A Consellaría non comezará a chamar ao persoal substituto até o luns 9 de setembro

A CIG-Ensino critica os prazos cos que opera a administración e entende que os chamamentos xa se deberían estar facendo, procurando que as mestras e mestres substitutos puidesen estar nos centros con antelación ao inicio de curso

O curso escolar comezará en Infantil e Primaria o mércores 11 de setembro e a día de hoxe a Consellaría de Educación non comezou aínda os chamamentos para cubrir interinidades nin substitucións no corpo de mestres. A intención da administración educativa é chamar a partir do luns 9.

Desde a CIG-Ensino entendemos que eses chamamentos xa se deberían estar a producir, sobre todo nos casos de interinidades para todo o curso escolar que a día de hoxe xa sabemos que existen. Deste xeito ese profesorado podería incorporarse canto antes aos centros e participar xa nas tarefas de organización pedagóxica previas ao comezo das actividades lectivas. Ao respecto das substitucións, comezar canto antes evitaría que, como sucede curso tras curso, se tarden varios días en cubrir substitución, provocando que o alumnado non teña ao persoal docente que require e que se sobrecargue ao resto do equipo educativo.

Falta de rigor e respecto ás especialidades docentes na cobertura das prazas vacantes.

A CIG-Ensino trasladoulle á Consellaría de Educación a queixa pola falta de rigor da Inspección Educativa á hora de controlar os perfís dalgunhas prazas que se adxudicaron nos destinos provisionais do corpo de mestres, con especial incidencia no caso de Francés de Primaria.

Para o sindicato, a administración e as inspeccións deben ser respectuosas coas especialidades e cubrir as prazas con arranxo ao catálogo de postos de traballo. Ofertar unha vacante por unha especialidade diferente á que figura no catálogo ten que ser absolutamente excepcional e previo informe da Xunta de Persoal. Todo o demais é entrar na arbitrariedade, provocando como efecto que persoal interino dunha especialidade poida quedar sen traballo ou empeorar o seu destino ao se reducir o número de prazas.

A Consellaría vén de se comprometer a que re respecten os perfís das prazas e que se oferte segundo figuran nos catálogos. Desde a CIG-Ensino estaremos vixilantes para que se cumpras os catálogos e se respecten as especialidades.

 

Volver