A Consellaría negouse a proporcionar o dato de profesorado e cátedras por especialidades impedindo coñecer se a distribución é equilibrada ou non
Transparencia CERO
Despois de serlle solicitada pola CIG-Ensino esta información por escrito e de novo na Mesa Sectorial de hoxe, os representantes da administración volveron actuar con total falta de transparencia, negándose a dar a cifra de docentes por especialidades, con indicación das catedráticas ou catedráticas existentes en cada especialidade. Limitáronse a explicar que aplicaran “unha porcentaxe proporcional”.
Dada a limitación existente na LOE de que o número de cátedras non debe sobrepasar o 30% do total de profesorado dunha especialidade, a falta de datos concretos impide que desde a CIG-Ensino se poida facer unha avaliación sobre a distribución das prazas de acceso a cátedras que fixo pública hoxe a Consellaría entre as especialidades dos distintos corpos de cátedras de ensino secundario, de escolas oficiais de idiomas e de artes plásticas e deseño. A administración só confirmou que non se chega a ese 30% do total de profesorado.
A CIG-Ensino acusou á Consellaría de Educación unha vez máis de falta de transparencia e de mala fe na negociación, como xa aconteceu con anterioridade no caso das oposicións, ao negarse a subministrar os datos que lle foron solicitados por escrito sobre o número de profesorado en activo actualmente nos corpos de PES, Artes Plásticas e EOI en cada especialidade. Os seus representantes limitáronse a explicar que para realizar a distribución que hoxe deron a coñecer de número de prazas por especialidade para o acceso a cátedras aplicaron a “porcentaxe proporcional do número de persoas catedráticas que existe actualmente en cada especialidade” e negáronse a facilitar un dato fundamental para as organizacións representativas do profesorado galego.
O requisito dos 8 anos como funcionariado. Como non pode ser doutro xeito, estamos claramente a favor que no cómputo dos 8 anos de antigüidade para poder participar se computen todos os anos traballados, como fixo ou interino. O contrario sería ir contra toda a xurisprudencia europea, estatal e galega e mesmo contra a propia decisión do acceso a cátedras de CMUS no 2018. Gustaríanos que non se sementasen dúbidas sobre este tema como se fai alegremente por parte dalgunha organización sindical.
Rexistro de solicitudes. Segue a chamarnos a atención a diferenza de criterio da Consellaría en cada proceso que convoca: ás veces unicamente por sede electrónica e outras veces non.
Acceso por máis dunha especialidade. Non estamos de acordo coa redacción do artigo 8.4. Cremos que a persoa que poida acadar dúas prazas debe ter a opción de elixir cal quere sen que sexa decidido pola Consellaría en función do destino que teña. A Consellaría non o vai modificar aínda que recoñece que a incidencia sería mínima.
Requisito de tutela investigadora para cátedras de Artes Plásticas e Deseño. O artigo 39 do RD de acceso só fixa este requisito para cátedras de música e artes escénicas, polo que parecería correcto o que fai a Consellaría ao non o incluír este requisito para este corpo mais o certo é que hoxe as EASD imparten titulacións equivalentes a Grao e na propia normativa galega para estas ensinanzas se indica que se fomentarán programas de investigación científica, o que implicaría cumprir coa tutela investigadora. Temos de novo un problema de desfase da normativa do RD de acceso e queremos saber se a Consellaría revisou xuridicamente esta decisión. A Consellaría recoñece que podería haber dúbidas no caso das tres especialidades que imparten docencia na Escola de Conservación e Restauración de Bens Culturais e que o van revisar, xa que só poden impartir estudos superiores equivalentes a Grao. Non así no caso das demais especialidades xa que poden tamén impartir ciclos.
Baremo
A orde que vén á Mesa está claramente limitada polo Real Decreto 276/2007 de acceso. Malia iso, o baremo permite unha marxe de manobra, respectando os mínimos esixidos de puntuación en cada apartado. Botamos de menos que a Consellaría non mantivese unha certa homoxeneidade nos baremos, desde a convocatoria de 2007 a outras recentes, como o acceso de A2 a A1 ou o acceso a cátedras de 2018.
Precisamente por coherencia co que defendemos con anterioridade, estas son as nosas propostas:
- Apartado 1.1. A puntuación por servizos prestados debe ser superior. No acceso a cátedras do 2007 era 0,4. Esa é a nosa proposta.
- Nesta convocatoria de novo se vai ver prexudicada xente que como interina ou expectativa impartiu docencia da súa especialidade noutro corpo cando as listas eran únicas (inglés, francés, galego de EOI-PES). É discriminatorio e debe puntuarse como tempo no corpo polo que se estaba en listas ou expectativa. Non o aceptan.
