A Consellaría debe comunicar con urxencia a decisión que vaia tomar coa convocatoria das oposicións docentes

A CIG-Ensino reiteroulle á Consellaría que debe asumir a responsabilidade e actuar con total rigor e transparencia

O pasado día 20 de marzo (ver nota ao fina da nova) a CIG-Ensino trasladoulle á Consellaría a necesidade de que analizaran con rigor a situación creada coa implantación do estado de alarma ao respecto das oposicións docentes, sempre dentro do marco competencial que lle corresponde por lei e que esta decisión fose comunicada á maior brevidade posíbel para evitar trolas e rumores nas redes sociais e unha situación de incerteza que non se merecen as miles de persoas que van participar nos procesos selectivos, celébrense estes cando se celebren.

Desde o sindicato, unha vez que onte, 25 de marzo, circularon novamente toda unha serie de novas nos medios de comunicación e  nas páxinas oficiais dalgunha administración, puxémonos en contacto coa dirección xeral para que nos dese explicacións sobre a situación actual así como para demandarlle de novo que, tras case unha semana de espera, fagan pública canto antes a decisión que pretenden adoptar.

O feito de que se anunciara que se van manter as probas da ABAU en datas similares ás oposicións e que esa decisión si contase co consenso de todas as CC.AA. fai difícil de entender, cando menos desde un punto de vista da seguridade sanitaria, posicións diferentes no caso das oposicións.

Desde o punto do vista da CIG-Ensino, e como xa dixemos con anterioridade, o mantemento ou non da convocatoria de oposicións debe sustentarse nos seguintes criterios:

  • Asunción de competencias: a Xunta de Galiza debe decidir o que vai facer. O barullo creado nas reunións do Ministerio coas CC.AA., onde está claro que cada unha xoga aos seus propios intereses, non axuda nada. A decisión que adopte a administración galega debe ser, como foi sempre, autónoma. Hai comunidades que xa anunciaron publicamente o que ían facer (convocar ou non) así que fica claro que o que entenden por consenso é facer o que elas digan. Convén lembrar que todos os anos hai comunidades que piden que se poñan todas de acordo en convocar primaria ou secundaria.
  • Transparencia: a Consellaría non pode tardar máis en comunicar publicamente cal é a intención que ten ao respecto das oposicións.
  • Rigor e garantía: a decisión que adopte debe estar en función da máxima garantía do proceso. Debe ser respectuosa co cumprimento dos prazos e coas indicacións de saúde pública, que será finalmente, con independencia dos prazos, a condicionante última da decisión.
  • Decisión final con suficiente antelación: se a decisión da Consellaría é manter a convocatoria debe ter en conta a evolución da crise sanitaria e fixar xa un prazo máximo para unha posíbel rectificación. A prórroga actual do estado de alarma remata o 11 de abril mais todas as previsións indican que se produciría, en todo caso, unha prórroga máis até o 26 de abril. Toda ampliación deste último prazo faría inviábel, desde o noso punto de vista, o cumprimento dos prazos e, por tanto a celebración, das oposicións. Como unha posíbel prorroga se coñecería con total seguridade unha semana antes, como aconteceu coa aprobada onte no Congreso, esa data, ao redor de mediados do mes de abril, debe ser o límite que se fixe a Consellaría para confirmar, se é o caso, ou aprazar as oposicións do 2020.

Non hai que esquecer que, como acontece coa ABAU, estamos a falar de persoas; miles de aspirantes que están a preparar as oposicións e que, nestes momentos, necesitan urxentemente despexar, na medida do posíbel, as incertezas sobre que quere facer a Consellaría. Merecen un respecto. Moitas desas persoas son compañeiras e compañeiros que son profesorado interino ou substituto e que están nestes momentos enfrontando unha situación totalmente nova, con teletraballo e reclusión nas casas. A decisión non se pode facer agardar.

Desenvolvemento do curso.

