A Consellaría de Educación segue negándose a crear a especialidade de dirección de orquestra en Galiza

A ausencia desta especialidade en Galiza fará que as galegas e galegos teñan que emigrar para adquirir estes estudos

Na actualidade, non hai ningún profesor especialista en Dirección de Orquestra nin no Conservatorio Superior da Coruña nin no de Vigo, e, no entanto, a Consellaría, malia a demanda da CIG-Ensino e dos propios conservatorios, continúa negándose a ofrecer esta especialidade.

No proxecto de Decreto polo que se estabelecen as ensinanzas artística superiores de Grao de Música en Galiza, que será tratado na Mesa Sectorial Docente non Universitaria do día 24 de marzo, a Consellaría de Educación segue opóndose a que se imparta a especialidade de Dirección de Orquestra nos Conservatorios Superiores de Música en Galiza.

Na actualidade, non hai ningún profesor especialista en Dirección de Orquestra nin no Conservatorio Superior da Coruña nin no de Vigo, e, no entanto, a Consellaría, malia a demanda da CIG-Ensino e dos propios conservatorios, continúa negándose a ofrecer esta especialidade.

Estamos ante un posicionamento da Consellaría que amosa total desinterese e desconsideración a unha demanda que pretende dar resposta á necesidade de formación que hoxe precisa e solicita numeroso alumnado galego. Alumnado que, se pretende estudar a especialidade de Director de Orquestra, se ten que trasladar fóra de Galiza para cursar os estudos noutros conservatorios. A nosa incomparábel tradición musical e o feito de que Galiza conte con máis de 100 agrupacións bandísticas e numerosos coros fan incomprensíbel que os directores e directoras teñen que buscar a súa formación unicamente á marxe dos conservatorios.

A ausencia desta especialidade en Galiza impide a oferta dun ensino verdadeiramente especializado nun nivel superior e de grande prestixio e os galegos e galegas terán que coller o camiño da emigración para cursalos en Murcia, Málaga, Valencia, Salamanca, País Vasco, Cataluña, Aragón ou Madrid, territorios que si contan coa especialidade.

O desprezo da Consellaría por conseguir a maior calidade das ensinanzas musicais e unha oferta que non discrimine Galiza faise máis evidente se temos en conta que a creación desta especialidade sería factíbel co nomeamento dun só profesor especialista de Dirección de Orquestra.

A CIG-Ensino exixirá de novo que o decreto que estabelece as ensinanzas artísticas superiores de Grao en Música recolla a creación da especialidade de Dirección de Orquestra, como xa así o fixo mediante unha emenda á Orde que fixaba o plan de estudos das ensinanzas superiores de Grao en Música e que se debateu no seo do Consello Escolar de Galiza, o día 20 de setembro de 2010. A nosa proposta, ao final, non prosperou debido a un empate na votación que foi resolto co voto de calidade en contra do presidente do Consello Escolar. A CIG-Ensino vai iniciar unha campaña até conseguir que a especialidade de Dirección de Orquestra se imparta en Galiza.

Volver