A Consellaría segue aplicando os recortes para a promoción do galego
O vindeiro 16 de outubro remata o prazo para presentar proxectos de normalización á convocatoria dos premios á innovación en dinamización lingüística, unha convocatoria que foi drasticamente recortada
Pois ben, no DOG do pasado 15 de setembro publicouse a convocatoria para este curso da Resolución que ten data de 10 de agosto. Porén os prazos marcados que recollen que a resolución pode demorarse até o 15 de decembro, adiántannos que o primeiro trimestre estará perdido para a posta en marcha do proxecto.
A convocatoria tamén recolle outra demanda da CIG como é o recoñecemento en horas de formación para o profesorado implicado, cuestión que xa foi recollida na convocatoria do pasado ano.
Porén temos que seguir criticando a falta de apoio da Consellaría á nosa lingua pois mantén a redución do numero de proxectos premiados, unha vez máis cinco, en lugar dos dez convocados en 2008, ou os sete de 2009.
Tamén temos que denunciar que a Consellaría si reduce o orzamento global dos premios, que neste curso non superará os 12500 euros, 2500 euros menos ca na edición do ano pasado, 15000 euros, e 8500 euros menos ca en convocatorias anteriores.
De novo é a nosa lingua a que sofre os recortes, un recorte máis que se acumula aos denunciados, como a recente eliminación da Orde do 1 de marzo de 2011 que regulaba as bases para a concesión de subvencións para a edición en lingua galega de recursos didácticos curriculares para niveis non universitarios.
Unha vez máis a Consellaría víralle as costas ao noso idioma, mentres está disposta a gastar oito millóns de euros en substituír os libros vixentes de matemáticas, física e química e tecnoloxía. É inadmisíbel que mentres se reducen os orzamentos destinados a potenciar o noso idioma se manteñan ordes como a de 16 de maio de 2011, pola que se subvenciona a adquisición de libros en castelán para substituír os libros en galego de matemáticas e outras materias científicas, mais que non esgotaran o seu período de vixencia e que ascende a 1.100.428 €.
Á Consellaría de Educación non lle importa malgastar diñeiro en contra do noso idioma, mais para iso recorta e aforra en proxectos de innovación que son absolutamente necesarios e que demostran a capacidade do profesorado para idear e pór en marcha proxectos que son moi positivos para o idioma.
A CIG vai seguir reclamando que se manteña o número de premios e o orzamento a eles destinado.