A Consellaría de traballo responsábel do despido doutras 11 traballadoras de Preescolar na Casa

O Parlamento Galego admite a trámite a ILP presentada para a supervivencia do Programa Preescolar na Casa

O Comité de Empresa de Preescolar na Casa e os sindicatos representados nel, así como todas as traballadoras e traballadores de Preescolar na Casa queremos comunicar á opinión pública a resolución por parte da Consellería de Traballo do ERE presentado pola Fundación e que ten como consecuencia inmediata o despedimento de 11 compañeiras

Ante esta situación, queremos manifestar o seguinte:

  1. Mostrar o noso apoio e solidariedade ás 11 compañeiras que neste momento lles tocou ser despedidas, deixando moi claro que todas elas son traballadoras con moitos anos de experiencia, que teñen acreditado ao longo de toda esta etapa un magnífico traballo e un compromiso indiscutíbel co programa. A perda destas profesionais nunca poderá ser compensada. O programa, as familias e o propio país acaban de ter unha perda irreparábel.
  2. Manifestar unha vez máis a nosa repulsa á Consellería de Traballo e á súa Conselleira, a cal co recorte dos fondos aos que someteu ao Programa Preescolar na Casa é a única responsábel destes despedimentos. Tamén manifestar a aberración que supón que a propia Consellería aprobe un ERE provocado por ela mesma ao recortar os fondos para esa Fundación. Deste xeito dáse o contrasentido de que se converte en xuíz e parte.
  3. Dicir así mesmo que a desculpa dada por parte da Consellería de Traballo, onde se lle bota a culpa destes recortes á crise económica e ao déficit público é totalmente falsa, pois os cartos que viña percibindo Preescolar na Casa significan unha porcentaxe irrelevante para os orzamentos da Consellería e máis cartos que os que percibía Preescolar na Casa van parar a asociación e entidades totalmente sectaria e afíns ao PP. Resulta evidente que o intento de peche de Preescolar é unha decisión política, non unha necesidade orzamentaria.
  4. Dende o conxunto de traballadoras e traballadores de Preescolar queremos manifestar tamén con rotundidade a nosa intención de non permitir o peche do programa Preescolar na Casa. Somos conscientes neste momento que a intención da Xunta é pechalo porque é un programa que traballa con independencia do poder político e ao que non se pode manexar de xeito partidario. Dada esta circunstancia, máis que nunca manifestamos a nosa intención de traballar e pelexar aínda con máis forza ata acadar o obxectivo de manter vivo este programa e co maior número posíbel de traballadoras. 
  5. Tamén queremos informar que acabamos de recibir a comunicación da Mesa do Parlamento onde se admite a trámite a ILP presentada para a supervivencia do Programa Preescolar na Casa. É a nosa intención utilizar este mecanismo legal para chegar a toda a sociedade galega esta problemática para que deste xeito se conciencie e sexa esta a que lle demostre á Xunta que non está disposta a permitir que por unha decisión política Preescolar na Casa desapareza.

Volver