A Consellaría engana o profesorado

Inclúe na negociación docente fondos derivados do acordo retributivo de Madrid

Así o confirmou a propia Consellaría na fase final da negociación e no propio texto entregado coa última proposta e así o demostra un estudo realizado pola CIG-Ensino

No acordo asinado polo goberno do PP e os sindicatos estatais establecíase que as diferentes administracións poderían aprobar subas salariais para o seu persoal dun 0,3% da masa salarial total nos anos 2018, 2019 e 2020. A CIG-Ensino xa rexeitou rotundamente esta imposición centralistas e agora critica á Consellaría por converter nunha fraude a negociación de retribucións docentes. De feito, coa suba de 10 euros de outubro a decembro deste ano, a Xunta aforraríase case 80 euros por docente só no ano 2018.

A Consellaría de Educación e a Xunta de Galiza confírmanse como auténticas sucursais de Madrid e demostran unha actitude mesquiña co seu profesorado. Tal e como se coñeceu na Mesa Sectorial e xa denunciou a CIG-Ensino, ademais do veto a abrir a negociación a calquera cuestión que non fora a situación salarial do profesorado galego no ranking dos territorios do Estado, as contías da proposta económica da Consellaría estaban marcadas de antemán, polo que tampouco neste aspecto existiu unha negociación real, senón unha escenificación de cara á galería.

Confírmase así que a decisión da Xunta foi sempre utilizar a suba salarial do 0,3% da masa salarial para cubrir o incremento retributivo docolectivo docente, impedindo, deste xeito, que o diñeiro vinculado ao 0,3% poda acumularse ao incremento que se negocia en concepto de homologación do resto do profesorado do Estado.

Así pois, a Consellaría durante todo este tempo estivo “negociando” cunha partida que xa formara parte doutra negociación previa, no marco da Mesa estatal, e que xa estaba pechada. Este sometemento ao que determina o Ministerio de Facenda contraponse con outros acordos salariais asinados recentemente por outros colectivos de funcionariado público que en ningún caso se cinguiron a este tope do 0,3%, tanto en Galiza como noutras administracións do Estado.

A Xunta negocia dúas veces cos mesmos cartos e dálle a gañar

Sen embargo, a actitude da Consellaría aínda vai máis aló do sucursalismo, xa que a súa proposta de suba salarial (80 euros distribuídos en catro prazos: 10 euros de outubro a decembro deste ano, 15 en 2019, 25 en 2020 e 30 en 2021) non chega sequera en 2018 a esa limitación do 0,3% da masa salarial total anual. Segundo datos oficiais dos Orzamentos Xerais da Xunta de Galiza, para este ano a suba de 40 eurosen total (se temos en conta que os 10 euros na paga extra de Nadal se cobren íntegros) quedaríase case 80 euros por debaixo dos 119,54 euros que supón o 0,3% da masa salarial total anual que se lle podería subir a cada docente galego este ano de acordo co acordo asinado en Madrid. No 2018 a Xunta aforra cartos coa proposta.

Os datos para os vindeiros dous anos tampouco son moi diferentes. A contía vinculada ao 0,3% en 2019 sería de 122,23 euros anuais de suba para cada docente. Se lle engadimos os preto de 80 que non vai gastar este ano suman 201,77euros. A proposta da Xunta de 15 euros no 2019 implica que tan só pon a maiores 8,23 euros anuais is para cada docente da cantidade que establecía o acordo de Madrid. 

A Consellaría só ofrece unha media de 8,23€ mensuais até finais de 2020 para a suposta “homologación do profesorado".

Se estendemos o cálculo até o ano 2020, e partindo que neste período de tempo os fondos adicionais son comúns a todo o persoal público do Estado, o montante total que se pode considerar propio dunha proposta de homologación é de 233,23 euros desde outubro de 2018 a decembro de 2020, o que supón unha media de de 8,23 euros mensuais. Iso é que destina a Consellaría á  hipotética homologación.

As contas non poden ser máis claras. É unha estafa.

Non só estamos diantede cantidades totalmente insuficientes. Tamén falamos de negociar dúas veces cos mesmos fondos e de impedir que varios acordos salariais podan acumularseO feito de que o uso deses fondos adicionais só aparecese no último documento é boa mostra da fraude na negociación e, como mantivo a CIG-Ensino desde o comezo das reunións, é imposíbel que contribúan non xa a recuperar o poder adquisitivo perdido nestes anos de recortes nin todo o que nos foi roubado senón sequera a acadar unha equiparación co resto do profesorado do Estado.

#ProfesoradoConDereitos

Por todo isto e para que dunha vez o goberno da Xunta de Galiza nos devolva o roubado, tanto en salario como en dereitos maniféstate este xoves coa CIG Ensino.

CIG-Informa desmontando a proposta da suba salarial da Consellaría

Documento


Volver