• DSC_1955.jpg
  • DSC_1965.jpg
  • DSC_1974.jpg
  • DSC_1976.jpg
  • DSC_1981.jpg
  • DSC_1983.jpg
  • DSC_1988.jpg
  • DSC_1990.jpg
  • IMG_20190916_122638.jpg
  • IMG_20190916_123428.jpg
  • IMG_20190916_124557.jpg

A conselleira escóndese na inauguración do curso académico ante as demandas de recuperación do horario lectivo do profesorado

Unha delegación da CIG-Ensino concentrouse esta mañá fronte ao IES Eusebio da Garda na Coruña a onde acudiron os responsábeis políticos da Consellaría de Educación para inaugurar oficialmente o curso que hoxe comeza en secundaria

O secretario nacional da CIG-Ensino, Suso Bermello, lembra que a recuperación das 21 horas lectivas en primaria e as 18 en secundaria que recurtou Feijóo á súa chegada á Xunta permitiría incrementar a calidade do ensino e paliar a perda de postos de traballo de persoal interino.

Un grupo de representantes sindicais da CIG-Ensino concentráronse esta mañá ás portas do instituto Eusebio da Garda da Coruña para esixirlle á conselleira de Educación, Carmen Pomar, que acudiu a inaugurar o curso académico que hoxe dá comezo en secundaria, que abra unha negociación para recuperar canto antes o horario lectivo recortado ao chegar Feijóo ao goberno. Mentres que o séquito de cargos políticos e da alta inspección entraron pola porta principal, a conselleira escondeuse e accedeu ao recinto por outra porta, o que demostra a súa falta de vontade negociadora dun dereito usurpado na Xunta antes incluso de que o goberno Rajoy aprobara en 2012 o Real Decreto que impoñía o aumento de horario lectivo en todo o Estado. 

Agora con ese R.D. derrogado e con outras comunidades nas que xa se lle restituíu ese dereito  ao persoal docente (Navarra, Euskadi, Cantabria, Canarias, Andalucía, Asturias e Estremadura), “ao goberno galego acabáronselle as escusas para non abrir esa negociación de inmediato”, indicou o secretario nacional da CIG-Ensino Suso Bermello. “Esta medida redundaría principalmente na mellora da calidade do ensino, permitindo de novo facer desdobres e incrementando os apoios, é dicir, permitindo unha atención máis individualizada do alumnado”. “A maiores -engadiu Bermello-  tamén evitaría a perda de postos de traballo que está padecendo o persoal interino despois das oposicións destes últimos anos ao incrementar considerabelmente a cifra efectivos necesaria nos centros educativos. 

O tema das ratios e das afíns, tamén pendente de negociar

A CIG-Ensino tamén lle pon como deberes á conselleira regular dunha vez por todas o tema das materias afíns, despois de que de novo en secundaria se constatase que máis da metade do profesorado con destino provisional este cuso terá que impartir materias diferentes ás da súa especialidade. O feito de a Consellaría non contemplar como afíns os ámbitos ou módulos que agrupan varias materias no Programa de Mellora da Aprendizaxe (PMAR) na ESO e a FP Básica respectivamente reduce a cifra oficial de adxudicación con afíns ao 30% das vacantes provisionais “pero a realidade nos centros é que non se respecta o decreto de especialidades e que o único criterio que segue a administración para a dotación de recursos humanos é o do aforro económico, como o demostra tamén o elevado número de itinerancias que se adxudicaron este ano en primaria e infantil e que afectan incluso a profesorado con destino defintivo das especialidades de Pedagoxía Terapéutica e Audición e Linguaxe”, lembrou Suso Bermello. 

E por último a CIG Ensino tamén se fixa como principal reivindicación durante este curso académico unha redución de ratios sobre todo nas aulas máis masificadas das zonas urbanas e periurbanas cos conseguintes problemas que isto implica na atención ao alumnado con NEAE (necesidades específicas de apoio educativo).

CIG Informa sobre a campaña de recuperación das 18-21 horas de inicio de curso

Documento


Volver