A Consellaría volve facer gala da súa desorganización e improvisación nas probas libres das Escolas Oficiais de Idiomas
A falta de planificación e de persoal leva xornadas de traballo maratonianas
As probas libres das EOI deste curso que a CIG-Ensino xa ten levado á mesa sectorial e contra as que incluso presentou recurso pola modificación que se establece nas datas das probas libres que se cambiaron para o mes de febreiro eliminando as mesas das seccións volven ser a mellor mostra da forma de traballar da Consellaría de Educación nas ensinanzas de idiomas: improvisación e recortes.
Este ano, debido a convocatoria de oposicións en marcha, era previsíbel o aumento de matrícula para as probas libres das escolas. Porén, a Consellaría non tivo presente esta previsión á hora de nomear o persoal para corrixir as probas e foi nomeando polas reclamacións e protestas das direccións das escolas, que quedaron parcialmente sen atender en moitos casos. Deste xeito, o traballo das correccións, moitas delas presenciais, foise acumulando até dar xornadas maratonianas de case 12 horas para o profesorado ao cargo das avaliacións.
A CIG-Ensino considera que a Consellaría debería ter previsto a data de presentación de instancias ás oposicións e a marxe temporal coa que as EOI contan para fixar os calendario de certificación das avaliacións, xa que vai darse o caso de que dependendo da Escola na que se examine cadaquén a certificación poderá ter efectos para a fase de concurso das oposicións deste ano ou non. O lóxico e normal sería que a Consellaría asumise a responsabilidade de fixar un calendario unificado que permita que todas as certificacións das probas libres entren dentro do prazo de matrícula nas oposicións, que este ano remata o 21 de febreiro.
A todo este despropósito das probas libres hai que sumar que hai especialidades das EOI que tiveron que suspender as aulas das modalidades ordinarias pola falta de espazos e profesorado, algo sobre o que xa advertimos desde o sindicato cando recorremos as instrucións deste curso. Mesmo se deu o caso de profesorado que viu variado o seu horario e incluso centro de traballo durante este período.
Desde a CIG-Ensino reclamamos á Consellaría que planifique estas probas co tempo suficiente, que as realice no momento do curso adecuado e que as dote do persoal necesario, evitando unha sobrecarga de traballo inasumíbel e unha desorganización da marcha normal do curso académico.