A Consellaría deixa a nove alumnos sen FP no IES de Curtis por aforrar un posto de traballo

FP no rural

A CIG-Ensino vén de denunciar a decisión da Consellaría de Educación de pechar un ciclo formativo no IES de Curtis, no que estaban matriculados nove alumnos, para aforrar un posto de traballo. Con esta decisión, critican dende a Federación, a Consellaría engade un peche máis no ámbito rural, confirmando a estratexia do PP de liquidar moitos dos ciclos en funcionamento actualmente.

A Consellaría deixa a nove alumnos sen FP no IES de Curtis por aforrar un posto de traballo


A CIG-Ensino vén de denunciar a decisión da Consellaría de Educación de pechar un ciclo formativo no IES de Curtis, no que estaban matriculados nove alumnos, para aforrar un posto de traballo. Con esta decisión, critican dende a Federación, a Consellaría engade un peche máis no ámbito rural, confirmando a estratexia do PP de liquidar moitos dos ciclos en funcionamento actualmente.

Para a CIG-Ensino a Consellaría de Educación dá un paso máis á hora de agredir ao ensino público e meter a tesoira no investimento fundamental na educación no medio rural. De novo, o concepto neoliberal de contemplar a educación como un gasto imponse ao que realmente é, un investimento, especialmente en comarcas deficitarias de servizos públicos, como acontece no rural galego.

Agora tócalle ao IES de Curtis, que perde a posibilidade de impartir un Ciclo Formativo de Instalacións Electrotécnicas, deixando de lado a nove alumnos/as matriculados. A negativa, apuntan dende a CIG-Ensino, parte da Dirección Xeral de FP que dirixe Mira Lema, coñecido cargo do PP pola súa intolerancia e escaso apego á negociación. A cifra de matriculados mesmo sobrepasa o elevado número mínimo fixado pola Consellaría.

Mentres, a resposta da Consellaría ás críticas do centro e do alumnado afectado, que contan co total respaldo da CIG-Ensino, son variadas en función de a quen se dirixan. Por un lado a Consellaría afirma que non pode autorizar a oferta educativa dese Ciclo xa que a cifra de nove matriculados conseguiuse unha vez rematado o prazo de matrícula. Por outra parte, a inspección educativa asegura que non poden autorizalo xa que suporía o aumento dun posto de traballo.

O certo é que a CIG-Ensino xa denunciou no pasado mes de xuño o peche de 14 ciclos formativos de FP no país e de 50 aulas de EPA en centros educativos. A estratexia da Consellaría foi modificar as ratios mínimas para poder autorizar a oferta de ciclos, subindo de 6 a 8 alumnos nas vilas e de 8 a 12 nas cidades. Naquel momento a CIG rexeitou rotundamente a proposta da Consellaría e levou ao Consello Galego de FP unha proposta de modificación para manter os actuais ciclos e abrir outros novos. A proposta do sindicato maioritario no ensino público non foi aceptada por ningunha das partes que integran o Consello Galego de FP, incluída a patronal.

A CIG-Ensino afirmou daquela algo que se está a constatar neste inicio de curso, agora na comarca da montaña coruñesa: que esa modificación ía traer como consecuencia o peche de ciclos, fundamentalmente no rural, o que significaría liquidar a oferta de FP.  Non era só o número de ciclos que naquel momento se pechaba senón os que se pecharían no futuro ao elevar as ratios mínimas.

Desde a CIG-Ensino esíxese á Consellaría de Educación unha rápida rectificación e a aprobación da oferta do ciclo formativo de Instalacións Electrotécnicas no IES de Curtis, así como amosar o apoio ao conxunto da comunidade educativa.

Volver