A Consellaría insiste na privatización das probas de acreditación de competencia lingüística en linguas estranxeiras

A CIG-Ensino demanda priorizar as EOI e evitar a discriminación do alumnado

No proceso de acreditación da competencia lingüística, cada centro debe seleccionar o alumnado e elixir as institucións ou empresas certificadoras. Entre elas, segundo a Orde do 21 de xuño do 2016, figuran as Escolas Oficiais de Idiomas mais, sorprendentemente, os prazos para as probas libres das mesmas rematan antes de que se publiquen as resolucións da Consellaría. Isto implica que as EOI quedan, na práctica,  fóra de xogo neste proceso. Entendemos que se trata dunha descoordinación feita a mantenta para que todas as peticións de empresas ou institucións certificadoras sexan finalmente estranxeiras e privadas, seguindo así a deriva privatizadora da Consellaría de Educación.

Por outro lado, segundo establecen as propias convocatorias, a selección de entidades debe responder a criterios que faciliten a súa xestión para as familias  tendo en conta aspectos como a redución de custos económicos. Estes criterios veríanse aplicados de poder optar polas EOI  xa que as taxas das matrículas das probas libres quedan lonxe dos 100€ que embolsan as empresas certificadoras privadas. Desta maneira, podería saír beneficiado un maior número de alumnado. A este respecto a CIG-Ensino recibiu numerosas queixas de centros que ven reducidas o número de axudas en cada nova convocatoria sen coñecer moi ben como se aplican os criterios para a súa asignación.

Na liña do favorecemento ao ensino privado concertado,  chama a atención que nas  convocatorias dirixidas ao ensino público e privado se asigne unha partida orzamentaria de 400.000€ para o primeiro e de 150.000€ para o segundo. Se temos en conta o número de centros existentes no ensino público e no privado, a cantidade que deberan recibir os públicos tería que ser maior.

Así, a CIG-Ensino considera que as propias bases das convocatorias son discriminatorias xa que establecen que terá preferencia aquel alumnado que curse ensinanzas nunha etapa ou ciclo plurilingüe. Tendo en conta os criterios de selección e prelación de centros que figuran nas convocatorias, o sindicato considera que se atenta contra a igualdade de oportunidades do alumnado do sistema educativo, apostando pola segregación e xerarquización dos centros educativos, xa que as familias de centros non plurilingües resultan claramente prexudicadas.

Atopámonos pois ante un novo episodio de privatización de servizos, neste caso a través de empresas certificadoras  de acreditación de probas de certificación de idiomas cando existe una rede pública de  EOI que podería, coa  dotación necesaria, facerse cargo destas probas.

Así mesmo, como vén denunciando a CIG-Ensino, a xestión desta certificación sobrecarga o xa inxente traballo burocrático dos centros. Ademais, agás algunha excepción, as empresas certificadoras non acoden ao centro no que se realizan as probas e piden que sexa o profesorado que se encargue persoalmente da xestión realizando gratuitamente un traballo que non lle corresponde.

A CIG-Ensino fai un chamamento á Consellaría de Educación para que facilite a apertura de dun prazo extraordinario para a realización de probas libres nas EOI e denuncia o descaro da Consellaría á hora de favorecer os servizos privados en detrimento dos públicos.

Volver