A consellaría despreza o profesorado galego e prefire manterse no búnker a devolver os dereitos roubados

Na reunión celebrada esta tarde entre representantes das catro OOSS da Mesa Sectorial (CIG-Ensino, CCOO-Ensino, ANPE e FeSP-UGT) e a conselleira púxose de manifesto a cerrazón da administración a negociar calquera recuperación do horario lectivo

Representantes sindicais analizarán as medidas a tomar despois de que a conselleira Carmen Pomar se negase a abrir unha negociación para a volta aos 18 e 21 períodos lectivos semanais, como xa teñen aprobado noutras sete comunidades autónomas (Navarra, Euskadi, Cantabria, Canarias, Andalucía, Asturias e Estremadura).

Nada. Esta é a conclusión tras o encontro que mantiveron esta tarde representantes das catro organizacións sindicais con representación na Mesa Sectorial de Educación coa titular deste departamento da Xunta. Malia que a proposta partiu de forma unitaria e conxunta e responde á demanda do profesorado galego que quere recuperar os dereitos que lle foron roubados co pretexto da crise, a conselleira Carmen Pomar respondeu a esta petición cun non tallante. Para a CIG-Ensino esta posición é un desprezo ao profesorado galego que tivo que padecer antes que ninguén no Estado este recorte (Feijóo aplicouno mesmo antes de que Rajoy aprobara un Decreto para a súa implantación en 2012) e que semella que vai quedar sen poder recuperar, despois de que en sete CCAA xa se aprobara esta devolución horaria. 

Na reunión, o secretario nacional da CIG-Ensino, Suso Bermello, lembrou que a Xunta non pode alegar falta de fondos como veu facendo estes últimos anos nin que a responsabilidade é do goberno central por non transferir unha partida económica para este fin. “Será máis ben unha cuestión de prioridades e a calidade do ensino nunca foi unha prioridade para o PP na Xunta fronte ao cemento ou as obras, por exemplo. Ademais, que fixo a administración galega con todos os cartos que aforrou cando incrementou o horario a 20 horas en secundaria e a 25 horas en primaria? Devolveullos a Madrid? Claro que non”. Bermello tamén salientou a importancia que tería esta medida na mellora da calidade e atención educativa. Así mesmo, a recuperación dos 18 e 21 períodos lectivos máximos semanais permitiría incrementar os cadros de persoal, nun momento de absoluta incerteza para o colectivo do persoal interino pola convocatoria de oposicións sen ningún tipo de cláusula de estabilidade para quen leva anos desempeñando postos de traballo de xeito temporal.

Para a CIG-Ensino é inadmisible a posición amosada hoxe pola conselleira. Non hai escusas de carácter económico que poidan esgrimir. O profesorado galego de secundaria sempre traballou 18 horas independentemente do ciclo económico no que se estivera, e con esta negativa o que está demostrando a administración é que quere seguir cargando as políticas antisociais e os recortes no sector público e nomeadamente no ensino.

Medidas a tomar

Os e as representantes sindicais chamarán o profesorado galego a dar resposta ao desprezo e á política permanente de recortes nos nosos dereitos laborais e promoveremos mobilizacións ao considerarmos que o persoal docente galego non pode seguir discriminado con respecto ao doutras partes do Estado nin debe ser empregado para que á Xunta lle cadren as súas contas macroeconómicas ante o horizonte electoral do vindeiro ano.

Volver