A Consellaría recoñece que as instrucións sobre as probas libres das EOI neste curso non tiñan carácter normativo

Así o vén de comunicar a representación legal da Xunta na resposta á demanda do sindicato contra a Resolución do 17 de xuño de 2021

A asesoría xurídica da Xunta emenda á propia Consellaría de Educación na resposta que dirixe ao xulgado pola demanda da CIG-Ensino contra a Resolución da Secretaría Xeral de Educación e Formación Profesional, pola que se ditan instrucións para as EOI no curso actual.

No escrito, a asesoría da Xunta indica expresamente o seguinte, en referencia ao apartado 20, puntos 2 e 5 da Resolución (motivo da demanda do sindicato):

“trátase de dar a coñecer as pautas de aplicación no curso actual nas escolas oficiais de idiomas, pero non teñen natureza normativa senón que expresamente se remiten a nova ordenación que se dite en desenvolvemento da norma estatal.”

Con esta resposta, a resolución impugnada xa non tería por obxeto desenvolver a normativa estatal(como indicaba anteriormente a propia Consellaría recoñecendo o carácter normativo), senón que tan só procuraría dar a coñecer pautas de aplicación”: unha volta por completo ao argumentario previo que, dun xeito “evasivo” e indirecto, dálle a razón ao recurso da CIG-Ensino.

O sindicato insta á Consellaría a abandonar a imposición e buscar o consenso cos centros educativos.

Debemos lembrar que o recurso naceu precisamente pola modificación que se estabelecía nas datas das probas libres, cambiadas para o mes de febreiro de 2022. Hai que ter en conta que a normativa actual di que as probas libres teñen que ser comúns ás probas ordinarias e isto non se cumpriría nesta resolución.

Como xa dixemos, a CIG-Ensino era conscidente cando presentou a demanda, que esta non ía interromper a ordenación destas probas no calendario imposto pola Consellaría para este curso escolar mais considerabamos que o proceder autoritario da Consellaría, con decisións adoptadas de costas ao profesorado das EOI non se podía pasar por alto, sobre todo se, como consideramos, pasa por riba da normativa vixente. 

Unha vez que se recoñece o que se demandaba, á CIG-Ensino só lle resta exixirlle á Administración educativa que deixe a liña de tomar decisións unilaterais e que só producen malestar entre o profesorado e problemas de xestión nas escolas oficiais de idiomas. O que debe facer a Consellaría e prestar atención ao que lle di o profesorado en xeral e as equipas directivas en particular de cara a unha correcta organización das ensinanzas de idiomas. Non é a primeira vez que se actúa dun xeito despótico e a mellor noticia para todas e todos sería que fose a última. Rectifiquen e atendan a quen están no día a día no traballo docente e de xestión das EOI.

Volver