A Consellaría desprotexe a lingua á vez que privatiza servizos

A privatización do servizo para avaliar o risco pola COVID-19 de profesorado vulnerábel e con patoloxías é tamén unha vía de desgaleguización. A Consellaría, á vez que privatiza, desprotexe a lingua ao non velar polo seu uso a través das súas contratas.

A CIG-Ensino tivo constancia de que o persoal docente que solicitou a avaliación de risco pola COVID-19 está recibindo, como contestación, unha ligazón para cubrir un formulario, destinado a Cualtis, e que está dispoñíbel unicamente en castelán e inglés. Na comunicación, seguindo o procedemento da solicitude de persoal de risco, achégaselles un enlace de acceso xunto co código de verificación para poñerse en contacto con dita empresa. Cando as docentes inician o procedemento descobren que hai dous posibles enlaces, un en inglés e outro en castelán, tal e como se pode ver na imaxe axunta. Non existe ningunha posibilidade de realizalo en galego.

 

 

Como xa denunciamos no seu momento, Cualtis é unha empresa privada, con sede en Madrid, contratada pola Consellaría de Educación para externalizar tanto as revisións médicas anuais do persoal docente como para as valoracións de persoal de risco fronte á COVID19. 

Con respecto á lingua, a CIG-Ensino xa ten denunciado en anos anteriores que esta empresa non só usa o castelán para todos os efectos, consentimentos informados, autorizacións e contido do propio informe do recoñecemento médico, senón polo uso deturpado da nosa toponimia. Dende o sindicato esiximos que Cualtis deixe de discriminar o galego e que a Consellaría de Educación vele porque así sexa.

824 solicitudes de vulnerabilidade

Finalmente, e segundo datos facilitados pola Consellaría, foron 824 persoas as que pediron a adaptación do posto de traballo pola súa condición (embarazo, enfermidade...) recibindo informes negativos, o que levou á práctica totalidade a recorrer a incapacidades temporais. A ineptitude na xestión por parte dos responsábeis políticos leva a que aínda a estas alturas de curso se lle estea pedindo informes médicos ás persoas solicitantes.

Volver