A Consellaría, de acordo co Ministerio e as outras comunidades autónomas dentro da Conferencia Sectorial de Educación, decidiu manter o actual calendario escolar, aínda que todo parece indicar que a ampliación ou non do curso escolar non formou parte dos debates da reunión das CC.AA. co MEFP. A avaliación do segundo trimestre faríase co traballo desenvolvido até a interrupción das clases presenciais. Canto ao terceiro trimestres, pretenden modificar os contidos e competencias básicas previstas, tendo en conta precisamente a situación excepcional que pasamos e a data de incorporación ás aulas; estas modificacións aprobaranse nunha futura reunión durante o vindeiro mes de abril co Ministerio.

Deron instrucións ás direccións para que aqueles centros que non formalizaron a avaliación da 2ª avaliación o fagan cos “medios telemáticos que consideren oportunos”, sempre partindo da premisa de que non avaliar procesos posteriores á suspensión das clases.

Tamén decidiron suspender todas as probas de avaliación diagnóstica neste curso.

Toda a situación actual evidencia novamente a discriminación que se está a dar no noso alumnado, coa evidencia clara da fenda dixital, como nova mostra das diferenzas sociais e económicas que temos nas nosas aulas. Neste momento todo apunta a que esa fenda vai supoñer unha clara diferenza na avaliación do último trimestre polo que instamos á Consellaría de Educación que xa que está demostrado que non vai chegar a tempo para paliar estas diferenzas, si que fixe unha pautas claras de cara ao proceso de avaliación.

Aprazamento da ABAU, novas datas.

A ABAU desenvolverase antes do 10 de xullo (con publicación de notas antes do 17 de xullo), no caso da convocatoria ordinaria e antes do 10 de setembro (notas antes do 18 de setembro), no caso da extraordinaria.

A proba en si será similar a actual pero din que van aumentar a opcionalidade e para isto vanse reunir proximamente coa CIUG.

Formación Profesional.

En canto á Formación Profesional a Consellaría insiste na necesidade de que todo o alumnado poida titular e o Ministerio anuncia a publicación dunha norma que vai fundir nun único módulo os actuais de Formación en Centros de Traballo (FCT) e de Proxecto nos ciclos superiores, e indicando que un traballo final poderá substituír total ou parcialmente a FCT nos ciclos medios e na FP Básica.

Sobre as probas de acceso, que xa foron adiadas, non adiantan datas mais si que o alumnado que as supere terá garantida reserva no acceso a ciclos con independencia da data.

CIG

Información da CIG-Ensino ao respecto das oposicións docentes. Mesa Estado e comunicación coa Consellaría. (20/03/2020)

As oposicións docentes convocadas pola Xunta de Galiza están neste momento co prazo de presentación de solicitudes paralizadas pola situación de emerxencia e estado de alerta actual. A situación é moi diferente en cada comunidade. Hai quen ten prazos xa pechados, que os ten paralizados como Galiza e quen aínda non  publicou a convocatoria. De aí que a CIG-Ensino entenda, fronte a opinión dalgúns sindicatos, que debe ser cada administración a que decida que facer cos seus procesos selectivos e deixarmos de apelar constantemente a un “liderado” do Ministerio que por lei non lle corresponde. O propio Subsecretario remarcou que o MEFP non vai entrar nesa decisión e que será en cada ámbito territorial onde se decida. 

Por tanto, a dúbida que neste momento temos todas e todos sobre que vai pasar finalmente coa celebración dos procesos selectivos en Galiza non era tema desta Mesa, xa que nada ten que dicir  o MEFP ao ser competencia exclusiva da Consellaría de Educación, a quen a CIG-Ensino xa se dirixiu para que a decisión que se adopte a este respecto sexa prudente e respectuosa cos tempos, evitando que se estenda a incerteza das persoas aspirantes, para o que a Xunta ten que ter claro xa nestes momentos cal é o prazo límite para tomar a decisión e facelo canto antes.

 

Volver