A consellaría de Traballo e Benestar afoga o programa de “Preescolar na casa” abocándoo á súa desaparición

O persoal está afectado por un ERE, 20 traballadoras/es teñen o seu contrato suspendido e outros 18 quedaron a media xornada

Na mañá do venres 30 de setembro concentrábanse diante do edificio administrativo da Xunta de Galiza, en San Caetano, as traballadoras e traballadores do programa “Preescolar na Casa” para reclamar da consellaría de Traballo e Benestar a recuperación da subvencións que permitan a súa continuidade e o mantemento do persoal que o leva posibilitando desde hai máis de 20 anos. Xunto a isto, exixen da administración os mecanismos necesarios para garantir no tempo o servizo que se está a dar, facilitando a estabilidade do persoal que o desenvolve. A desaparición deste programa, afirma o Presidente do Comité de Empresa, “é outro machetazo máis para o rural”.

O conxunto de traballadoras e traballadores da Fundación “Preescolar na Casa”están afectados por un ERE que fai que 20 delas/es teñan o seu contrato suspendido, outras 18 teñan unha redución de media xornada e só 3 continúen a xornada completa.

O ERE vén provocado pola redución das subvencións que Preescolar na Casa viña percibindo da Xunta de Galiza desde hai máis de 20 anos, que era o que permitía o seu desenvolvemento. Xosé Ferreiro, secretario comarcal da CIG de Lugo sinala que a administración retirou 300.000 euros da subvención prevista para este ano. Porén mantiña 200.000 euros, que xa estaban comprometidos, e 25.000 xa xustificados que tiña que ter sido ingresados, pero que non se fixeron efectivos. “Iso foi o que provocou a presentación deste ERE, que conseguimos negociar para que non houbera despedimentos até o 29 de febreiro, coa esperanza de que nestes 6 meses puideramos facer cambiar de opinión á conselleira, Beatriz Mato”. Unha saída que, dada a actual situación, semella remota.

Joxé Expósito, presidente do Comité de Empresa e representante da CIG explica que “a retirada destes fondos non só elimina os case 50 postos de traballo, senón que tamén suprime un servizo público e gratuíto que non se substitúe por ningún outro”.

Machetazo ao rural

Expósito lembra que a través deste programa dábaselle atención, até o de agora, a unhas 4.000 familias, dándoselle sempre prioridade ao ámbito rural “porque é onde menos recursos hai” explica salientando que “sempre se recibiu o apoio e unha valoración positiva por parte da poboación”.

O modelo de Preescolar na Casa chegou a copiarse noutras comunidades autónomas e mesmo exportouse a algún outro país. José Expósito denuncia, porén, a paradoxal situación que están a vivir. “No mes de xuño ou xullo, desde a secretaría de Benestar da consellaría de Traballo convidaron ao programa a ir a Praga para que nos deran unha mención honorífica e un premio e para presumir dun programa que é pioneiro na atención ás familias. Lévaronos para que ensinemos o que se está a facer aquí e a realidade é que aquí se está a pechar”.

Para os traballadores/as da Fundación esta non é “ unha morte lenta, senón unha morte rápida”, asegura Expósito. A perda das subvencións está a impedir que se desenvolva o traballo, xa que o 97% da partida prevista vai destinada a persoal, o que implica que non se poden reducir cartos doutras partidas, e sen persoal, asegura “non hai programa. O ERE é unha táboa no medio de mar pero non hai ningunha illa cerca, ou sexa, é unha morte segura”.

 Afirma que agora mesmo é imposíbel atender a 4.000 familias. “Nin a 2.000”, di, “co equipo que temos estase a facer un esforzo para cando menos intentar chegar aos concellos, para que non se vexa moi prexudicada a atención a nivel de concello, pero a nivel de familias xa non se pode”.

Expósito setenza que “para o rural é outro machetazo máis para dalgunha maneira seguilo afogando”.

Ferreiro, pola súa banda, explica que están programadas mobilizacións e alén diso estanse recollendo sinaturas para presentar unha ILP na que se solicita que a administración “asuma o programa, o estabilice e aproveite á xente que leva máis de 20 anos facendo este traballo, cunha situación precaria, malia o potencial que teñen”.

Galería de imaxes

Volver