A Consellaría de Educación vén de convocar unha Mesa Sectorial para o mércores 16 de maio para negociar a homologación retributiva do profesorado galego

A CIG-Ensino felicítase da apertura dunha negociación retributiva que desde hai anos vimos demandando.

Unha demanda que xa formou parte da Iniciativa Lexislativa Popular que a CIG-Ensino levou ao Parlamento Galego na primavera de 2015 e que, de novo, estivo presente nas medidas urxentes que case 12.000 docentes veñen de apoiar coa súa sinatura.

Na Mesa Sectorial demandaremos que se abra unha negociación global na que se poñan enriba da mesa todos os temas que a día de hoxe son de especial relevancia para o profesorado, tal e como vén de demostrar a ampla participación na campaña pola recuperación dos nosos dereitos que levou a cabo a CIG-Ensino nos primeiros meses deste ano. Esta negociación ten que afrontar, en primeiro lugar, a necesaria redución da carga lectiva, mais tamén a redución de alumnado nas aulas máis masificadas, así como da carga burocrática que padecemos. Tamén é necesario un plan para o incremento do profesorado que está na primeira liña da atención ás necesidades específicas de apoio educativo ou a negociación dun acordo de estabilidade para o profesorado interino. 

Pero hai máis medidas que entendemos que a Consellaría ten que negociar na Mesa Sectorial, como a eliminación dos descontos por enfermidade ou a transparencia e o control das vacantes tanto no concurso de traslados como nos destinos provisionais, para eliminar ou cando menos reducir dun xeito importante a alta provisionalidade do profesorado galego. Todo isto xunto coa reclamación, tamén asumida maioritariamente polo profesorado galego, da eliminación da prohibición de impartir docencia no noso idioma, derrogando o decreto de plurilingüísmo. 

En todo caso, a CIG-Ensino acudirá á reunión sen renunciar á negociación destas cuestións que consideramos prioritarias, xunto con todo o que o profesorado galego vén de reclamar para mellorar as súas condicións salariais e laborais. Levamos case unha década de recortes tanto retributivos como nas condicións nas que desempeñamos o noso traballo. É tempo de que recuperemos o que nos roubaron. Sobran razóns para un acordo global e que implique realmente un recoñecemento da profesión docente.

Volver