- Apartado 1.2.3. Hai unha limitación na puntuación da coordinación das TIC, xa que se indica que só se puntúan nos CIFP. Todos os departamentos e coordinacións autorizados en calquera centro deben se puntuados. Así foi neste caso no acceso a cátedras de CMUS. Tamén neste apartado entendemos que se debe baremar a titoría docente. Hoxe en día, pode ter en moitos casos tanta carga de traballo ou mais que a xefatura de departamento. Van revisar a coordinación das TIC mais non incluirán a titoría.
- Apartado 1.2.4. Postos de nivel 26 na administración educativa. A puntuación deste apartado é totalmente inxusta xa que se premia o exercicio de postos de traballo que non teñen nada que ver coa docencia. Non o aceptan.
- Apartado 2. Cursos de formación.
- Solicitamos que a puntuación dos cursos non estea limitada por un mínimo de 10 horas e que por tanto os restos de horas se puntúen proporcionalmente, tanto para cursos superados como impartidos. Non o aceptan.
- Para completar a puntuación máxima deste apartado son precisas un total de 1200 horas de formación (impartidas ou superadas). Hai participación en programas de innovación, titoría de prácticas ou mestrados que expresamente non se puntúan (Disp. Compl. 6ª. 1). Solicitamos que se puntúen. Non queren ampliar máis este apartado.
- Apartado 3.1.Méritos académicos. Nas diferentes subepígrafes deste apartado dánse moitas diferenzas ao respecto de convocatorias similares previas.
- 1.a) Doutoramento. Disparidade na puntuación. Cátedras 2007 (1,2 puntos), acceso A1-A1 (0,75 puntos), Cátedras CMUS 2018 (0,5). A puntuación dun doutoramento é superior, o que nos parece máis lóxico. O incremento desta puntuación tamén se debe acompañar coa revisión das demais subepígrafes (máster, grao, etc..). O noso obxectivo é facilitar que se chegue ao tope de puntuación do apartado (1,5 puntos) a quen teña 2 titulacións superiores a maiores das de acceso. Non ten sentido o cambio radical na diferenza de puntuación entre o doutoramento (de 1,2 a a 0,5) mentres o Grao se mantén en 0,3. Van revisar a puntuación de doutoramento e o equilibrio entre as diferentes titulacións.
- Só se puntúa un título académico en cada subepígrafe. O lóxico é que haxa un mesmo criterio, tanto en titulacións superiores como en idiomas e que se puntuara “por cada” título. Do contrario se produce un desequilibrio claro na “importancia” que se lle dá a cada apartado. Tras recoñecer que poderían facelo ao non estar limitados polo RD, afirman que manterán a limitación a unha soa titulación.
- Solicitamos, xa que non o limita o RD, que neste apartado tamén se puntúe os niveis correspondentes de galego. Non o van facer, malia ter competencia para tomar esta decisión.
- En cátedras nunca se puntuaron as ensinanzas de FP ou réxime especial, como si se fai no CXT. Parece que se se puntúa o coñecemento de idiomas tamén se debería puntuar esta formación, especialmente cando garda relación coa especialidade (ensinanzas deportivas, musicais, FP, etc…). Non incluirán ningunha destas ensinanzas.
- Damos por feito que nos apartados 3.1.5 e 3.1.6 os títulos deben ser diferentes ao alegado para acceso ao corpo mais debe indicarse máis claramente. Así é e aclararano no texto.
- Apartado 3.2 Publicacións, proxectos, méritos artísticos.
- Xustificación das publicacións. Se no prazo de presentación de instancias non se puido completar a documentación xustificativa ou certificacións das empresas ou administración debe darse por presentada igualmente en prazo e requirírselle por parte do tribunal. Nalgúns caso pode ser problemático (revistas internacionais, etc…). Non van cambiar o texto nin modificar prazos aínda que entenden que podería ser emendada calquera deficiencia ou ausencia sempre que se alegara en prazo unha publicación.
- Introdúcese unha novidade específica para Educación Física que non acabamos de compartir. Que se puntúe ser un deportista de alto nivel e que, por exemplo, non se puntúe outra formación específica relacionada co deporte pode ser, para postos de traballo docentes, contraditorio. Preguntámonos tamén se, guiados por este criterio, non se debería valorar ser unha escritora nunha determinada lingua ou un instrumentista de recoñecido prestixio. Cremos que este mérito introduce incoherencia con outras especialidades no baremo e mesmo un criterio discutíbel para o profesorado de EF. Recoñecen que un tema que van revisar e que mesmo non saben se afecta a alguén e que un decreto sobre deportistas de alto nivel indica que hai que valorar especialmente esta condición (mais en ningún caso de indica que debe ser para unha convocatoria como esta). Non van introducir outros recoñecementos e van revisar se manteñen o de EF ou non.
