A Consellaría teima en seguir adiante coa LOMCE convocando o curso de función directiva

O requisito desta formación para poder participar no concurso de méritos para a selección de directores e directoras de centros públicos foi incluído na LOMCE e este é o primeiro ano que se oferta en Galiza.

O DOG publica hoxe a Resolución pola que se convoca o curso de formación sobre o desenvolvemento da función directiva no ano 2018 que acredite para o acceso a postos de dirección en centros docentes sostidos con fondos públicos que impartan as ensinanzas reguladas na Lei orgánica 2/2006, de educación.

A Consellaría segue así aplicando unha lei que contou e conta cun amplo rexeitamento social e faino precisamente cun dos puntos máis lesivos e que atenta contra a xestión democrática dos centros. Neste sentido, cómpre lembrar que esta norma deixa en mans da administración a elección das direccións dos centros e réstalle peso nesta toma de decisión ao claustro e aos órganos de participación da comunidade educativa. A implantación deste curso é un chanzo máis na aposta da Xunta de Feijóo por unha lei que demandamos que máis pronto que tarde sexa derrogada e supedita a elección de persoas para cargos de dirección á posesión desta formación en xestión e non á vontade dos membros do claustro e do consello escolar dos centros.

Segundo se publica no DOG, este ano ofértanse 150 prazas, distribuídas do seguinte xeito: 50 nas provincias da Coruña e de Pontevedra e 25 nas de Lugo e Ourense. A súa temporalización está prevista entre os meses de novembro e marzo e desenvolverase fundamentalmente en rede. As persoas que xa teñan a habilitación ou acreditación ou veñan ocupando este posto nos cinco anos seguintes á entrada en vigor da LOMCE, en decembro de 2013, poderán facer o curso de actualización de competencias directivas que se convocará nos próximos meses e que será requisito para poder optar de novo a este posto.

Volver