A Consellaría de Educación ten que rematar coa discriminación salarial entre o profesorado de FP

A CIG-Ensino solicitou na Mesa Sectorial por enésima vez que a Xunta atenda as demandas dun colectivo de arredor de 300 docentes entre persoal fixo e interino con contrato durante todo este curso académico

En resposta ao sindicato, responsábeis da Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos contestaron “que non se contempla ningunha medida” para equiparar o salario do profesorado de sectores singulares da FP co do profesorado técnico de FP para extinguir, que actualmente cobra un complemento de 151,37 euros ao mes para á súa vez non verse discriminado co profesorado que puido integrase no corpo de secundaria.

A CIG-Ensino sempre defendeu que debe existir un corpo único de ensinantes encadrado no grupo A1, pero esta reivindicación implica un cambio normativo a nivel estatal, ao tratarse dun corpo de funcionariado dependente do Estado malia aprobar as oposición nunha determinada comunidade autonómica. Neste sentido, o sindicato realizou unha recollida de 7.366 sinaturas en apenas mes e medio, que lle entregou á actual ministra de Educación, Pilar Alegría, en xuño de 2022, obtendo como resposta que “nese momento non tocaba abrir dita negociación”. Agora, que supostamente están abertas negociacións para “abordar” as condición laborais docentes, volverá insistir neste punto como unha das súas principais reclamacións. Con todo, tal e como se prevén os grupos de traballo da Mesa estatal e a indefinición dos temas a tratar, o sindicato non é moi optimista a respecto de que se acade este obxectivo.

A que si é unha solución perfectamente viábel e inmediata á discriminación salarial do profesorado especialista de sectores singulares da FP (PESSFP), que imparte docencia nas 10 especialidades nas que é posíbel acceder á docencia con titulación de técnico superior de FP, é que a Consellaría de Educación aprobe o complemento equiparador que xa estabeleceu no seu momento para o profesorado técnico de FP a extinguir e que nestes intres é de 151,37 euros ao mes. A Xunta ten plenas competencias na xestión dos seus propios recursos humanos e, polo tanto, na aprobación destes complementos. Outras comunidades como Euskadi xa non diferenza desde hai décadas entre o profesorado de FP e Catalunya vén de aprobar unha equiparación que tampouco discrimina por corpos.

Segundo datos do sindicato, nestes momentos hai 172 funcionarios e funcionarias de carreira do novo corpo de PEESFP (que ingresaron na docencia estes dous últimos cursos) e 115 docentes interinos con contrato por todo o curso escolar. Polo tanto, pagarlle este complemento a 287 docentes a tempo e xornada completa, máis ao persoal substituto, implicaría un gasto irrelevante nas contas xerais da Consellaría.

Esta foi a argumentación empregada polo sindicato esta semana na Mesa Sectorial docente para instar á Consellaría a que remate con esta desigualdade. “Non é de recibo que nun mesmo departamento convivan tres tipos de profesorado con situacións administrativas e económicas diferentes: profesorado que se puido integrar no corpo de PES porque tiña titulación universitaria; profesorado técnico para extinguir (PTFP) que tiña titulación de FP e que cobra este complemento para non verse discriminado a respecto do colectivo anterior e profesorado do novo corpo de sectores singulares (PESSFP) que, teña a titulación que teña, non vai cobrar o complemento”, indicaron representantes da CIG-Ensino na mesa sectorial.

No día a día dos centros non hai ningunha diferenza entre estes tres colectivos: realizan as mesmas funcións, poden ocupar os mesmos postos, incluída a dirección dos centros integrados de FP ou a presidencia de tribunais de oposicións, que son escollidas pola administración, e imparten as mesmas ensinanzas, desde ciclos básicos a cursos de especialización. “Non se entende que a Consellaría aprobara unha medida, que hai que aplaudir como positiva e que foi pioneira no seu día en todo o Estado, para o colectivo que en setembro de 2023 quedaba a extinguir no anterior corpo de FP e que todo o persoal que a partir de entón ingresou no novo corpo quede discriminado deste xeito”, engadiron.

Así pois, a CIG-Ensino amosa o seu apoio a todas as accións que o colectivo afectado decida emprender. Tal e como lle lembraron á Consellaría representantes sindicais, a cantidade que supón o pagamento deste complemento equilíbrase entre as persoas do corpo  para extinguir que se están xubilando e as que están ingresando no novo corpo (profesorado das especialidades de Cociña e Pastelaría, Estética, Fabricación e Instalación de Carpintaría e Moble, Mantemento de Vehículos, Mecanizado e Mantemento de Máquinas, Patronaxe e Confección, Peiteado, Produción de Artes Gráficas, Servizos de Restauración e Soldadura), dado que este ano se prevén 70 novas prazas nas oposicións de xuño. 

Así mesmo, a CIG-Ensino critica que desde a Consellaría se estea lanzando continuamente propaganda sobre a FP, a última o programa FPGal360, dotado segundo cifras oficiais con 24 millóns de euros até o ano 2028, e que á vez se estea negando o pagamento deste complemento a un colectivo primordial para o funcionamento da Formación Profesional en Galiza.

Volver