A Consellaría mantén o silencio sobre a situación COVID nos centros educativos

A CIG-Ensino denuncia que a Administración educativa está ocultando información sobre o grave empeoramento da situación da pandemia

O sindicato maioritario do ensino público galego ve unha irresponsabilidade o feito de que a Xunta de Galiza esconda os datos da Covid-19 nos centros educativos ao publicar os datos de incidencia unha soa vez á semana e, ademais, que nesta información se manteña a falta de información sobre os grupos afectados: profesorado, alumnado ou outro persoal dos centros educativos. Despois de máis dun ano con ensino presencial en pandemia, a Xunta é das escasas administracións que non achega datos segregados que ofrezan unha imaxe detallada da realidade da incidencia e que sirva de referencia e estudo do que tirar conclusións.

Na última reunión coas Consellarías de Sanidade e Educación a CIG-Ensino propuxo que se proporcionaran todos estes datos por colectivos, tipoloxía de centros etc, precisamente coa intención de poder analizar se a pandemia tiña unha maior afectación en función de grupos de idade, ratios das aulas ou tamaño dos centros, entre outros. Nesa reunión, o conselleiro de Sanidade chegou a afirmar que ese nivel de detalle era posíbel. Porén, máis de dous meses despois, segue o hermetismo e a falta de transparencia.

Continúan subindo os contaxios de Covid-19 nos centros educativos

No curso actual o número de aulas que están pechando aumentou moito en comparación ao curso pasado, xa que falamos de máis dun centenar. Datos publicados en medios de comunicación cifran en máis de 1300 os casos activos nos centros educativos galegos.

O alumnado menor de 12 anos, aínda por vacinar, é o protagonista na rápida progresión das cifras de afectados da Covid nos centros educativos. A día de hoxe non temos información oficial de se se levará a cabo e cando se fará.

A CIG-Ensino reitera a súa crítica á estratexia comunicativa da Consellaría, que desde comezo de curso vendeu a falsa realidade de que este ano acabou a pandemia nos centros de ensino. A situación actual garda relación coa falta de vacinación do alumando mais tamén é o resultado dos recortes de profesorado e de non querer facer desdobres en infantil e primaria. O feito de que, afortunadamente, os nenos e nenas non enfermen gravemente e que esta situación non implique un problema de colapso do sistema sanitario non significa que non se estean producindo nos propios centros contaxios, gromos e problemas serios para as familias das crianzas enfermas, tanto de conciliación como de contaxios. É por iso que desde a CIG-Ensino demandamos da Consellaría que tome medidas tanto en materia preventiva como de información. Como vimos insistimos desde o comezo da pandemia, a falacia dos grupos burbulla non se sostén. O que se debe facer e limitar ao máximo as ratios e, como mínimo, deberíanse ter mantidos todos os desdobres autorizados o curso pasado, así como as contratacións de profesorado de apoio necesario.

Ausencia total de transparencia por parte da Xunta de Galiza

A CIG-Ensino insiste na ausencia total de transparencia por parte do departamento de Educación. Como exemplo de transparencia, se se accede no día de hoxe á ligazón sobre a Información Covid centros educativos non universitarios poderase comprobar o baleiro existente ao non ter publicado ningún dato.

CIG

Desde o sindicato volvemos exixir un informe pormenorizado da situación pandémica e que se publiquen diariamente e sectorializados, tanto por tipo de centro como por persoal afectado, os datos da incidencia da Covid neste curso.

Volver