A Consellaría manipula o profesorado en prácticas para procurar que asista a un acto “de benvida” non obrigatorio

Logo do fracaso da xornada dirixida ao corpo de mestres, desde a Consellaría enviouse un SMS mentindo e cualificando como obrigatoria unha actividade totalmente voluntaria e cun marcado carácter propagandístico

Os teléfonos móbiles dos 1.138 docentes dos corpos de secundaria que veñen de superar os procesos selectivos e comezan a súa andaina profesional coa fase de prácticas recibiron ao mediodía de hoxe, día 1 de setembro, un SMS da Consellaría de Educación no que se lles advertía da obriga de asistencia a un acto “de benvida” programado para o venres 2 en Compostela.

O contido do SMS é totalmente falso. Nel afírmase que a xornada forma parte da “formación inicial” do profesorado que aprobou as oposicións e que deben asistir a ela agás causas xustificadas.

O motivo para explicar o envío masivo deste SMS hai que buscalo no fracaso de convocatoria da xornada dirixida ao corpo de mestres e que tivo lugar no día de hoxe. Dun total de 903 docentes convocados asistiron menos de 80 persoas. Chama a atención que no caso dos mestres e mestras non se produciu o envío de ningún SMS desas características.

É de supoñer que houbo directrices políticas para procurar que esa situación non se dese na xornada do día 2, se for preciso, mentindo e buscando manipular a profesorado na fase de prácticas; unha fase que, non esquezamos, forma parte do proceso selectivo e aínda fai máis escandalosa a actuación da Consellaría.

A afirmación do SMS é totalmente contraditoria co escrito recibido polo mesmo profesorado, nunha carta remitida por correo postal e asinada polo conselleiro de Educación na que se se lles indica que “nos próximos días recibirás o convite para participar nunhas xornadas de benvida”.

Posteriormente, desde a propia Consellaría tamén se remitiu un correo electrónico indicando que o obxectivo [da xornada] era “presentarvos os principais programas e proxectos da Consellería, así como trasladarvos unha serie de ideas e inquedanzas para esta nova etapa que comezades, por parte de docentes de dilatada e longa experiencia” ao tempo que se indicaba que a “asistencia a actividade conta coa autorización do Director Xeral de Centros e Recursos Humanos”, sen que en ningún momento se informase que formaba parte da formación obrigatoria.

Un acto de marcado carácter político.

En realidade, máis alá da presenza de dous docentes que están na dirección de dous centros educativos e dun conferenciante, o acto consiste no desembarco da cúpula da Consellaría, sendo maior o número de cargos políticos que o de “docentes con dilatada experiencia”.

Para afondar máis na confusión, as respostas, tanto telefónicas como por escrito, por parte da Consellaría remarcan o despropósito. Nun correo remitido a docentes indícase hai tan só dous días, que “a invitación á xornada de benvida realizouse considerando que a asistencia á mesma é recomendable”… Comprendemos que circunstancias persoais impidan a súa asistencia, e en ningún caso terá sanción nin será preciso xustificación das mesmas nin confirmación”.

A CIG-Ensino exixe unha rectificación inmediata e o envío de SMS indicando que a participación é voluntaria.

Diante de tan torpe manipulación, a CIG-Ensino exixe unha rectificación polas mesmas canles, remitindo un SMS ao profesorado pedindo desculpas e indicando que o acto ao que foron convidados ten carácter voluntario”. En todo caso, e con total respecto á decisión individual de cadaquén, toda vez que se produciron estes feitos lamentábeis, desde o sindicato recomendamos que non se asista como sinal de protesta.

O sindicato tomará todas as medidas legais oportunas no caso de que a Consellaría pretenda, ilegalmente, considerar como parte da formación inicial un acto que non figura na programación desa formación nin foi previamente comunicada ao profesorado.

Volver