A Consellaría incumpre o seu compromiso co recoñecemento económico das vacacións non gozadas en trienios e sexenios

Enésimo incumprimento da Consellaría

As vacacións do persoal interino con contratos de substitución comezaron a abonarse logo dunha intensa campaña xudicial que levou a centos de docentes a presentar demandas promovidas pola CIG-Ensino no curso 2000/01. Finalmente e despois de gañarmos a batalla xudicial no TSXG, a Xunta estendeu ese dereito en outubro de 2001 a todo o profesorado substituto, que desde aquela cobra a parte proporcional das vacacións (dous días e medio por mes traballado no curso escolar). 

 

Porén, a Consellaría non contabilizou nas follas de servizo aqueles períodos de vacacións non gozados e obrigou o profesorado a presentar demandas para ese cómputo. De novo os tribunais recoñeceron que esas vacacións deben figurar tamén como servizos prestados, é dicir, supócontabilizar ese tempo a todos os efectos: puntuación no concurso de traslados, nas oposicións se aínda se é interino, para promoción interna no caso de funcionariado de carreira, no cobro de trienios e sexenios e, por suposto, nos servizos a efectos de xubilación.

Nesta situación, a Consellaría non tivo máis remedio que avirse á nosa demanda de actuar de oficio no recoñecemento desa antigüidade.

Nunha Mesa Sectorial de maio de 2017, a Consellaría presentou un documento no que se recollía o procedemento de recoñecemento como servizos prestados dos días correspondentes ás vacacións aboadas non gozadas. Nese documento a Consellaría comprometíase a elaborar unha proposta de resolución de recoñecemento deses días e enviala por correo electrónico a cada persoa interesada. Unha vez rematado ese prazo procedería a aboar de oficio os atrasos que corresponderan en concepto de trienios, tomando como referencia de cómputo o día 10 de maio de 2017. A CIG-Ensino instou naquel momento á Consellaría a que computase ese tempo de servizos prestados non só a efectos de trienios senón tamén de sexenios, evitando deste xeito que o profesorado teña que reclamar polo adianto do cumprimento dos sexenios e os seus posíbeis efectos económicos.

Con moita demora, o profesorado recibiu as pertinentes notificacións dos días recoñecidos e un prazo para facer alegacións e, aa de hoxe, tenos computados para as oposicións, no caso de persoal interino, ou para o concurso de traslados, se son funcionariado de carreira. Porén, non recibiu o abono dos atrasos e tampouco se adiantou, a quen lle correspondese, o cumprimento do seguinte trienio e sexenio.

A modo de exemplo, se unha profesora cumpre un trienio e un sexenio o día 5 de abril e a Consellaría lle recoñeceu 40 días de vacacións retribuídas e non gozadas, o trienio adiantaríase ao 25 de febreiro, é dicir dous meses antes. O adianto tamén afectaría á data de perfeccionamento dos sexenios.

As Xefaturas Territoriais seguen facendo resolucións de cumprimento de sexenios e trienios sen ter en conta ese tempo, o que contravén o acordado na Mesa Sectorial e supón un desacato a todas as sentenzas que recoñecían os períodos a todos os efectos, polo tanto tamén aos económicos.

 

Dende a CIG-Ensino vimos de dirixirnos á Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos esixindo que se corrixa a situación de forma inmediata, dando instrucións ás Xefaturas Territoriais para o adianto correspondente no aboamento de trienios e sexenios, evitando unha nova xudicialización deste conflito.

 

Volver