A Consellaría rectifica e inclúe o galego na enquisa de riscos psicosociais ao persoal dos centros docentes
A CIG-Ensino celebra o cambio e insiste na necesidade de loitar pola defensa do noso idioma ante o desinterese da administración
En menos de 24 horas fíxose o que antes semellaba imposíbel. A enquisa dirixida a todo o persoal, docente e non docente, dos centros educativos, pasou a ter opción en galego e nun novo correo enviado a todo o persoal aparece xa a nosa lingua. Aínda así, temos detectado erros ortográficos que non son de recibo.
Para que algo tan básico e fundamental fose posíbel (que un estudo encargado por unha administración pública chegue ás persoas destinatarias na lingua na que a Xunta se debe dirixir habitualmente á cidadanía), tivo que mediar unha denuncia pública da CIG-Ensino e un escrito dirixido á presidencia do Comité Intercentros de Seguridade e Saúde Laboral no que se alertaba da vulneración dos nosos dereitos lingüísticos e se demandaba a paralización do inquérito mentres non estivese dispoñíbel na nosa lingua.
O acontecido é extremadamente preocupante porque amosa os síntomas habituais dun goberno absolutamente desligado da súa obriga legal de potenciar o uso do noso idioma e de empregalo como lingua habitual de comunicación. Malia que nos alegramos por termos conseguido esta rectificación nun tempo tan rápido non nos deixa de preocupar que teñamos que estar permanentemente vixilantes de que un goberno cumpra a lei.
Un estudo xenérico e alleo á realidade docente
Unha vez solventada a desconsideración cara a nosa lingua, a CIG-Ensino non pode deixar de observar e destacar que o que se nos ofreceu como un estudo importante sobre os riscos psicosociais do persoal que desempeñamos o noso traballo no ensino público galego, non é máis que unha relación de cuestións xenéricas que non se adaptan á realidade do profesorado e do persoal non docente.
Estamos diante dun estudo que como moito pode servir para avaliar a satisfacción ou insatisfacción co noso traballo mais en ningún caso a existencia de queime profesional ou outros aspectos que identifican auténticos riscos psicosociais.
A totalidade das cuestións relativas a analizar a existencia de riscos psicosociais poderían estar dirixidas a calquera outra actividade profesional. Os centros educativos non son unha empresa máis, teñen unhas características propias que obrigarían, se houbese o máis mínimo interese por parte da Consellaría, a facer unha análise específica e orientada ao desempeño da nosa profesión, docente ou non docente, nos centros educativos.