A Consellaría modificou a normativa sobre comisións de conciliación sen convocar a Mesa Sectorial.
A CIG-Ensino presenta un escrito demandando a negociación da orde publicada no DOG
A orde de comisións de servizo de conciliación introduce unha serie de modificacións nos requisitos que deben cumprir os solicitantes desta modalidade de comisións de servizo. Esta decisión unilateral da Consellaría únese ao auténtico despropósito no que a Xunta converteu o texto do borrador de Decreto polo que se regula a cobertura de diversas prazas en réxime de comisión de servizos para persoal docente, que leva desaparecido desde o seu accidentado pase pola Mesa Sectorial a principios de xuño de 2011.
Naquelas datas a Consellaría presentou un borrador de decreto que introducía algunhas modificacións de moito calado nas condicións da perda do destino docente (modificando radicalmente o Decreto 140/2006), e agrupaba nun mesmo texto legal as diversas modalidades de comisións de servizo existentes, introducindo algúns cambios nalgunhas delas totalmente rexeitábeis desde a perspectiva da CIG-Ensino.
A presentación deste borrador de decreto coincidiu coa imposición por parte da Consellaría dos cambios na xornada de traballo dos docentes, o que levou a que a CIG e outras organizacións sindicais se negasen a negociar ningún outro tema mentres o Conselleiro non recibise ás organizacións sindicais e retirase a ampliación de horario lectivo que acabo derivando nas mobilizacións masivas de remate do curso 2010/11 e inicio do 2011/12. Tan só CC.OO. e ANPE permaneceron aquel día, en contra do criterio maioritario das demais organizacións sindicais, naquela mesa sectorial, que acabo converténdose nunha pantomima.
A CIG-Ensino fixo entrega por rexistro das súas achegas a este borrador, ao entender que o texto era moi deficiente, incorrendo mesmo en presuntas ilegalidades e, sendo moi mellorábel na súa totalidade.
Con posterioridade, e sen previa negociación, a Consellaría colgou na súa web un segundo borrador. Neste modificábanse algúns aspectos do primeiro, aínda que se mantiñan os aspectos básicos.
Despois de 9 meses, e sen que se teña noticia algunha do que aconteceu con aquel famoso borrador de decreto, a Consellaría publica unha modificación dunha das modalidades de comisións de servizo que se recollía naquel borrador, as de conciliación da vida laboral e familiar. E como dicimos, faino de novo prescindindo da obrigatoria convocatoria da Mesa Sectorial, e modificando unha vez máis o que nos deran a coñecer nos vellos borradores.
Situación anterior |
Modificacións da Consellaría (marzo 2012) |
Propostas da CIG-Ensino (xuño 2011) |
IDADES DOS FILLOS/AS 1 fillo menor de 3 anos 2 fillos menores de 5 anos 3 fillos menores de 10 anos Data para ter cumpridos os anos: prazo de presentación de instancias (2ª quincena de maio) |
A Consellaría incluíu no texto agora publicado parte da proposta que a CIG lle remitiu en xuño de 2011: IDADES DOS FILLOS/AS: 1 fillo menor de 4 anos 2 fillos menores de 6 anos 3 fillos menores de 12 anos Data para ter cumpridos os anos: 31 de agosto |
Ademais do recollido pola Consellaría a CIG-Ensino propoñía: “que no caso de familias monoparentais ou pais ou nais separados e coa custodia, a idade límite dos fillos se incremente un ano: 5, 7 e 13 respectivamente.”
|
DISTANCIA OU TEMPO Distancia ao centro de destino superior a 60Km ou unha hora de duración da viaxe da localidade que se solicita |
DISTANCIA Distancia ao centro de destino superior a 60Km dos centros ou localidade, que se solicitan en primeiro lugar. |
Contabilizar as distancias desde a localidade de residencia. Reducir a distancia xeral a 50 Km e que se substitúa “localidade que se solicita” por “todas as localidades ou centros que se solicitan”. Reducir os quilómetros de distancia cando se trata de centros con xornada partida ou mixta (40 Km). |
Como se pode observar no cadro, hai elementos que a Consellaría non incluíu no texto agora publicado no DOG que son absolutamente razoábeis (favorecer a familias monoparentais ou coa custodia dun dos pais), xa que inciden precisamente en colectivos con peores condicións persoais para conciliar a súa vida laboral e familiar. Igual acontece co persoal que ten o seu destino en centros con xornada partida ou con varias quendas de traballo, xa que nestes casos aínda teñen maior relevancia os horarios do centro de trabalo que a propia distancia en si.
Por outro lado, a aposta da Consellaría por centrarse na quilometraxe e non no tempo de desprazamento supón, para a CIG-Ensino un erro e unha discriminación con aquelas persoas que teñen que transitar por zonas do país con peores comunicacións e nas que as distancias teñen menos relevancia que o tempo que leva percorrelas.
A CIG-Ensino ven de solicitar por escrito que na próxima Mesa Sectorial se inclúa na orde do día a negociación desta orde. Fixémolo porque é unha obriga da Consellaría respectar os marcos de negociación e porque estamos convencidos de que non existen razóns para non mellorar o texto publicado no DOG coas propostas feitas pola CIG-Ensino, ou aquelas que puidesen presentar outras OO.SS. Non existen problemas de tempo para facelo xa que o primeiro prazo para solicitar as comisións de concilia (para aquel persoal que non participou no CXT) non comeza até a segunda quincena de maio.