A Consellaría segue afogando o profesorado na burocracia

A elaboración dos novos informes individualizados carga ao profesorado cun traballo que non traerá beneficio algún ao alumnado e que provoca un maior incremento de burocracia

Desde a CIG-Ensino facémonos eco das queixas do profesorado galego en canto aos novos informes finais que nestes momentos están causando malestar polo incremento de carga burocrática que soporta o persoal docente.

A realidade dunha maior carga burocrática nos centros educativos está relacionada, en primeiro lugar, coa desinformación e contradicións da propia Consellaría, que alimenta a confusión e o malestar do persoal docente. En segundo lugar esa carga de traballo inxustificada varía en función das propias directrices que a inspección de cada centro está a dar, correctas nalgúns caso -entendendo o criterio do profesorado á hora de cumprimentar eses informes- e absurdas noutros -coa obriga de cubrir todos os informes mesmo cando o profesorado o considera innecesario-.

A principal queixa que nos trasladan desde numerosos centros está na decisión, matizada nalgúns casos pola propia inspección, de que o informe individualizado hai que facelo para todo o alumnado, mesmo nos casos nos que o equipo docente entende que non hai nada relevante ao promocionar sen problemas. Neste sentido, para a CIG-Ensino sería necesario deixar nas mans dos equipos docentes a decisión sobre o contido deses informes, especialmente se temos en conta que o principal nestes momentos é centrarse naquel alumnado que vai requirir unha adaptación específica no curso próximo.

Os informes, que son de carácter interno e de uso exclusivo do profesorado, teñen sentido como pautas a seguir en caso de alumnado con dificultades ou que, promocionando, vai requirir reforzo no curso próximo. Todo o demais é produto de mentes burocratizadas que non están no día a día do traballo diario.

O novo modelo introducido recentemente (AL305) non fai diferenzas entre etapas e está a crear confusión nalgúns casos coa duplicidade existente co sistema de informes actualmente existente no XADE sen que por parte da Consellaría se teñan remitido instrucións claras ao respecto.

A comunicación da Consellaría de Educación está a ser moi deficiente desde o comezo da crise, o que xa denunciamos desde a CIG-Ensino en numerosas ocasións. Recentemente, demandamos de novo na Mesa Sectorial que na difusión de información sobre organización docente a administración, máis alá de manter as reunións que queira con órganos de asesoramento como a Xunta Autonómica de Direccións, debería informar directamente ao conxunto das direccións no seu portal específico e ao profesorado en xeral.

CIG
A CIG-Ensino demanda da Consellaría que envíe, directamente ou a través da Inspección, unhas instrucións claras aos centros, unificadas e sen contradicións e nas que prime a eficiencia e o criterio docente sobre a burocracia.

Volver