A Consellaría de Educación segue sen facer públicas as vacantes provisionais a cubrir polo profesorado para o curso que vén

Concurso de destinos provisionais.

A Consellaría de Educación non publicou, a data de hoxe, as vacantes provisionais para adxudicar destino provisional, para o curso 2009-2010, tanto ao profesorado do corpo de mestres como dos distintos corpos de Secundaria
A Consellaría de Educación segue sen facer públicas as vacantes provisionais a cubrir polo profesorado para o curso que vén
 
A Consellaría de Educación non publicou, a data de hoxe, as vacantes provisionais para adxudicar destino provisional, para o curso 2009-2010, tanto ao profesorado do corpo de mestres como dos distintos corpos de Secundaria. Na propia convocatoria do corpo de mestres, na que se ditan normas para a adxudicación de destinos, na base 19ª, di que “antes do 10 de xullo de 2009, a Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos procederá a publicar as vacantes provisionais que se ofertan neste concurso, reflectindo o seu perfil”.
 
Por outro lado, a Consellaría está a comunicarlle, aínda nesta semana e vía telefónica, ao profesorado afectado pola redución de unidades, a supresión do seu posto de traballo, sen que as organizacións sindicais fosemos informadas de que centros e que profesorado son os afectados.
 
Desde a CIG-Ensino queremos denunciar o retraso e incumprimento dos prazos por parte da Consellaría, que seguramente se deba á pretensión da supresión de numerosos postos de traballo que está a levar a cabo no corpo de Mestres (froito do acordo de agrupamentos nunha soa unidade alumnado de diferentes cursos ou ciclos non asinado pola CIG-Ensino) e tamén en Secundaria pola aplicación dunha circular (non negociada) que a Consellaría impuxo ás Escolas Oficiais de Idiomas que provocará a supresión dun número importante dos postos de traballo.
 
Este número importante de supresións comportará o desemprego de profesorado interino e substituto, ao mesmo tempo que empeora a calidade e as prestacións dos centros de ensino.
 
Para a CIG-Ensino esta actuación por parte da Consellaría enmárcase dentro da súa folla de ruta de tomar medidas regresivas en períodos vacacionais do profesorado, mitigando as evidentes mobilizacións que as súas actuacións provocan. Así, aproveitando que os equipos directivos dos centros estarán de vacacións en agosto, se a Consellaría segue retrasando a publicación destas vacantes, non haberá tempo material para que estes reclamen, en tempo, as prazas que lles corresponden legalmente.
 
Desde a CIG-Ensino exiximos a rápida publicación destas vacantes provisionais e tamén a relación de profesorado que a Consellaría acaba de declarar suprimido.

Volver