A Consellaría, sen previa negociación, pretende reducir máis de 100 postos de traballo nas Escolas Oficiais de Idiomas

Recortes nas Escolas Oficiais de Idiomas

A CIG-ENSINO esixe a retirada da circular da Consellaría de Educación, na que se ditan instrucións sobre a organización académica das Escolas Oficiais de Idioma, publicada sen previa negociación, e que conlevará unha redución de máis de 100 profesores/as nos cadros de persoal destes centros.
A CIG-ENSINO esixe a retirada da circular da Consellaría de Educación, na que se ditan instrucións sobre a organización académica das Escolas Oficiais de Idioma, publicada sen previa negociación, e que conlevará unha redución de máis de 100 profesores/as nos cadros de persoal destes centros.
 
A Consellaría de Educación ven de enviar por correo electrónico ás Escolas Oficiais de Idiomas unha circular na que se ditan instrucións sobre o procedemento de admisión e matrícula e organización académica nas escolas oficiais de idiomas para o curso 2009/2010. Esta Circular ven a substituír a circular 10/2004, negociada na Mesa Sectorial no ano 2004 (Consellaría tamén gobernada polo Partido Popular) e sobre a cal as Escolas Oficiais de Idiomas xa estaban organizando o próximo curso por indicación das propia inspección   educativa.
Estamos de novo ante unha actuación da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa que co seu Director Xeral, Mira Lema, ao fronte estase amosando, desde o primeiro día, totalmente desprezativo e autoritario nas reunións da Mesa Sectorial. Só baixo unha posición ditatorial e de total irresponsabilidade se pode entender que se dite unha nova circular, unha vez finalizado o curso, sen ser negociada na Mesa sectorial; con instrucións contrarias ao actual decreto que fixa os regulamentos dos centros docentes, polo tanto ilegal, e unha vez que estaba aberto o prazo de matrícula.  
Desde a creación das escolas oficiais de idiomas, hai máis de 30 anos, o horario do profesorado, dentro das 30 horas semanais de atención ao centro, ten estabelecido a impartición de 15 períodos lectivos máis 3 períodos complementarios lectivos. Agora a Consellaría a través desta circular pretende que todo o profesorado imparta 20 período lectivos. As repercusións desta medida implicarían:

Ø Reestruturación drástica do número de profesorado: reduciríanse os cadros de persoal nun 30 %.
Ø Desaparición das horas lectivas complementarias (unhas clases complementarias de reforzo de destrezas, hoxe máis necesarias ca nunca, pois o alumnado pode precisar, segundo o perfil do posto de traballo que desempeñe, exercitar unha destreza máis ca outra e agora podemos expedir certificados por destrezas, no caso de que non se supere un curso completo).
Ø As reducións contempladas sobre a carga lectiva, polo desempeño de diferentes responsabilidades, coordinador/ra dos ENDL, as coordinacións de curso, biblioteca, laboratorio, vídeo, etc. vense reducidas sobre as complementarias e non sobre as lectivas. 

A substitución do antigo sistema de estudos (Ciclo elemental e superior) polos novos currículos adaptados ao Marco europeo común de referencia para as linguas   implica, entre outras, unha reorientación na forma de ensinar; un deseño da nova planificación académica que se concreta no proxecto didáctico de cada departamento de idioma e na programación didáctica da aula; o establecemento e consolidación dun sistema de deseño e elaboración de probas unificadas de certificación en toda Galicia e diversificación da oferta educativa que actualmente, ademais dos cursos ordinarios de básico, intermedio e avanzado, ofrécense outro tipo de cursos, tales como:
cursos monográficos, cursos CELGA, cursos de linguaxe administrativa, cursos PALE, cursos de formación do profesorado e cursos monográficos de inglés audiovisual. Polo tanto, aplicar esta nova circular supón acabar con toda a diversificación curricular enumerada anteriormente porque aumenta, de maneira desorbitada, a carga de traballo dos profesionais implicados e acabaría coa calidade das ensinanzas especializadas de idiomas a ofrecer como servizo público.

 En consecuencia con todo o anteriormente dito, a CIG-Ensino esixe a retirada desta circular por non estar negociada, ser ilegal, implicar un retroceso  significativo na calidade do ensino dos idiomas e empeorar as condicións de traballo do profesorado. Así llo imos trasladar, hoxe, mediante un escrito, ao conselleiro. De non ser receptivo para retirar esta circular, a CIG-ENSINO emprenderá todo tipo de medidas entre elas   as xurídicas até restabelecer a circular 10/2004 . 

Santiago 13 de xullo de 2009
Secretaría de prensa

________________________________________________________________________

Escrito presentado pola CIG dirixido ao Conselleiro (14-7-09). Ligazón 

Volver