A Consellaría incorpora 23 novos centros catalogados como de especial dificultade á listaxe presentada na Mesa Sectorial
A modificación da orde responde á demanda da CIG-Ensino de revisar o anexo entregado na Mesa Sectorial
A Consellaría de Educación tamén incorpora no texto da orde que en breve se publicará no DOG a solicitude da CIG-Ensino de que a puntuación polo apartado 1.1.3 no Concurso de Traslados se faga efectiva desde que os centros cumpren o requisito da especial dificultade e non desde o 1 de setembro como inicialmente prevía a Consellaría.
23 novos centros pasan a ter a consideración de “centros de especial dificultade”, unha denominación na que se inclúen todas as unitarias do país, os centros de educación especial, os centros con aulas específicas de EE e os centros penitenciarios e que ten efectos na puntuación do concurso.
O día 11 de setembro a CIG-Ensino solicitou por escrito á Consellaría a actualización destes centros xa que o peche de unidades en centros incompletos tiña convertido en unitarias algunhas escolas e a apertura de aulas de EE en CEIP non estaba actualizada, co que supuña de discriminación na puntuación que se atopaba nestes casos.
En resposta á solicitude da CIG-Ensino, a Consellaría levou á Mesa Sectorial do 24 de outubro unha modificación da orde cun novo anexo. Á vista da proposta, a CIG-Ensino solicitou que non se publicara a orde até que se revisaran os centros que desde o sindicato indicamos que faltaban na relación. Posteriormente, o 30 de outubro o sindicato rexistrou un escrito cunha relación de centros a incluír no anexo.
Os efectos non serán desde a data de publicación no DOG, nin desde o 1 de setembro, como propuña a Consellaría, senón desde o momento no que o centro cumpriu efectivamente os requisitos (desde que pasou a ser unha unitaria ou desde que se habilitou ou creou unha aula de EE específica).
Como puntúa a especial dificultade?
- Puntúa no apartado 1.1.3. con 2 puntos por ano. É unha puntuación consumíbel. Unha vez que marchamos do centro perdemos esa puntuación.
- É válida tanto para profesorado provisional como definitivo.
- Se es definitiva só puntúa mentres se está no centro e só se está realmente nel: unha mestra definitiva nunha unitaria en comisión de concilia noutro centro non puntúa mestres estea fóra da unitaria.
- Ao contrario, cando unha persoa definitiva está provisionalmente (comisión de servizos) nun centro de especial dificultade puntuará por este apartado. Así, un mestre con destino en comisión de saúde nunha aula específica de EE dun CEIP puntuará ese ano por especial dificultade.
- Se mentres es provisional estás nun centro de especial dificultade esta puntuación mantense até que acades o destino definitivo.
- Aínda que afecta maioritariamente ao profesorado do corpo de mestres tamén puntúa no corpo de PES no caso de docentes que teñen destino nun Centro Penitenciario.
É importante que revisemos a puntuación.
Todo cambio pode supoñer que se produzan erros e máxime nun caso como este no que os efectos da puntuación ten carácter retroactivo até o momento da creación da aula ou da transformación en unitaria.
Aconsellamos a todo o profesorado afectado que teña actualmente destino nos centros considerados de especial dificultade que revisedes a vosa puntuación, tendo en conta que deben aparecer 2 puntos por ano desde que se ocupa esa praza. En caso de dúbida, como sempre, podedes consultar nos locais da CIG-Ensino.
Centros engadidos ao respecto do borrador entregado na Mesa
- 15002761 CEIP de Carnota Carnota
- 32000058 CEIP Padre Feijóo Allariz
- 32004118 CPI Antonio Faílde Coles
- 32006553 CEIP de Maceda Maceda
- 32002951 CEIP Calvo Sotelo O Carballiño
- 32016029 CEIP Ben-Cho-Shey O Pereiro de Aguiar
- 32009153 CEIP Mariñamansa Ourense
- 32009360 CPI José García García Ourense
- 32016327 CEIP A Ponte Ourense Ourense
- 32015190 CEIP Albino Núñez Ourense Ourense
- 32015669 CEIP Mestre Vide Ourense Ourense
- 32008768 CEIP O Couto Ourense
- 32008793 CEIP Manuel Luís Acuña Ourense
- 32015177 CPI de Padrenda-Crespos Padrenda
- 32011305 CEIP Tomás de Lemos Ribadavia
- 32004829 CEIP Rosalía de Castro Xinzo de Limia
- 36017648 CEIP Mestre Valverde Mayo Mos
- 36005555 CEIP Marquesa do Pazo da Mercé Neves, As
- 36024756 CEE de Panxón Nigrán
- 36007709 CEIP de Santo Paio de Abaixo Redondela
- 36009524 CEP Pedro Caselles Beltrán Tomiño
- 36009846 CEIP Plurilingüe nº 1 Tui
- 36017697 CEIP Escultor Acuña Vigo
Podes consultar a relación completa de centros de especial dificultade no borrador da Orde do 6 de novembro do 2017 pola que se actualizan os anexos da Orde do 18 de outubro de 2010 pola que se establecen os centros e postos cualificados de especial dificultade na Comunidade Autónoma de Galicia.