A Consellaría modifica a relación de titulacións para incorporarse a listaxes de substitucións en varias especialidades

A ampliación, que non modifica os prazos, atende varias reclamacións presentadas pola CIG-Ensino, mais desbota outras que desde o sindicato seguimos a reclamar.

A Consellaría de Educación vén de publicar no DOG unha segunda corrección de erros á orde da convocatoria que regula o procedemento selectivo de persoal docente deste ano, sen que se modifique o prazo de presentación de solicitudes, rematado xa o pasado 13 de abril.

A corrección de erros atende varias reclamacións presentadas pola CIG-Ensino, logo de recibir numerosas queixas de persoas opositoras, e afecta en exclusiva á base vixésimo cuarta da convocatoria, que fai referencia ás titulacións que permiten acceder ás listaxes de interinidades e substitucións no caso de non superar a primeira proba. Porén, esta relación de titulacións non ten incidencia sobre o persoal docente que xa está nestas listaxes, independentemente da titulación coa que accederan. 

Para a CIG-Ensino a corrección é incompleta ao non incorporar algunhas das demandas que desde o sindicato lle trasladamos á Dirección Xeral, tanto na Mesa Sectorial como en escritos enviados posteriormente. Así, a Consellaría non incorpora a Enxeñaría Química nas especialidades de Organización e Proxectos de Sistemas Enerxéticos e na de Instalacións de Mantemento de Equipos Térmicos e de Fluídos, a pesar de termos demostrado que as diferenzas nos programas de estudo entre a antiga Enxeñaría e o novo Grao que a substitúe non xustifican a exclusión de Enxeñaría Química. 

Igual acontece no caso das Diplomaturas de Relacións Laborais ou Turismo, mentres que si se acepta a nosa demanda de incorporar os Graos correspondentes, cando esas diplomaturas aparecían, por exemplo, para formar parte da listase de Procesos Comerciais no ano 2014. 

Costa traballo entender, por tanto, que non se atenderan estas demandas nesta corrección de erros e, aínda que consideramos positivos os cambios efectuados, mantemos a nosa solicitude, máxime cando eses cambios, como acabamos de ver, non afectan a ningún prazo.

Podes consultar toda a información sobre o procedemento de concurso-oposición de 2018 nas seguintes ligazóns:

Volver