A Consellaría ten que abandonar o desleixo e tomar todas as medidas antes de incorporar profesorado e alumnado ás aulas

A CIG-Ensino amosa a súa “sorpresa” polas declaracións da Consellería de estar a agardar polas normas do MEFP para Ceuta e Melilla e recorrerá xudicialmente calquera decisión que non sexa negociada nin garanta a saúde do persoal dos centros e alumnado

Despois do mutismo co que a conselleira se presentou na reunión cos sindicatos e ANPAs do mércores 13 de maio, a Consellaría fixo público un comunicado no que afirma que a incorporación se limitará aos 2º de Bacharelato e aos últimos cursos do ciclos de FP, pechando a posibilidade da incorporación do alumnado das demais etapas educativas coincidindo co que lle foi demandado por todas as organizacións sindicais e ANPAs.

Dá a sensación de que o goberno galego e Educación en particular, tal e como vén actuando durante esta crise, preferiu agardar a que o Ministerio tomase algún tipo de iniciativa para poder despois actuar como unha sorte de Subdelegación no canto dunha administración con plenas competencias en materia educativa.

Neste sentido, o máis sorprendente é a apelación da Consellaría a agardar polo protocolo que o MEFP vai aplicar en Ceuta e Melilla. Hai que ter presente que esas dúas cidades son o único ámbito de xestión directa que ten o Ministerio e que a propia experiencia e os recursos dos que dispón unha administración educativa  como a galega son mesmo superiores neste caso para poder tomar decisións, causando rubor que se poida dar por bo que haxa que agardar polas decisións que se poida adoptar nesas cidades.

A posición da CIG-Ensino ao respecto é de sobra coñecida e pública e foille comunicada na pasada reunión á conselleira e á súa equipa:
  • Non se pode producir ningunha incorporación, nin de profesorado, nin de persoal non docente nin de alumnado, aos centros educativos sen un protocolo que nos dote dunhas claras garantías sanitarias e organizativas de atención ao alumnado que poida ir ao centro e o que fique nas casas.
  • Un protocolo non son unhas recomendacións. Ten que ser un documento legal, previamente negociado coas organizacións sindicais na Mesa Sectorial, e publicado no DOG, identificando claramente quen é a persoa responsábel dese documento, que desde a CIG-Ensino temos claro que só pode ser a conselleira, como máxima responsábel, previa aprobación no Consello de goberno da Xunta.
  • A decisión de incorporar voluntariamente ao alumnado de 2º BAC e de 2º de Ciclos debe facerse, non só despois de se adoptaren as medias sanitarias que fixe o protocolo, senón con tempo suficiente para que se apliquen antes da incorporación de alumnado e profesorado, non como se fixo nesta semana para atender as matrículas.
  • No protocolo debe figurar a dispensa para todo o persoal que forma parte dos grupos vulnerábeis fixados polo Ministerio de Sanidade, a posibilidade de que outras patoloxías non recollidas nesa norma poidan ter a dispensa se así o autoriza así como os permisos retribuídos por tutela e coidados de menores ou persoas maiores dependentes. En todo caso, desde a CIG-Ensino propomos que a resposta do Servizo de Prevención de Riscos sexa preceptiva, en resposta á solicitude da valoración do posto de traballo.

Os centros deben ter un tempo suficiente para organizarse. Así, como mínimo:

  • Debe coñecerse con suficiente antelación cantos alumnos e alumnas van incorporarse voluntariamente. Non se pode permitir o acceso de ninguén que previamente non comunicase a presenza no centro, xa que iso faría imposíbel unha xestión correcta por parte do profesorado.
  • Debe organizarse correctamente a distribución do profesorado, xa que a maioría imparte docencia tamén na ESO e 1º de BACG, ou ben en 1º de Ciclos ou PFB e o retorno á presencialidade non pode levar a desatender ao alumnado doutros niveis educativos que permanece na teledocencia. A incorporación de docentes ás aulas non pode implicar, baixo ningún concepto ampliar a carga de traballo nin simultanear coa teledocencia.
  • Deben avaliarse previamente se é posíbel a reorganización do que xa está programado nos centros, nomeadamente as avaliacións e a actividade docente con todo o alumnado. A necesidade de reducir as ratios implicará en moitos casos un problema de xestión do persoal docente. Non se pode autorizar a presenza nas aulas mentres todo isto non estea solucionado.
  • A Consellaría debe elaborar, máis alá do protocolo sanitario, un estudo urxente sobre a capacidade dos actuais cadros de persoal dos IES e CIFP para facer fronte a esta situación de duplicidade de docencia presencial e a distancia. A decisión final do retorno ás aulas debe estar condicionada por ese estudo.
  • Tendo en conta todo o anterior, desde a CIG-Ensino apelamos á responsabilidade da Consellaría, para que non actúe precipitadamente e sen consensos. Non consideramos a data do 25 de maio como correcta dada a necesidade de atender as casuísticas que vimos de enumerar así como outras moitas que desde o sindicato lle trasladaremos á Consellaría se cambian a súa disposición e se abren a negociar os pasos que dan.
  • Non dubidaremos en tomar todas as medidas necesarias se a incorporación do profesorado e o alumnado non garante o máximo respecto á saúde, aos dereitos laborais e a unha organización docente que non relegue a ningún alumno ou alumna, ben sexa polas dificultades individuais que teña como polo nivel de estudos no que está.

Volver