A Consellaría debe deixar a propaganda e garantir a transparencia e un verdadeiro concurso-oposición docente

Confírmase a denuncia feita pola CIG-Ensino de que a Consellaría inflou as prazas convocadas a través da oferta do cambio de corpo A2-A1

Un 16% das prazas convocadas nas oposicións deste ano quedaron sen cubrir, fundamentalmente as de promoción interna e certas especialidades de Secundaria e de FP. Así o denunciou o secretario xeral da CIG-Ensino, Suso Bermello, na presentación dun estudo sobre os resultados dun proceso que vén de finalizar o pasado 20 de xullo e que estivo cargado de queixas. Neste sentido esixiulle á Consellaría “que tome medidas efectivas para que se cumpra a normativa e se garanta a transparencia nas vindeiras convocatorias no que respecta, sobre todo, ao nomeamento, á carga de traballo e aos criterios de avaliación empregados polos tribunais”.

Así mesmo, a CIG-Ensino volverá pedir un acordo de estabilidade para o persoal interino que quedou nunha situación máis vulnerábeldespois deste proceso e un aumento dos cadros de persoal docente que permita incrementar o número de interinidades de cara ao vindeiro curso.

As cifras non enganan

Após rematar o proceso de oposicións docentes no que participaron 16.600 persoas en Galiza, a CIG-Ensino, por medio do seu secretario nacional Suso Bermello, presentou os resultados dun estudo no que se constata que a Consellaría vendeu un número “histórico de prazas” inflado artificialmente. Segundo explicou Bermello, máis da sexta parte das 2.050 prazas convocadas quedaron sen cubrir tras a artimaña da Xunta de ofertar 262 prazas de promoción interna, das que o 92% quedaron desertas”Malia saber que ao cambio de corpo A2-A1 apenas se presentan aspirantes, este ano o departamento de Román Rodríguez incrementou a oferta desta modalidade de acceso para poder falar de cifras totais superiores ás 2.000 prazas, “o que se demostrou como unha falacia”, en palabras do responsábel da CIG-Ensino.

Pero aínda descontando esas 262 prazas de promoción interna (das que só se adxudicaron 21), nasoposicións xerais (acceso libre e quenda de discapacidade) houbo 86prazas (máis do 5% do total) que quedaron desertas: 18 na especialidade de francés do corpo de mestres (2,6%) e 68 nas especialidades de secundaria (por riba do 7%). Neste último caso destacan especialmente:

  • Varias especialidades da Formación Profesional como Procesos Diagnósticos Clínicos e Produtos Ortoprotésicos con 10 (un 66% sen cubrir), Procesos Sanitarios con 12 (un 55% sen cubrir), Estética con 10 (50% desertas), Procedementos Sanitarios e Asistenciais con 10 (o 25% vacantes) e Servizos de Restauración con 7 (32%)
  • Nas de Secundaria (ESO e BAC) destacan Matemáticas con 9 prazas (case un 6%), con prazas desertas por 3ª convocatoria consecutiva ou Física e Química con 4 (un 4,5%).

Ausencia de concurso-oposición

Bermello tamén foi moi crítico con outra cuestión que causa indignación entre o profesorado interino e substituto. Fronte ás especialidades de Inglés e Organización e Xestión Comercial, nas que si houbo un verdadeiro proceso de concurso oposición, salientan moitas “nas que só superou a fase de oposición o mesmo número de persoas ou incluso menos que prazas había convocadas”. É o caso de Lingua Castelá, Orientación, Organización e Proxectos de Sistemas Enerxéticos, Procesos Diagnósticos Clínicos e Produtos Ortoprotésicos, Procesos Sanitarios, Sistemas Electrotécnicos e Automáticos, Estética, Instalación e Mantemento de Equipos Térmicos e de Fluídos, Procedementos Sanitarios e Asistenciais e Servizos de Restauración. No resto de especialidades de Secundaria o número de aspirantes aprobados a maiores das prazas convocadas foi mínimo (entre 1 e 3 aspirantes).

No corpo de mestres, pola contra, si se pode falar de concurso oposición, coa única excepción de Francés, onde non se cubriron as prazas. Nas demais, o número de persoasopositoras que acceden ao concurso supón nalgunhas especialidades como Infantil duplicar o número de prazas.

A CIG-Ensino xa alertara sobre a falta de aplicación real nestes últimos anos do concurso-oposición. “As cifras veñen de novo a confirmar a nosa queixa”-incidiu Suso Bermello. Neste caso pódese atribuír unha responsabilidade directa dalgúns tribunais. “Non semella produto da casualidade que en moitos deles só superen a 2ª proba o mesmo número de persoas que prazas hai ou con apenas diferenza entre ambas cifras. Estes datos contrastan precisamente con aqueloutras especialidades tanto de secundaria como de mestres nas que non se produce esta situación, que desde a CIG-Ensino censuramos”, indicou. Neste sentido, quixo puntualizar que non se trata de incumprimento da norma, senón do respecto ás regras do xogo e ao criterio de ingreso na docencia, fundamentado historicamente no valor do concurso ao par da oposición, que nos últimos anos non se está a garantir de forma xeneralizada en Galiza”.

