A Consellaría de Educación xa non ten máis escusas: temos dereito a recuperar o noso horario lectivo.

A CIG-Ensino seguirá esixindo a volta ás condicións que tiñamos en 2009 antes da chegada de Feijóo á Xunta: 18 horas en Secundaria e 21 en Primaria

O Consello Escolar do Estado, no pleno que tivo lugar hoxe en Madrid, debateu o borrador do Anteproxecto de Lei para que as CC.AA. recuperen as competencias á hora de regular o horario docente do profesorado.

Despois de varios anos negándose, primeiro coa escusa da crise económica, despois coa da existencia dunha normativa estatal que o prohibía e finalmente porque se impediu, coa compracencia doutras organizacións sindicais, a apertura dunha negociación global que non se limitara a cuestións retributivas, a Consellaría ten de novo a pelota no seu tellado e agora xa non pode poñer máis escusas. Ou aposta por seguir sendo a principal causante da perda de dereitos e condicións laborais do profesorado ou pasa a ser parte da solución, procedendo a recuperar os 18 períodos lectivos en secundaria e 21 en infantil e primaria que tiñamos no ano 2009. 

No Pleno do Consello Escolar do Estado deste 2 de outubro en Madrid debateuse o borrador de Anteproxecto da Lei de mellora das condicións para o desempeño da docencia. O texto presentado polo goberno central chegou con demasiado atraso (xa se nos presentara ás organizacións sindicais o 26 de xullo) e foi obxecto de diferentes emendas, entre as que se encontraba unha da CIG-Ensino, para dar cobertura a aquelas administracións que, ao contrario da galega, xa implantaron unha redución de xornada en secundaria no presente curso escolar. 

Negociar e decidir aquí e non en Madrid. 

A posición da CIG-Ensino no debate foi a que vén mantendo desde sempre: a defensa do exercicio das escasas competencias claras e exclusivas para as comunidades autónomas que a inxerencia do goberno central restrinxira co RDL 14/2012. Unhas competencias que non son só propias da Xunta de Galiza, no caso galego, para a xestión do persoal, senón tamén das organizacións sindicais con representación no país no dereito que nos corresponde a negociar as condicións de traballo do profesorado galego. 

A CIG-Ensino non está en desacordo con que se poidan negociar unhas condicións básicas polas que se fixe un horario máximo do profesorado, mais estas non poden ser contraditorias coas que conseguimos no seu día na negociación a nivel galego nin coa capacidade e dereito á negociación colectiva nin tampouco poden implicar límites ás nosas competencias. O obxectivo último da CIG é que todo o profesorado imparta un máximo de 18 horas lectivas. Nese camiño pactamos no seu día baixar de 25 a 21 horas as horas en infantil e primaria e a ese pacto nos remitimos para mellorar a nosa carga de docencia directa co alumnado. 

Volta á situación anterior aos recortes do PP 

Con anterioridade ao RDL 14/2012 que agora se vai anular no que ten a ver co horario do profesorado, rateos e substitucións do profesorado, eran as CC.AA. as que decidían sobre estas cuestións. Así, en Galiza, o profesorado de secundaria, FP, EOI e ensinanzas de réxime especial tiña 18 horas lectivas semanais e o de infantil, primaria e educación especial 21 cando Feijóo chegou  ao poder e anulou o acordo existente e que contara co aval da CIG-Ensino (redución de 25 a 21 horas no corpo de mestres). 

A norma revisada polo Consello Escolar do Estado devolve as competencias a quen por lei lle corresponden e deixa, por tanto, exclusivamente nas mans da Xunta de Galiza a devolución dos dereitos do profesorado en materia de horario lectivo. 

Por tanto, volve todo de novo ao marco galego de negociación e a Xunta xa sabe de sobra o que o profesorado galego identifica como un elemento fundamental para a recuperación dos nosos dereitos e para mellorar as nosas condicións de traballo: volver aos horarios lectivos arrebatados. Díxollo a CIG-Ensino reiteradamente na Mesa Sectorial e confirmárono case 12.000 docentes asinantes da campaña pola recuperación dos nosos dereitos.  

Volver