A Consellaría non abre o programa Proa+ a novas necesidades dos centros
A administración só contempla a prórroga cos centros que contaron con profesorado PROA no curso pasado mentres o sindicato volve esixir que as necesidades de atención educativa se cubran con ampliación dos cadros de persoal
Desde a CIG-Ensino tivemos constancia nestes días dun correo electrónico remitido pola Consellaría aos centros educativos nos que o curso pasado se desenvolveu o programa Proa+ para que indicaran se querían continuar facendo uso do citado programa no curso actual.
Desde o sindicato temos denunciado en numerosas ocasións que os programas ARCO, PROA e similares non son máis que parches e que o que tiña que facer a Consellaría é dotar aos centros educativos do profesorado necesario nos seus cadros de persoal para atender todas as necesidades educativas, e máis aínda se falamos de necesidades específicas de apoio educativo. O que nos parece máis preocupante, se cabe, é que a Consellaría non vaia abrir a máis centros a posibilidade de acceder a estes recursos de profesorado temporal, limitándose a conceder a prórroga do Proa+ a quen xa a ten, como se a realidade do noso alumnado fose algo inamovíbel e non puideran aparecer novas necesidades.
Unha vez que a solución optada pola Consellaría para cubrir os reforzos pasa polos citados programas, o menos que podería facer unha administración minimamente responsábel e analizar as necesidades cada curso, algo que polo visto non vai facer a Xunta. Neste momento, non se sabe aínda se todos os centros can continuar co profesorado do curso pasado e, de non ser así, se a administración garantiría o mantemento do total de docentes previstos ou se tamén aquí aplicaría un recorte.
Non haberá contratacións ARCO
Por outro lado, a Consellaría de Educación confirmoulle á CIG-Ensino que este ano non está previsto que haxa contratacións con cargo ao programa ARCO pola inexistencia de fondos do Ministerio de Educación. É dicir, que o límite do esforzo da administración galega parece estar vinculado directamente con que exista quen se faga cargo de todo ou parte do gasto en persoal. Se en cursos como o anterior se producía un retraso da administración educativa na posta en marcha destas contratacións ARCO que levou a reducir a duración dos contratos, como xa denunciou a CIG-Ensino, neste curso todo indica que xa non haberá ningún contrato por esta vía.
Desde a CIG-Ensino instamos á administración a rectificar na súa política de programas e en transformar eses recursos nunha ampliación dos cadros docentes e, transitoriamente, a abrir a oferta de programas a novos centros educativos a maiores dos actuais e suplir a ausencia de contratacións ARCO cun estudo rigoroso das necesidades dos centros para dotalos con profesorado de apoio para este curso escolar.