Unha das causas que explica que aproben tan poucas persoas a fase de oposición é a criba que se produce na primeira proba (que consta dun exame práctico e doutro teórico nos que é preciso obter de media ponderada un 5). Así, a maioría dos aspirantes non poden demostrar a súa capacitación pedagóxica nas probas propiamente relacionadas co seu labor docente: a presentación dunha programación e dunha unidade didáctica.

Neste caso, segundo a análise que fai a CIG-Ensino, “a responsabilidade recae case en exclusiva nas mans da Consellaría, que se negou a atender algunhas das nosas propostas na negociación da convocatoria (reducir a ratio de aspirantes por tribunais, liberar os tribunais do traballo de baremación dos méritos para ter máis tempo, etc..). Tamén é responsabilidade da Consellaría velar pola transparencia en todas fases do proceso para evitar a desconfianza e as denuncias do persoal opositor” -engadiu Bermello-. Así, mencionou unha serie de medidas que poden redundar nunha maior limpeza e obxectividade das oposicións e que xa lle foron reiteradamente propostas á administración: o nomeamento por sorteo das presidencias dos tribunais (que nalgúns casos repiten ano tras ano con efectos nada positivos); garantir o anonimato das probas, nomeadamente da primeira parte; baremación de méritos por unha comisión técnica e transparencia absoluta no traballo dos tribunais (publicación de notas, instrucións, criterios de avaliación, resposta aos recursos presentados, etc..).

Acordo de estabilidade para o persoal interino

A Consellaría ofreceu estes días o dato de que a porcentaxe de persoal interino que tería aprobado sería do 40%. A falta de coñecer como computa exactamente este colectivo (se leva traballando anos, meses ou días), á CIG-Ensino preocúpalle “a situación na que poidan quedar nalgunhas especialidades estes compañeiros e compañeiras, ao tempo que noutras moitas só se evitará o desemprego ou pasar a substitucións se o número de xubilacións se incrementa nos próximos meses”.Pero paliar esta situación tamén está nas mans da Consellaría. É preciso ter en conta a realidade deste colectivo en cada especialidadeá hora de convocar prazas, que non se fai, e negociar un acordo de estabilidade para quen non aprobe as oposicións, especialmente para as persoas cunha idade avanzada ou cunha dilatada experiencia profesional. Segundo lembrou Suso Bermello, “até o momento a Consellaría negouse en banda a abrir esta negociación, contando coa complicidade dos demais sindicatos da Mesa Sectorial. Polo que a nós respecta seguiremos trasladando estas demandas en todos os órganos nos que temos representación, apelando á responsabilidade dos demais actores”.

Porén, hai outra solución que permitiría garantir o posto de traballo das persoas que nos últimos anos prestaron servizos para a Consellaría á vez que se daría entrada a moitos opositores e opositoras que nunca traballaron. “Se recuperamos os 3.000 postos docentes que se recortaron durante o goberno Feijóo, reducindo, por exemplo, o número de alumnado por aula, permitindo os desdobres e recuperando a xornada lectiva de 18 horas en Secundaria e 21 en Primaria, como xa están a facer noutras CCAAe como ademais se vai facilitar, no caso de secundaria, mediante unha nova Lei do Ministerio que anulará o RDL 14/2012, aumentaríanse os cadros de persoal para o vindeiro curso e polo tanto o número de interinidades necesarias para serencubertas”, apuntou Bermello.

Cambio no modelo de acceso

Ante as deficiencias do proceso e o malestar amosado por boa parte dos aspirantes nos últimos anos, a CIG-Ensino solicitoulle na primeira reunión que mantivo coa nova ministra de Educación e FP o pasado 26 de xullo un cambio do modelo de acceso. “Porén, o escaso interese amosado polo ministerio fainos ser escépticos con que se vaia afrontar esta modificación”.Neste sentido, Bermello lembrou que “a atadura que implica o acordo mal chamado de “estabilidade” dos sindicatos estatais no marco global da Función Pública estatal, así como a propia aritmética parlamentaria fan pensar que non se van introducir cambios e que, se se fan, van ser mínimos e non van entrar no fondo da cuestión. Semella que non só rexeitan a nosa proposta de dobre vía de acceso senón outros cambios menores como que as probas non sexan eliminatorias que, en todo caso, non servirían para garantir a blindaxe da fase de concurso”, sentenciou. 

Volver