A Consellaría reitera o seu desprezo pola negociación ao non convocar as reunións das vacantes provisionais para o próximo curso

Preto de 7.000 persoas (2.406 en infantil e primaria e 4.531 en secundaria e outras ensinanzas) obtiveron unha praza provisional o presente curso nos centros educativos de Galiza.

Cando apenas faltan nove días para a publicación da resolución provisional do Concurso de Adxudicación de Destinos Provisionais (CADP), a Consellaría de Educación segue sen remitir ás organizacións sindicais ningunha proposta de vacantes para negociar, nin tampouco convocou as obrigadas reunións coas Xuntas de Persoal Docente en ningunha das catro provincias.

Cómpre lembrar que esta situación non é nova: xa no verán pasado se convocaran as reunións fóra de prazo, cando xa non había marxe real de negociación. Nese contexto, a CIG-Ensino decidiu non asistir a esa “farsa” de reunións sen capacidade real de interlocución. Precisamente por isto, ao longo deste curso, en varias xuntanzas das Xuntas de Persoal coa administración, a CIG-Ensino solicitou expresamente que se convocasen as reunións de vacantes en tempo e forma. A realidade, porén, é que estamos ás portas da publicación da resolución provisional dos destinos que non teñen carácter fixo para o vindeiro curso, prevista para a vindeira semana, sen a oficial de vacantes que ten que presentar a Xunta e sen data de convocatoria das reunións provinciais.


Fragmento da acta da Xunta de Persoal Docente da provincia de Lugo de principios de xuño onde se solicita a convocatoria da reunión en tempo e forma.


 

Menos prazas de CADP, máis Plan MEGA

Non é casualidade que, mentres se recortan prazas imprescindíbeis para o normal funcionamento dos centros -como amosan as numerosas chamadas que está a recibir o sindicato maioritario estes días por parte das direccións-, a Consellaría siga apostando por precarizar o sistema educativo con programas como o Plan MEGA. Trátase dun plan pensado para reforzos puntuais en materia de atención á diversidade (especialistas de Pedagoxía Terapéutica e Audición e Linguaxe) e de competencias lingüísticas e matemáticas, sen custe directo para a Xunta, que a administración está a empregar de forma deliberada para recortar docentes.

Así, no pasado curso, profesorado contratado a través do Plan MEGA desempeñou titorías fundamentalmente en infantil e primaria e docencia ordinaria, sendo cesado o 30 de xuño, sen dereito ao salario dos meses de verán. A CIG-Ensino xa denunciou xudicialmente esta irregularidade, dado que estas contratacións deberían ser prazas ofertadas no CADP, con nomeamentos que obrigatoriamente terían que estenderse até o 31 de agosto.

Incumprimentos do Acordo asinado pola Consellaría coa representación sindical minoritaria do profesorado

A CIG-Ensino detectou tamén que en numerosos centros están a producirse agrupamentos de varias aulas que incumpren o acordo asinado polo presidente Rueda con UGT, ANPE e CCOO en Infantil e primeiro ciclo de Primaria. Isto está a dar lugar a situacións tan absurdas como que non permitan agrupar máis de 14 alumnas e alumnos en 1º e 2º de Primaria, pero si se poidan xuntar até 18 cando se mesturan 1º, 2º e 3º, evidenciando a improvisación e falta de rigor dos criterios aplicados.

 Así, a CIG tamén está recollendo datos sobre desdobres non autorizados cando grupos de 6º de infantil ou de primaria superan a ratio de 25 e sobre o incremento do número de alumnado que tiña unha determinada aula no momento da entrada en vigor do acordo e que, segundo este, non podería superar esa cifra nos seguintes anos sempre que se atopara entre 20 e 25.

Nestes intres queda claro, como denunciou a CIG-Ensino, que o acordo era totalmente insuficiente e deixaba fóra varias etapas educativas enteiras (ESO, Bacharelato e FP, entre outras) senón que a Xunta non ten vontade ningunha de cumprir o asinado.

Atención á diversidade recortada: máis burocracia e control político

As últimas instrucións da Consellaría introducen un novo sistema para a dotación “excepcional” de especialistas de Pedagoxía Terapéutica e Audición e Linguaxe nos centros educativos eliminando o concurso específico de prazas de Atención preferente e substituíndoo por unha comisión claramente política, sen participación sindical nin mecanismos de transparencia, na que participa o subdirector xeral de Inspección, tristemente coñecido polas súas declaracións insultantes contra o profesorado e contra a inclusión.

Este sistema, ademais de que nega absolutamente a negociación desas prazas nas Xuntas de Persoal, supón un incremento de burocracia para os propios centros educativos que teñen que xustificar a necesidade deste persoal especialista, degradando o papel que realiza a orientación educativa.

Volver