A Consellaría suprime do bacharelato a materia de Literatura Galega do Século XX e non negocia a orde das optativas

Recolle parcialmente as demandas da CIG-Ensino

A CIG-Ensino vén de solicitarlle á Consellaría de Educación e O.U. que rectifique canto antes a Orde de optativas que publicou no día de hoxe para que se manteñan as optativas de Literatura Galega do Século XX e tamén as de Literaturas Hispánicas e Literatura Universal Contemporánea polo grave prexuízo que causan ao sistema educativo galego. Achegamos o contido do escrito presentado polo Secretario Nacional de CIG-Ensino, Anxo Louzao.
A Consellaría suprime do bacharelato a materia de 
Literatura Galega do Século XX
 
A Consellaría ben de liquidar a “Lingua e Literatura Galega do Século XX”, segundo a orde do 24 de xuño de 2008 pola que se desenvolve a organización e o currículo das ensinanzas de bacharelato na Comunidade Autónoma de Galicia, publicada hoxe no DOG.
 
A Consellaría non pasou esta orde pola Mesa Sectorial para debatela a pesares de telo solicitado e só atendeu parcialmente as demandas da CIG-Ensino, pero non así, entre outras o Mantemento das optativas fixadas anteriormente como é o caso da Literatura Universal Contemporánea ou Literaturas Hispánicas.
Podes consultar aquí a Orde de optativas e a solicitude da CIG-Ensino.

A CIG-Ensino vén de solicitarlle á Consellaría de Educación e O.U. que rectifique canto antes a Orde de optativas que publicou no día de hoxe para que se manteñan as optativas de Literatura Galega do Século XX e tamén as de Literaturas Hispánicas e Literatura Universal Contemporánea polo grave prexuízo que causan ao sistema educativo galego. Achegamos o contido do escrito presentado polo Secretario Nacional de CIG-Ensino, Anxo Louzao:


ESCRITO PRESENTADO:
 
Santiago, 27 de xuño de 2008
 
Sra. Conselleira de Educación e O.U.:
 
Hoxe, 27 de xuño, publicouse no DOG a Orde pola que se estabelece a relación de materias optativas do bacharelato, conxuntamente co seu currículo, asinada por vostede, suprimíndose, entre outras, a materia de Literatura Galega do Século XX.
Estamos diante dunha resolución totalmente inaceptábel e sorprendente que amosa o desprezo máis absoluto cara ao feito de que o noso alumnado de bacharelato poida afondar, de desexalo, no coñecemento da nosa cultura, agravándose máis o proceso de desgaleguización do ensino que está a levar a súa Consellaría, cada vez máis de costas á nosa realidade.
Con esta actitude, despreza o que nos é propio e transmite ao sistema educativo os complexos de inferioridade e a falla de autoestima que parecen marca distintiva da Administración Educativa que vostede preside. Ningunha cultura normalizada expulsa do sistema educativo o estudo demorado da súa propia literatura e, moito menos, se se trata dunha cultura non normalizada como é a galega.
Trátase, tamén, dunha decisión que prexudicará a aquel alumnado que teña orientado o seu itinerario educativo cara ás linguas, xa que vén tamén de suprimir dúas materias como son a Literatura Universal Contemporánea e Literaturas Hispánicas.
Debe saber vostede, que é moi preocupante para CIG-Ensino que, máis unha vez, leve a cabo medidas non demandadas por ninguén e en contra das exixidas polo profesorado. Non debe de esquecer que estivemos levando numerosas mobilizacións en demanda doutro modelo de bacharelato mais compensado, laico e de calidade, que recollía na súa táboa reivindicativa a defensa destas materias optativas.
Con esta medida, vostede terá que asumir que o denominador común do seu facer é a imposición e non o diálogo nin o consenso. Lembrámoslle que vimos reclamando a apertura de negociacións para abordar a orde das optativas e, ultimamente, así o manifestamos na Mesa Sectorial do 20 de xuño e na proposta que lle enviamos a vostede na que expresamente lle solicitabamos o mantemento desta materia esencial. A súa resposta á organización maioritaria do profesorado e ás mobilizacións que levamos a cabo foi publicar hoxe no DOG, con premeditación, sen ningún tipo información previa nin posibilidade de entendemento, a Orde que liquida, entre outras, unha conquista histórica do ensino galego. Parece mentira que unha organización que se di progresista aprobe unha norma tan involucionista que é un paso atrás con respecto do asumido polos gobernos do PP.
Por outra parte, vostede sabe que está infrinxindo a normativa legal pola cal é perceptivo a negociación de todos aqueles asuntos que afecten as condicións laborais do profesorado. Neste caso, estamos a falar de tres materias que até agora podía impartir o profesorado de Lingua e Literatura Galega e dúas delas, tamén, o de Lingua Española o cal se vai ver afectado por esta decisión.
Ante tal despropósito e ataque á nosa cultura, só nos queda exixirlle a rectificación para que estas materias poidan ser ofertadas como optativas en todos os centros de Galiza como viña sendo até o de agora.
Agardamos que nos comunique a súa resposta urxente que esperamos sexa satisfactoria. Do contrario, a CIG-Ensino anúncialle que nos veremos na obriga de convocar o profesorado á mobilizarse na defensa desta reivindicación fundamental para o sistema educativo galego.
 
Un saúdo cordial,
Anxo Louzao Rodríguez
Secretario Nacional da CIG-Ensino
 
 
 
Santiago, 27 de xuño de 2008
Secretaría de prensa da CIG-Ensino

SRA. CONSELLEIRA DE EDUCACIÓN E O.U. CONSELLARÍA DE EDUCACIÓN E O.U. SANTIAGO

Volver