A Consellaría só acerta cando rectifica: aplicará a suba do 2% en todos os complementos

A CIG-Ensino felicítase dunha rectificación que chega despois da denuncia feita polo sindicato, obrigando a administración e sindicatos asinantes a reaccionar ao tempo que lamenta que os nosos salarios medren por baixo do IPC

Unha vez publicada no DOG do día 15 de xullo a orde de confección de nóminas a CIG-Ensino constatabaque na actualización dos diferentes conceptos das nóminas do persoal docente quedaban excluídos os sexenios, o complemento de titoría, a responsabilidade de centros de menos de 3 unidades, os cargos directivos, a inspección e aqueloutros equiparados coa dirección ou xefatura de centro tipo A (xefaturas de residencia,  membros de EOE, CAFI e persoal asesor). É dicir, evitábase a suba en todos aqueles complementos incluídos no acordo de outubro de 2023 asinado entre a Consellaría de Educación e unha minoría sindical.

Isto implicaba perder con carácter permanente esa suba e aplicar un aforro nas contas da Xunta á conta de miles de docentes, o que en definitiva era un novo engano ao profesorado galego vinculado co acordo das renuncias asinado pola minoría sindical útil para a Consellaría.

Logo da denuncia feita pola CIG-Ensino sucedéronse unha serie de comunicados sindicais que se cualifican por si sós e nos que non perderemos un minuto en valorar e, sobre todo, movementos dentro da Xunta entre a Consellaría de Educación e a de Facenda que traen como desenlace final unha rectificación do goberno galego na aplicación da suba salarial do 2% en determinados complementos docentes.

Desde a CIG-Ensino non podemos máis que felicitarnos por esta rectificación da Xunta e que finalmente todo o profesorado galego vaia cobrar esa pequena suba, con independencia de que desde o sindicato maioritario seguimos considerando un erro sindical estratéxico ter aberto as portas a pactos salariais segregadores que non se estenden ao conxunto do profesorado como defendemos desde a maioría sindical na mesa de negociación.

Desde a CIG-Ensino entendemos que o papel fundamental dunha organización sindical que pretenda exercer un papel de verdadeira representación da vontade do profesorado é servir de muro de contención contra quen desde os gobernos pretenden aplicar políticas lesivas e abusar dunha posición de poder exercida habitualmente sen escrúpulos e, lamentabelmente en ocasións, cunha complicidade e entrega sindical difícil de entender e que, desde logo, a CIG-Ensino nin asume nin asumirá.

O incremento salarial fica por baixo da carestía da vida

O resultado do pacto sindical estatal (CCOO-UGT-Goberno) segue na mesma liña fixada desde xaneiro de 2022: non dá para tapar os buratos que deixa nas nosas economía a evolución dos prezos. Cando o IPC interanual está, na súa última revisión mensual do mes de xuño, no 3,4%, os salarios soben só até o 2%.

Desde a aplicación do acordo que deu lugar a este goteo de incrementos á baixa os nosos salarios medraron un 9% (3,5% no 2022, outro 3,5% no 2023 e agora un 2% no 2024 que con toda seguridade chegará ao 2,5% a final de ano co incremento que resta do 0,5% vinculado ao PIB). Isto provocará que pechemos os tres anos de subas pactadas no 9,5%.

Se o IPC do 2024 pecha no mesmo valor interanual actual (3,4%), os prezos terán subido desde xaneiro desde 2022 un 12,2%, polo que os nosos salarios perderán un valor de compra do 2,7% polo acordo salarial estatal, algo que non se produciría de se ter pactado, como propuxo a CIG, unha cláusula de revisión salarial que garantise que os salarios, como mínimo, subisen exactamente o mesmo que o IPC.

Así quedan as retribucións do profesorado galego coa suba do 2%: ligazón

Volver