A Consellaría debe incrementar o profesorado de Portugués nas EOI e no ensino medio para cumprir a lei e ampliar a oferta existente

A estas alturas de curso xa está esgotada a listaxe de substitucións no corpo de profesorado das Escolas Oficiais de Idiomas.

A CIG-Ensino demanda que se abra a maior brevidade posíbel e que se convoquen prazas na vindeira OPE co obxectivo de que se oferte como segundo idioma nos centros de ensino de todo o país. Actualmente impártese en 57 centros.

A CIG-Ensino vén de reclamarlle por escrito á Consellaría de Educación que abra, a maior brevidade posíbel, a listaxe de substitucións de profesorado de portugués das Escolas Oficiais de Idiomas, que só conta con 19 persoas e que a finais de novembro xa estaban todas ocupadas. Esta situación leva a que non se poidan cubrir as baixas existentes, como vén de acontecer durante cinco semanas na EOI de Vigo. Hai que ter en conta ademais que a administración emprega esta listaxe para suplir as necesidades de persoal que se producen nos 57 centros nos que actualmente se imparte esta lingua no ensino medio galego.

Así pois, esta circunstancia reforza aínda máis a nosa demanda de que “é preciso abrir esta listaxe con profesorado especializado canto antes para evitar que o alumnado dos distintos niveis educativos se poida ver prexudicado”. Non ten ningunha xustificación que a estas alturas do curso non haxa persoal para poder atender as posíbeis substitucións. “A Administración educativa debería ter actuado coa suficiente antelación e así evitar o que aconteceu na EOI de Vigo, e desde logo, impedir que poda volver acontecer”. Os trámites de apertura de listaxes precisan dun tempo que xa suporía na práctica que até finais de xaneiro ou principios de febreiro non estivese ampliada. Por iso, desde a CIG-Ensino demandamos que se abra de inmediato esa listaxe.

Cumprimento da lei

A CIG-Ensino lembra que o artigo 2 da Lei 1/2014  para o aproveitamento da lingua portuguesa e vínculos coa lusofonía indica sen ambigüidades que “o Goberno galego incorporará progresivamente a aprendizaxe da lingua portuguesa no ámbito das competencias en linguas estranxeiras nos centros de ensino”, o que a día de hoxe non se está a cumprir. Por iso desde o sindicato maioritario no ensino público galego se demanda “un cambio de rumbo da Consellaría no pulo ao ensino do portugués en Galiza, comezando por algo tan básico como cumprir a propia Lei”, explica o seu secretario nacional Suso Bermello. “Isto só se consegue ampliando a oferta desta lingua a todos os centros de ensino públicos galegos (arredor de 340) e non limitándose a impartila apenas no 17% dos mesmos”. “Estamos convencidos de que esta aposta redundaría nun incremento da demanda existente nas ensinanzas medias dada a proximidade cultural e lingüística co portugués”, incide.

Neste sentido, o obxectivo da lei debería ser ampliar a oferta do portugués como segunda lingua estranxeira, o que permitiría ao mesmo tempo prestixiar o noso idioma. “A ninguén se lle escapa que este é o verdadeiro motivo polo que o goberno do PP non quere impulsar o coñecemento do portugués entre a poboación galega e nomeadamente entre o estudantado”, explica Bermello quen considera que se poderían aproveitar as vantaxes lingüísticas que dá a competencia en galego para acadar rapidamente un nivel aceptábel nun idioma que falan actualmente máis de 250 millóns de persoas en todo o mundo.

Por todo o exposto desde a CIG-Ensino seguiremos a reclamar que se incremente a oferta desta lingua en todos os IES do país e, nun aceno de que a vontade do goberno da Xunta é cumprir efectivamente coa propia Lei, demandamos que se aproveite a OPE prevista para 2018 para convocar prazas de portugués e potenciar inequivocamente a oferta deste idioma no centros de secundaria.

A CIG-Ensino reclama máis profesorado de Portugués nas EOI's e no ensino medio

Documento


Volver