A Consellaría incrementa en 360.000€ os concertos co ensino privado mediante axudas á atención educativa

O Diario Oficial de Galiza publica hoxe a Orde pola que se aproban as bases reguladoras das axudas a centros privados concertados para a atención ao alumnado con necesidades específicas de apoio educativo para o curso 2019/20

A Consellaría de Educación segue a engrosar os concertos educativos, neste caso cunha partida de 360.000 euros para contratar persoal nos centros privados para a atención á diversidade, especialistas cos que non se dota o ensino público.

Trátase de logopedas, fisioterapeutas, axudantes técnicos/as educativos/as, psicólogos/as, pedagogos/as, traballadores/as sociais, intérpretes de linguaxe de signos e coidadores/as. Agás este último perfil, os demais malia reclamalos continuamente pola CIG-Ensino, non teñen presenza no ensino público non universitario.

Ante esta continuidade de fondos desviados á privada, o secretario xeral da CIG-Ensino, Suso Bermello, recorda que “moitos centros comezaron o curso con ratios avultadísimas, sen poder facer apoios nin desdobres, e con persoal específico de atención ás NEAE itinerando de centro en centro”. “É intolerábel que a conselleira diga nunha entrevista recente que non se poden converter os centros nun maremagnum de especialidades e despois se concedan fondos para a contratación destes especialistas na concertada, sen nin sequera poder contar con eles nos Centros de Educación Especial públicos da Consellaría”. Estamos ante un caso flagrante de discriminación inaceptábel en favor do ensino concertado e un enésimo ataque do Partido Popular ao ensino público galego”, sentenciou Bermello.

Estas axudas a centros privados concertados permítelles, a máis da contratación de persoal, financiar reparacións, mantemento e obras ou instalacións, así como a compra de material funxíbel e non funxíbel.

Volver