A Consellaría introduce por primeira vez empresas privadas na formación do alumnado do ensino público dentro do horario escolar

Trátase dunha proposta elitista e selectiva na medida en que non vai abranguer nin sequera o 0,2% do alumnado galego

O DOG de hoxe, día 29 de agosto, publica, por primeira vez, unha convocatoria da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, pola que se anuncia a contratación administrativa especial de organización e desenvolvemento de cursos de inglés para alumnado de sexto curso de Educación Primaria e de Educación Secundaria Obrigatoria matriculados en centros docentes dependentes desta Consellería.

Isto supón que por primeira vez a Consellaría concerta con empresas privadas a formación no ensino público, durante o período lectivo do alumnado. É un despropósito que a Consellaría organice actividades de formación en lingua inglesa para 500 alumnos/as mediante empresas privadas cando hai numeroso profesorado especialista que está sen traballo. Por outro parte non deixa de ser inaceptábel que a realización destes cursos estea prevista en cinco quendas, dunha semana de duración para cada grupo, que van do 3 de novembro ao 14 de decembro. O alumnado que participe neste programa deixará de recibir as aulas ordinarias, pois o curso se realizará durante o horario lectivo.

Por outra parte, trátase dunha proposta elitista e selectiva na medida en que non vai abranguer nin sequera o 0,2% do alumnado galego. Que característica terá o alumnado que se poida beneficiar dun curso intensivo dunha semana deixando de recibir as aulas ordinarias? Acaso será o alumnado que ten máis dificultades na aprendizaxe, neste caso en idioma estranxeiro, o que se beneficie desta formación extra? Está claro que non. Trátase dunha iniciativa que non busca a mellora da aprendizaxe nas linguas estranxeiras para todo o alumnado, a comezar por aquel que ten máis carencias.

Tamén chama a atención que este procedemento destinado á contratación dunha empresa privada se faga por procedemento de urxencia, habendo soamente 8 días para presentar propostas e tendo que ser executado o proxecto antes do 31 de decembro de 2013. Curioso. Como van facer as empresas para se presentar a este concurso con tan pouco tempo? Ou hai empresas de man avisadas? A resolución daranos pistas da resposta a estas preguntas, como xa sucedeu noutros procedementos realizados pola Xunta de Galiza en que resultaron beneficiadas empresas relacionadas co Opus Dei.

Estamos ante unha actuación que se reafirma nos principios da creación dos centros plurilingües, onde a suposta mellora en linguas estranxeiras só está pensada para unha parte do alumnado, mentres seguen sen dotarse os centros de recursos, profesorado e medios para mellorar o ensino en linguas estranxeiras.

Ademais, mentres son numerosas e múltiples as necesidades educativas que hai que satisfacer nos centros, mesmamente para acadar a igualdade de oportunidades, a Consellaría utiliza o camiño da privatización para desviar diñeiro público que non vai ter consecuencias beneficiosas en termos xerais na calidade do ensino para o conxunto do alumnado galego.

Para a CIG-Ensino é inadmisíbel que mentres se recorta sistematicamente na normalización do galego, redución dun 75% dos orzamentos destinados aos Equipos de Normalización, con atrasos na convocatoria e na liquidación das cantidades concedidas, ou se realiza un recorte do 65% nos premios á innovación, a Consellaría destine o mesmo diñeiro que reparte entre todos os Equipos de Normalización de todos os centros públicos, 300.000 €,  para realizar actividades en todo o ano, a unha actividade de formación en inglés que terán unha duración dunha semana e repercutirá en menos do 0,2% do alumnado.

A CIG-Ensino denuncia a dobre moral, a tendenciosidade e a imposición ideolóxica do PP que utiliza as institucións e o diñeiro público non para garantir unha educación de calidade e no noso idioma a todas e todos, senón para financiar empresas privadas e desgaleguizarnos cada vez máis, agora coa estrataxema da aprendizaxe do inglés, agravada, neste caso, pola introdución de empresas privadas na formación do alumnado do ensino público dentro do calendario e do horario escolar. Toda esta querencia polo inglés contrasta co ataque permanente ao noso idioma que leva a que se sigan reducindo as aulas en galego.

Volver