A Consellaría segue adiante coa prórroga das direccións atendendo unha parte das nosas propostas

CIG-Ensino defendeu activar a participación de claustros e consellos escolares

A proposta para a prórroga no nomeamento das direccións que a Consellaría trouxo á Mesa Sectorial nace dunha situación excepcional (a pandemia da covid-19) e duns prazos moi axustados (un apurado final de curso que a Xunta agrava aínda máis coas súas decisións). Porén, desde a CIG-Ensino non estamos de acordo coa fórmula que presenta a  Consellaría, xa que deixa toda a decisión nas Xefaturas Territoriais da Consellaría, nalgúns casos previo informe da Inspección, mais sen contar coa opinión do profesorado do centro nin co papel que entendemos debe xogar o Consello Escolar.

O papel central debe recaer en todo momento, mais sobre todo no actual, no equipo docente e na comunidade educativa e non na inspección. A nosa proposta afonda na democracia interna dos centros e permite, dada a excepcionalidade, acurtar prazos e procedementos. 

PROPOSTA ALTERNATIVA DE PRÓRROGA PRESENTADA POLA CIG-ENSINO.

Artigo 1.  A xefatura territorial correspondente da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional aceptará a renuncia á prórroga establecida no artigo 1 desta orde cando a persoa interesada alegue a obtención dun destino definitivo, con efectividade do 1 de setembro de 2020, a decisión de incorporarse nesa mesma data ao destino definitivo que tiña con anterioridade ou outras causas que se consideren xustificadas. 

Artigo 2. NOVA REDACCIÓN. A xefatura territorial correspondente da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional non prorrogará o nomeamento da dirección prevista no artigo 1 desta orde cando se cumpran todas as seguinte condicións: se existe informe negativo do claustro, se se presentou algunha candidatura alternativa e esta contou coa aprobación do Consello Escolar.

Artigo 5.  NOVA REDACCIÓN. Audiencia do claustro de profesores e do consello escolar

  1. A audiencia do claustro docente para a realización das prórrogas establecidas no artigo 1 da presente orde, poderá realizarse mediante reunión por vía presencial, telemática ou simultanea en ambos formatos,  sendo voluntaria a presenza física nos centros dos integrantes do claustro e coas limitacións de aforo e distanciamento físico que en cada momento dispoñan as autoridades sanitarias e a normativa correspondente da Consellaría de Educación. 
  2. No caso de que desa audiencia se derive un informe negativo para a continuidade da actual directora ou director, abrirase un prazo de 5 días hábiles para que se poidan presentar candidaturas alternativas de entre profesorado do propio centro, que en todo caso deberán cumprir os requisitos do concurso de méritos para a selección da dirección. 
  3. Cando existan outras candidaturas, a selección da dirección efectuarase nun consello escolar convocado ao efecto nun prazo non superior a 5 hábiles desde a presentación das candidaturas e confirmación do cumprimento dos requisitos, seguindo os criterios do apartado un deste artigo en canto a presencialidade e participación física ou a distancia. De non se presentar ningunha candidatura alternativa entenderase que decae o informe emitido. 
  4. Os prazos para presentar candidaturas de entre docentes do propio centro que figuran no presente artigo así como o procedemento para seleccionar directora ou director, serán tamén de aplicación nos casos nos que a actual dirección presente renuncia a prorrogar mandato e está sexa aceptada.

Tendo en conta a negativa da Consellaría a aceptar a nosa proposta de cambio xeral do documento formulamos propostas concretas sobre o borrador: 

Non se pode poñer ningún problema a aquela directora ou director que non desexe seguir no cargo. Non pode quedar na opcionalidade da Xefatura Territorial. As direccións deben partir da vontade individual de permanecer no posto e da cohesión e apoio do profesorado.

A única excepcionalidade para non prorrogar un nomeamento non pode vir dun responsábel político territorial senón da vontade do claustro. Neste sentido apostamos por manter a audiencia cando menos dos claustros, algo que algúns xa fixeron seguindo instrucións da Inspección.

Os nomeamentos accidentais, no caso de que o posto fique vacante ou quen está non desexe continuar, debe vir precedido da audiencia previa, como mínimo, do claustro docente. Non se debe esixir neste caso ningún requisito adicional a ter destino definitivo no centro. 

Resposta da Consellaría:
  • Vai figurar que se aceptarán obrigatoriamente as renuncias de quen obtivese un novo destino con efectos de setembro de 2021, sen que quede supeditado á Xefatura Territorial (XT).
  • Non aceptarán que as renuncias das direccións por ter destino noutro centro con anterioridade deixen de estar condicionadas pola XT, aínda que valorarán permitilo naqueles postos que vencían mandato e saían a concurso. 
  • Naquelas prazas que non vencen mandato van manter o texto orixinal, condicionando a aceptación do cese á decisión da XT.
  • Aceptarán as renuncias xa presentadas con anterioridade á publicación do borrador da orde e cuxas prazas xa figuraban no Anexo. 
  • Modificarán a redacción para que haxa informes do Claustro e do Consello Escolar. Só en casos excepcionais van aceptar prórrogas sen informes.

Información do desenvolvemento da mesa sectorial

Volver