A Consellaría publicará unha corrección de erros do concurso excepcional

Advertida pola CIG-Ensino dun erro no texto publicado, a modificación publicarase en breve no DOG

Detectados erros na orde pola que se convoca o concurso de estabilización mediante concurso de méritos, e postos en contacto coa administración, a Consellaría comunícanos que van publicar unha corrección no artigo 13.3 de criterios de desempate, xa que hai unha duplicidade nos dous primeiros apartados no texto publicado. 

Criterios de desempate

No apartado 13.3. sobre resolución dos empates, no apartado a) falan de epígrafes no lugar de apartados, repetíndose polo tanto o apartado b).

O artigo, á espera da redacción final, quedaría así: 

  1. Maior puntuación en cada un dos apartados do baremo, pola orde en que aparecen no anexo II da presente convocatoria. (I,II,III)
  2. Maior puntuación en cada unha das epígrafes do baremo, pola orde en que aparecen no anexo II da presente convocatoria. (1.1, 1.2,…2.1, 2.2…)
  3. Maior puntuación en cada unha das subepígrafes do baremo, pola orde en que aparecen no anexo II da presente convocatoria. (2.2.1, 2.2.2….)
  4. Maior tempo de servizos na especialidade pola que se participa computados en anos, meses e días. 

Incidencia na alegación de méritos en centros públicos non dependentes da Consellaría.

Existen tamén incidencias nos despregábeis das alegacións aos “destinos” cando se pretende alegar tempo de traballo nestes centros. A aplicación está deseñada para servizos propios en corpos docentes, cando o profesorado que prestou servizos en centros que non dependen da administración educativa non forma parte de ningún corpo. Advertida deste erro, desde a Consellaría indican que se cumprimente igualmente o corpo e especialidade equivalente ao traballado xa que o determinante e revisábel pola Comisión vai ser sempre o anexo que se achegue para xustificar ese tempo traballado. 

Hai tamén problemas derivados da non incorporación de todos os centros existentes, públicos ou privados, ou mesmo da non incorporación dalgún xa pechado. Así, non aparecen cargadas multitude de escolas infantís, como é o caso das dependentes do Consorcio (Galiñas Azuis). Á espera de que busquen unha solución, que é posíbel que pase pola creación dun centro xenérico, e como no caso anterior, o relevante é sempre a documentación acreditativa.

Volver