- Hai experiencias profesionais relacionadas directa ou indirectamente co posto de traballo desde o que se participa que non se teñen en conta e cabería valorar se poden ter cabida no apartado 3.2.: a colaboración co CIUG, a impartición de docencia na universidade como colaborador ou asociado, etc… Non van introducir ningún cambio.
- 2.4. Premios con prestixio. Non entendemos que deba quedar a xuízo do tribunal decidir se un premio nunha exposición, concurso ou certame ten prestixio ou non. Introduce un elemento de subxectividade que non compartimos. Afirman que aínda que retiren que sexa o tribunal que o faga, dalgunha maneira haberá que dirimir que premio ten prestixio ou non.
- Solicitamos que non haxa que xustificar ningún mérito que figure nos datos persoais e fose baremado previamente nun CXT, incluídas as publicacións. Do contrario obrigamos os concursantes a entregar novamente o que xa lle consta á administración. Malia non coincidir a puntuación co baremo do CXT as persoas aspirantes poderían acollerse a baremación feita e o tribunal só tería que adaptar esa baremación. Van revisar se poden facelo tecnicamente xa que coinciden en que tanto para participantes como mesmo para a Consellaría sería mellor.
- Hai un erro na puntuación de coautora de revista (0,600 en vez de 0,0600). Corrixirán
- Os premios do apartado 3.2.2. puntuáronse 0,15 en cátedras de CMUS. Non o cambiarán.
En resumo e sobre o conxunto do baremo, a Consellaría afirma que parten da convocatoria de CMUS do 2018 e non da orde de 2007 e que atender todas as nosas alegacións provocaría que houbese moito profesorado que chegase ao tope de puntuación, polo que son partidarios de manter a estrutura do baremo para introducir elementos que limiten que se poida acadar ese tope do 10 puntos.
Como CIG-Ensino estamos en desacordo con ese criterio e entendemos que a carreira profesional debe valorar especialmente o noso traballo como profesorado así como a formación continua. Hai elementos no baremo actual que priman outros criterios e hai cuestións relacionadas coa nosa práctica docente que non se teñen en conta.
Desglose de prazas por especialidade
Filosofía: 36 (3)
Grego: 5 (-)
Latín: 9 (1)
Lingua castelá e literatura 103 (8)
Xeografía e historia 90 (7)
Matemáticas 123 (9)
Física e química 60 (4)
Debuxo 38 (3)
Francés 48 (4)
Inglés 87 (6)
Alemán (2)
Música 42 (3)
Ed. Física 61 (4)
Orientación 36 (3)
Tecnoloxía 67 (5)
Lingua e literatura galega 85 (6)
Ec onomía 21 (2)
Administración de empresas 22 (2)
Análise e química industrial 4 (-)
Asesoría e procesos de imaxe persoal 4 (-)
Construcións civís e edificación 3 (-)
FOL 33 (3)
Hostalaría e turismo 7 (1)
Informática 20 (2)
Intervención sociocomunitaria 9 (1)
Navegacións e instalación mariñas 1 (-)
Organización e xestión comercial 9 (1)
Organización e procesos de mantemento de vehículos 9 (1)
Organización e proxectos de fabricación mecánica 10 (1)
Organización e proxectos de sistemas enerxéticos 5 (-)
Procesos de produción agraria 4 (-)
Procesos na industria alimentaria 3 (-)
Procesos diagnósticos clínicos e produtos ortoprotésicos 6 (-)
Procesos sanitarios 6 (-)
Procesos e medios de comunicación 3 (-)
Procesos e produtos en artes gráficas 1 (-)
Procesos e produtos en madeira e moble 3 (-)
Sistemas electrónicos 9 (1)
Sistemas electrotécnicos e automáticos 9 (1)
Alemán 6 (1)
Español 1 (0)
Francés 6 (1)
Galego 2 (0)
Inglés 24 (2)
Italiano 4 (0)
Portugués 3 (0)
Conservación e restauración de materiais arqueolóxicos 1 (0)
Conservación e restauración de obras escultóricas 1 (0)
Conservación e restauración de obras pictóricas 1 (0)
Debuxo artístico e cor 1 (1)
Debuxo técnico 1 (0)
Deseño de interiores 2 (0)
Deseño de produto 1 (0)
Deseño gráfico 2 (0)
Fotografía 2 (0)
Historia da arte 1 (0)
Medios audiovisuais 1 (0)
Medios informáticos 1 (0)
Volume 2 (0)