A Consellaría implantará a educación virtual en ensinanzas de réxime especial e manterá o ensino presencial no resto

As EOI e os Conservatorios suspenderán o ensino presencial até o 17 de febreiro, á espera de estender estas medidas a outros estudos superiores

Na tarde do luns 25 a CIG-Ensino e as demais organizacións fomos convocadas de urxencia pola Consellaría de Educación a unha reunión virtual na que participaron o conselleiro, o secretario xeral técnico, o secretario xeral de Educación e o director xeral de Centros e RR.HH. Nela trasladaron as medidas anunciadas polo presidente da Xunta de Galiza así como algunhas novidades das que o propio presidente non ofreceu información pola mañá. 

A salientar: 

1) Suspéndese desde o mércores 27 o ensino presencial nas EOI e nos conservatorios (superiores, profesionais, de música e danza). Despois da intervención da CIG-Ensino e das outras OO.SS. aclararon que, por analoxía cos estudos superiores universitarios, sería lóxico pensar que van estender esta medida a todos os centros nos que se imparten ensinanzas superiores (escolas de artes e superiores de deseño, ESAD) mais que, como non estaba previsto antes desta reunión, haberá que agardar á publicación no DOG do Decreto esta mesma noite. 

2) Manterase o ensino virtual nestas ensinanzas até o 17 de febreiro. 

3) Non prevén limitar a mobilidade de alumnado de FP ou Bacharelato que saen das aulas fóra da hora de recollida obrigatoria e que as direccións contan cun modelo de autorización para a mobilidade dese alumnado. 

4) O profesorado que teña que impartir ensino virtual poderá facelo desde o centro de traballo ou desde o seu domicilio sempre e cando neste caso se garanta a conectividade. Esta información non se incorporará no Decreto que se publique no DOG mais foi proporcionada polos responsábeis da Consellaría na reunión.

Como todas e todos temos claro, despois do anuncio do presidente da Xunta de hoxe, estamos diante dunha serie de medidas que se achegan a un confinamento que a propia Xunta ou o Goberno español non están dispostos a implantar. Este “confinamento parcial”  deixa fóra a maior parte do ensino non universitario. 

As medidas adoptadas, segundo informou Román Rodríguez, foron aprobadas polo Comité Clínico e en todo momento da reunión o conselleiro usou a argumentación de que as decisións que se toman só se fan desde unha perspectiva sanitaria. O criterio foi, textualmente, reducir a mobilidade nas ensinanzas de réxime especial. Desde este punto de vista a CIG-Ensino criticou a incoherencia que se dá ao deixar fóra a centros de similares características nos que tamén hai mobilidade do seu alumnado pola oferta limitada a determinadas vilas e cidades (FP, Escolas de Artes e Superiores de Deseño, ESAD, EPAPU ou mesmo Bacharelato de Artes). En resposta, o secretario xeral técnico informou da posibilidade de que tamén nalgúns deses centros, sempre en referencia a ensinanzas de réxime especial, se implantase nestas semanas o ensino virtual por analoxía cos estudos universitarios. En todo caso, chama a atención que esta decisión non fose previamente revisada polo “comité clínico" ou por quen o asesora. Tamén que se nos queira convencer da natureza exclusivamente sanitaria e de saúde pública das medidas adoptadas.

Todo parece indicar que a decisión de non estender a suspensión do ensino presencial ao resto das etapas educativas obedece a criterios non só educativos nin sanitarios, senón esencialmente de conciliación da vida laboral e familiar, o que nos parece desafortunado. Como defensora da presencialidade, mais con todas as medidas de seguridade, a CIG-Ensino entende que en situacións excepcionais deben tamén adoptarse medidas á mesma altura. O mellor exemplo témolo en Portugal onde, despois dunha semana de confinamento xeral da poboación, o goberno rectificou e decretou a suspensión do ensino presencial. 

Neste mesmo sentido non entendemos, e así llo trasladamos ao conselleiro, que non se adopte o peche de centros en concellos ou localidades cun descontrolado aumento dos casos de contaxio e que xa se está trasladando aos propios centros. A suspensión do ensino presencial, que ten que ter un carácter extraordinario e cunha alternativa universal de teledocencia, pode e debe darse en ámbitos limitados sen necesidade dun peche xeral. Así o recolle o protocolo e malia iso non se está a facer, evitando tomar medidas puntuais de confinamento tamén no ensino non universitario.

Nunha situación como a actual desde a CIG-Ensino criticamos que neste momento as organizacións sindicais non teñamos ningunha información dos equipos AVA e se hai profesorado seleccionado para facer fronte ao peche de aulas, xa que no caso das corentenas sen peche de aulas cónstanos que só se está a facer polo voluntarismo e bo facer profesorado dos centros educativos galegos, mais do plan virtual non tivemos máis novas. 

Outro tema destacado pola CIG-Ensino foi o da protección do profesorado, coa chegada aos centros dunhas novas máscaras con publicidade institucional repartidas ao profesorado das que o sindicato xa recibiu queixas pola confusión da etiquetaxe e das tallas. Neste momento tan crítico evidénciase que se deberían repartir EPI como son as máscaras FFP2 para todo o profesorado e nin sequera sabemos se cumpriron coas indicacións da inspección de traballo ao respecto do persoal cun nivel II de exposición ao risco (onde claramente se indica que os centros teñen que proporcionarlles máscaras FFP2). Estamos nun momento no que ensino presencial só se pode manter se reforzamos os protocolos e controis, o que supón un novo sobreesforzo para todo o persoal dos centros e do propio alumnado, mais ese esforzo debe vir precedido e estar acompañado dunha maior protección por parte da administración pública. 

 

Volver