A Consellaría intenta parchear os recortes de persoal a custe cero

Utiliza de forma propagandística os máis de 18 millóns de euros recibidos de fondos europeos e do Ministerio para “inventar” o Plan Mega incluíndo programas xa existentes e vendéndoo como se o financiara con cartos propios

O Ministerio de Educación e as CCAA pactaron na Conferencia Sectorial de Educación o reparto duns importantes fondos destinados a unha serie de programas nos que ten especial protagonismo a atención á diversidade e a educación inclusiva. Do total deses fondos Galiza recibe máis de 18 millóns de euros. Unha parte importante (preto de 6 millóns de euros) corresponde ao Proa+, programa que xa se vén realizando nos últimos anos e que non supón ningunha novidade, polo que é unha manipulación máis que o conselleiro o inclúa no famoso Plan MEGA. O resto son actuacións financiadas fundamentalmente con fondos europeos e dos que a Consellaría non deu detalles nin de como se están a investir nin de cando empezará a contratación do persoal de reforzo, que vai con retraso porque a maioría ten vixencia desde o 1 de setembro.

As reunións entre a Consellaría de Educación e o Ministerio tiveron lugar nos últimos meses do curso 2023/24 e o 30 de xullo pechouse o reparto definitivo dos fondos que percibiría cada comunidade ao abeiro de varios programas educativos, algún deles como o Proa+ xa coñecido, para implantar desde comezos deste curso, como figura no BOE do 9 de setembro no que saíron publicadas as respectivas resolucións. Todos os anuncios feitos pola Consellaría no comezo deste curso referidos a aumento de profesorado non lle implican á administración galega ningún gasto, ao estaren financiados con fondos europeos que recibe a través do Ministerio. É máis, tal e como denunciou a CIG-Ensino, a Consellaría deixou de adxudicar este curso 80 interinidades de especialistas en Pedagoxía Terapéutica e Audición e Linguaxe e non cubriu 30 prazas de atención preferente que demandaban os centros para despois vender o equivalente a 142 contratos a xornada completa “como un reforzo do persoal para a atención á diversidade”.

A CIG-Ensino, por boca do seu secretario nacional, Suso Bermello denuncia que “a Consellaría está a empregar parte destes fondos para cubrir necesidades ordinarias dos centros, reducíndoos dun xeito importante das partidas para as que realmente están destinadas”. Todos os programas podían estar executándose desde o 1 de setembro, tal e como figura nos acordos co Ministerio e nas propias resolucións publicadas no BOE “e algúns aínda están pendentes de resolución a día de hoxe (PROA+) e doutros non se sabe nada (reforzo da competencia matemática e lectora, Escola 4.0, Benestar)”.

“Cada vez que o conselleiro de Educación falou de incremento de profesorado (primeiro 400, despois 200, mesturando PROA+ con outros como o progama Promociona, que non foi obxecto de convocatoria pública para que puidesen solicitalo os centros e que se empregou para financiar, con custe cero e con maiorprecariedade, a contratación de persoal de reforzo) e envolveu todo baixo unha denominación, plan MEGA, vendido como unha iniciativa propia está mentindo e manipulando claramente”, insiste Bermello. “Todo isto non responde máis que a un sumatorio dos fondos que recibe o seu departamento e que está a empregar, sen gastar un euro, para tapar unha parte dos buratos que a política de recortes da Consellaría provoca, especialmente na atención á diversidade. Mais tamén é sintomático o silencio e a complicidade tanto cos datos dados polo conselleiro como coa súa manipulación por parte dos tres sindicatos minoritarios que asinaron hai agora practicamente un ano o mal chamado Acordo de mellora das condicións laborais docentes e do sistema público de ensino. Supoñemos que como representantes sindicais coñecen perfectamente a distribución destas partidas que foron publicadas no BOE, o fin para o que veñen destinadas e os fondos cos que se financian”. Neste sentido a CIG-Ensino pedirá explicacións sobre como se están a gastar estes fondos e por que se tarda tanto en poñer en marcha algún dos programas dado que sospeita que detrás de todo está, como adoita acontecer co persoal contratado mediante o Proa+, o aforro no pagamento do verán a quen traballa unha vez iniciado xa o curso. De producirse estas contratacións desde o 1 de setembro terían que ser interinidades mentres que ao realizarse, como fixo este ano a Consellaría coas 163 prazas (121 a xornada completa e 42 a media xornada) do mal chamado Plan Mega desde o día 10 convértense en substitucións só até o 30 de xuño.

Por último Bermello sentencia: “Mentres toda esta MEGA-TROLA se difunde a realidade imponse: medio milleiro de centros educativos de todo o país seguen sufrindo necesidades de persoal, o profesorado queda sen recuperar os dereitos laborais cos que contaba antes da chegada do PP ao poder na etapa Feijóo-Rueda, cunha burocracia que non cesa e unha situación laboral que, lonxe de mellorar, se deteriora”.

 

FONDOS DO MINISTERIO E FONDO SOCIAL EUROPEO

(con ligazóns ás Resolucións publicadas no BOE do 9 de setembro)

PROGRAMAS

Destinatarios e principais actuacións

FONDOS

Educación Inclusiva FSE+

Alumnado con NEE de EI, 1º e 2º ciclo de EP.

Adecuar ratios de apoio que axuden ao profesorado na atención á diversidade.

Recursos para colectivos con necesidades moi específicas (auditivas, visuais, motóricos).

Contratación doutros perfís profesionais (integración social, auxiliar educativo, ILSE, fisioterapeutas….).

€ 3.028.970,00

Educación Inclusiva

Alumnado de EI, 1º e 2º ciclo de EP.

Atención a alumnado con retraso madurativo, trastornos de aprendizaxe, alteracións na adquisición da linguaxe.

Capacitación do profesorado na aplicación de medidas para a educación inclusiva.

€ 594.266,00

PROA+

Alumnado con NEAE.

Apoio a alumnado con dificultades de aprendizaxe.

Reforzo educativo en horario lectivo e non lectivo.

€ 5.966.562,00

Reforzo da competencia matemática

Apoios e desdobres en 2º e 3º ciclo de EP, ESO, FPB.

Apoio extraescolar (vinculación co PROA+).

€ 3.570.600,00

Reforzo da competencia lectora

Apoios e desdobres en EP, ESO, FPB, BAC.

Apoio extraescolar (vinculación co PROA+).

Redución horaria para a coordinación de plan de lectura.

€ 1.704.482,00

Benestar emocional

Ampliación de liberación horaria para a coordinación de benestar.

Aumento de recursos humanos.

Formación e elaboración de materiais.

€ 345.255,00

Escola 4.0

Profesorado de Primaria: contratación de persoal de acompañamento e apoio para competencias dixitais relacionadas co pensamento computacional e a programación

€ 3.464.342,00

Total

 

€ 18.674.477,00

CIG Informa desmontando o plan MEGA trola cos programas financiados por fondos europeos

Documento


Volver