A Consellaría rectifica as instrucións de comezo de curso nos IES, logo da denuncia da CIG-Ensino

Non haberá nin claustros nin reunións extraordinarias dos departamentos no mes de xullo, todos eles incompletos ao vetar o borrador a participación de parte dos seus integrantes

O pasado 3 de xuño a CIG-Ensino facía público un comunicado alertando da enorme gravidade que supoñía a decisión da Consellaría de obrigar a convocar antes do 15 de xullo, con carácter extraordinario, un claustro e reunións dos departamentos nos IES para decidir o reparto de grupos e horarios, excluíndo destas convocatorias ao persoal que non tivese nesa data destino definitivo no centro, ben por ter destino provisional ou por non se incorporar ao centro con destino definitivo até setembro.

Desde a CIG-Ensino considerabamos que quen redactara aquel borrador debía descoñecer o carácter integral dun órgano colexiado, que non pode ser convocado “por partes”: se se convoca un claustro convócase a todos os seus integrantes; nin se pode deixar de convocar a ningún integrante e debe ser escoitado todo o profesorado con dereito a participar, tanto quen está no centro como quen se incorpora a comezos  de setembro, que tamén ficaba excluído.

Logo da exixencia da CIG-Ensino dunha rectificación e da retirada dos apartados desas Instrucións que lexislan en contra da normativa en vigor, a Consellaría dá agora marcha atrás nas Instrucións finalmente publicadas no DOG e limítase a indicar que, tal e como se vén facendo habitualmente (coa necesaria adaptación aos novos prazos derivados das adxudicacións de destinos adiantada este curso), debe existir unha previsión da distribución provisional de materias, ámbitos, cursos, módulos e, se é o caso, quendas para o curso 2022/23, algo necesario para determinar que profesorado é necesario solicitar para destinos provisionais e que este ano debe estar pechado a 20 de xullo e non a comezos de setembro como era habitual.

Borrador

DOG

De conformidade co anterior, coa finalidade de determinar durante o mes de xullo as necesidades de profesorado que se precisarán no centro para o vindeiro curso, así como de que os institutos dispoñan de máis tempo para a organización e planificación do curso e de que o profesorado coñeza con maior antelación as materias e/ou ámbitos que terá que impartir no vindeiro curso, os centros docentes realizarán, antes do día 15 de xullo de 2022, un claustro extraordinario no que se aprobarán provisionalmente os criterios pedagóxicos para a elaboración dos horarios do alumnado. Nese claustro a xefatura de estudos comunicará ás xefaturas de departamento o número de grupos de alumnado que corresponde a cada área, materia e módulos. A dito claustro será convocado o profesorado que vaia prestar servizos no centro con destino definitivo no curso 2022-2023.

Inmediatamente despois do citado claustro reuniranse os distintos departamentos en sesión extraordinaria para realizar unha distribución provisional de áreas, materias, cursos, módulos e, se é o caso, quendas entre o persoal que forma parte destes de acordo cos criterios establecidos no punto 91 da Orde do 1 de agosto de 1997 pola que se ditan instrucións para o desenvolvemento do Decreto 324/1996 polo que se aproba o Regulamento orgánico dos institutos de educación secundaria e se establece a súa organización e funcionamento. De todas as circunstancias e acordos que se produzan na dita reunión levantarase acta. Ao final da reunión cada departamento entregará copia da acta á xefatura de estudos.

2. A dirección do centro enviará antes do día 20 de xullo de 2022 ao Servizo Territorial de Inspección Educativa unha síntese das necesidades de profesorado a partir da distribución provisional realizada polos departamentos. O dito servizo comprobará a súa adecuación á normativa vixente.

3. A partir do 1 de setembro de 2022 os institutos de educación secundaria realizarán as actuacións referidas á elección de horarios que se establecen na citada Orde do 1 de agosto de 1997, nas que os departamentos, de non houber ningunha xustificación motivada que o impida conforme a normativa vixente, confirmarán a distribución provisional de áreas, materias, cursos, módulos e, se é o caso, quendas entre o persoal que forma parte destes.

De conformidade co anterior, coa finalidade de determinar durante o mes de xullo as necesidades de profesorado que se precisarán no centro para o vindeiro curso, así como de que os centros dispoñan de máis tempo para a organización e planificación do curso e de que o profesorado coñeza con maior antelación as materias, ámbitos e/ou módulos que terá que impartir no vindeiro curso, os centros docentes realizarán, antes do día 15 de xullo de 2022, unha distribución provisional de materias, ámbitos, cursos, módulos e, se é o caso, quendas para o curso 2022/23 de acordo cos criterios establecidos na lexislación vixente.

2. A dirección do centro enviará antes do día 20 de xullo de 2022 ao Servizo Territorial de Inspección Educativa unha síntese das necesidades de profesorado a partir da distribución provisional realizada. O dito servizo comprobará a súa adecuación á normativa vixente.

3. A partir do 1 de setembro de 2022 os centros docentes realizarán as actuacións referidas áelección de horarios que se establece na lexislación vixente e, se non houber ningunha xustificación motivada que o impida conforme a normativa de aplicación, con- firmarán a distribución provisional de materias, ámbitos, cursos, módulos e, se é o caso, quendas entre o persoal que forma parte dos departamentos.

Ligazón ao borrador

Ligazón ao DOG

A asignación de horarios e grupos deberá facerse como é legal, en reunións dos departamentos a comezos de setembro

A distribución provisional realizada no mes de xullo, para poder coñecer as necesidades de profesorado (afíns a impartir, asignación a un departamento ou outro de determinados módulos ou materias etc), deberá confirmarse no mes de setembro. A asignación a cada docente dos cursos a impartir deberá facerse como se marca na normativa vixente, convocando a todos os integrantes dos departamentos e tal e como se recolle na normativa de elección de horarios, regulada na orde que desenvolve o ROC dos IES.

Volver