta tantas veces como escusa pola Administración para non dotar definitivamente aos centros destes recursos humanos, segue sen estar feita. Na actualidade , a situación de cada centro amosa diferenzas enormes: itinerancias entre máis de dous centros, etapas educativas diferentes, número de alumnado excesivo … 

A orientación e a atención á diversidade en infantil e primaria

O martes 24 de outubro está convocada a Mesa Sectorial. Entre os documentos a debate está o concurso específico de Orientación, no que como CIG-Ensino demandaremos que se cubran todas as vacantes existentes, mais tamén demandaremos, unha vez máis, que se creen todas as prazas necesarias para garantir a calidade no ensino para todo o alumnado.

Os centros de Educación Infantil e Primaria de máis de seis unidades deberían ter o seu propio departamento de Orientación. Pero isto non é así, e a Consellaría só dota con departamento propio aos centros que teñen que ter doce unidades de Educación Primaria, xa que as de Educación Infantil non contan para a Consellaría. É obvio que un primeiro paso na liña de ampliar o servizo de orientación pasaría por dotar do mesmo os centros con 12 unidades en total, ampliando con máis postos a partir das 18 unidades. Hai centros hoxe en día que polo seu tamaño e a masificación precisan contar xa con outra persoa orientación, pendente de que se acepten as propostas de maior dotación a nivel xeral. 

O compartimento de centros, que para a CIG-Ensino debería ter carácter excepcional, pasou nos últimos anos a ser habitual. Nos destinos provisionais de Primaria adxudicáronse 118 itinerancias de 166 prazas en total. Na oferta de vacantes do concurso de orientación deste ano confírmanse a compartición de centros. Para a CIG-Ensino só se poderían incluír centros incompletos que terían que estar na mesma zona de escolarización. Demandamos que se comparta excepcionalmente só cun centro e que se teña en conta, ademais do número de unidades, o alumnado que se vai a atender e as distancias entre os centros. Por outro lado, demandamos que na negociación das prazas se teñan en conta estas circunstancias.

Partindo de que todos os centros deberían ter o mínimo marcado polo catálogo de postos de traballo de PT e de AL, estas prazas teñen que verse incrementadas en todos aqueles centros en que as necesidades de atención ás NEAE así o precisen.

Mención a parte merecen os centros que de forma continuada veñen tendo alumnado co NEAE, aquí as prazas deberían aumentarse sobre os mínimo do catálogo para que puidesen ter continuidade ao longo da súa escolarización, así como tamén para poder levar a cabo programas de estimulación e prevención. Moitas das prazas que se ofertaron como de atención preferente poderían cubrirse con carácter definitivo, fincando esas prazas en comisión de servizos para casos puntuais, moi específicos e xustificados. 

Por tanto, a Consellaría debería abrir unha negociación para superar os límites actualmente existentes nos cadros de persoal do corpo de mestres para as especialidades de Orientación, PT e AL. Todo iso, sen esquecer cada curso varían as necesidades de moitos centros, polo que sempre é importante contar coa necesaria dotación de especialistas de PT e AL.

Orientación en secundaria e FP

En Secundaria vemos que o funcionariado existente é insuficiente para cubrir as prazas que se ofertan, polo que sería necesario que saísen máis postos na oferta de emprego. Hai datos obxectivos que así o aconsellan. Por exemplo, no concurso de traslados 2016/17 ficaron sen cubrir 23 das 54 vacantes ofertadas e este curso 2017/18 adxudicáronse 51 prazas de orientación no CADP de secundaria para persoal interino. Tamén é necesaria a cobertura inmediata das baixas con carácter inmediato.

A Orientación en Secundaria é hoxe máis complexa que nunca e o profesorado con destino provisional, que cambia cada ano de destino, atópase con que pode pasar dun CPI no medio rural, no que atende alumnado de Infantil, Primaria e ESO, a un CIFP no que o seu labor é fundamentalmente de orientación laboral. Pasando, por suposto, por IES masificados e nos que ten serias dificultades para desenvolver o seu traballo. Cómpre, por tanto, modificar os cadros de persoal de especialistas de Orientación en Secundaria, dotando de máis recursos humanos a aqueles centros que o precisen. Neste recursos estaría incluído tamén o aumento de prazas de mestras e mestres de PT e AL que foran precisos. Tampouco esquecemos desde a CIG-Ensino a necesidade de dotar a determinados centros de postos non docentes como educadores sociais aos que a Consellería se negou sempre a incorporar aos IES.

A necesaria ampliación dos EOE

No referido aos Equipos Específicos de Orientación sería necesario o seu reforzo e ampliación para atender ás novas problemáticas que xorden. Así desde a CIG-Ensino entendemos que se debe tender á comarcalización deste servizo para poder atender e facer seguimento das necesidades de forma máis rápida e eficiente. Unha rede mínima que puidese facer fronte ás necesidades actuais pasaría por contar con EOE en A Coruña, Ferrol, Santiago, Lugo-Norte, Lugo-Sur, Ourense-Centro, Ourense-Leste, Pontevedra e Vigo. Unha ampliación territorial que debería vir acompañada polo aumento do cadro de persoal en cada EOE e pola cobertura das vacantes e das baixas que se producen ao longo do curso.

A acción titorial, a base de todo 

Entender a orientación como o acompañamento e o asesoramento do alumnado ao longo do período escolar como un proceso continuo, dirixido a todo o estudantado e a todos os niveis, converte a titoría no eixo da función orientadora. Para que unha rede de orientación educativa e da atención á diversidade funcione non se pode deixar de lado a base de todo o sistema: o profesorado que nas aulas fai fronte a unha realidade cada vez máis complexa, que precisa recursos e tempo para facer ben o seu traballo. Nin as ratios avultadas nin os horarios sobrecargados ou o exceso de burocracia axudan a que este cometido se poda facer coas mínimas garantías. Mentres quen goberna na Xunta non entenda que o investimento na atención á diversidade é garante da calidade educativa, da equidade e das potencialidades do noso alumnado non haberá melloras na rede de orientación e na atención á diversidade suficientes.

Por iso, desde a CIG-Ensino nunca nos cansaremos de insistir na necesidade da redución de ratios (15 en Infantil, 20 en Primaria, 25 na ESO e 30 no Bacharelato) e na recuperación da xornada lectiva que nos foi arrebatada polo goberno Feijóo.

 

O ensino público galego precisa reforzar atención á diversidade e a orientación educativa

Documento


Volver