A Consellaría de Educación retrasa a aprobación do Decreto galego de FP a finais de curso

Isto é o que se desprende das palabras do conselleiro no Consello Escolar de Galiza nas que anunciaba que non se comezará a negociación dunha norma de enorme transcendencia até o mes de abril

A directora xeral de FP incumpre unha vez máis os seus anuncios, dado que se comprometera a levar o borrador á Mesa Sectorial e ao Consello Galego de FP á volta de Nadal, e aboca ao profesorado de FP a non coñecer cal vai ser a normativa que se implantará en setembro até xuño. O apretado das datas dificultará ademais a participación activa do profesorado na elaboración dun Decreto que leva un importante retraso na súa tramitación, en comparación con outras comunidades.

A Consellaría de Educación segue a xogar co profesorado de FP manténdoo totalmente á marxe da elaboración do novo Decreto galego que vai regular estas ensinanzas en Galiza e que emana dos cambios normativos derivados da Lei Orgánica de Formación Profesional e do RD 659/2023 polo que se desenvolve a ordenación do sistema de FP. Segundo se desprende da intervención onte no Consello Escolar de Galiza do conselleiro, Román Rodríguez, nestes momentos o texto da norma está rematado e pasando as pertinentes revisións por parte da asesoría xurídica da Xunta. Así mesmo, anunciou que agardan que no mes de abril poida comezar a súa fase de negociación na Mesa Sectorial e no Consello Galego de FP.

Para a CIG-Ensino este anuncio é fondamente negativo. En primeiro lugar porque constata que a estratexia da Consellaría é retrasar o máximo posíbel a súa aprobación para que o profesorado de FP e as organizacións sindicais non teñan marxe de resposta ante decisións que poden resultar lesivas para estas ensinanzas ou que non incorpore referencias necesarias como a regulación dunha vez por todas da FP Dual intensiva. Se se cumpre o calendario avanzado por Román Rodríguez, que a teor do que pasou até agora é bastante improbábel, o persoal docente desta etapa educativa non coñecerá a normativa pola que se vai rexer o seu traballo, os currículos dos novos módulos que entran en vigor o próximo curso, que pasará finalmente co módulo de Inglés Profesional II ou como se artellará a formación en empresa mínima obrigatoria (400 horas na FP básica e 500 en ciclos medios e superiores) pero que a Consellaría decidiu incrementar até o tope máximo que permite a normativa estatal.

En segundo lugar, a situación nestes momentos é que a propia administración ten en marcha un curso para formar o profesorado de cara á impartición do módulo de Dixitalización aplicada ao sector produtivo que entra en vigor o próximo ano e que o único currículo vixente é o que está publicado a nivel estatal. Nada se coñece tampouco do módulo optativo que cada ciclo ten que incorporar o vindeiro curso cunha carga horaria de 80 horas anuais. A tan pouco tempo de que remate o curso o lóxico sería que a Dirección Xeral de FP tivera creados grupos de traballo para o deseño e elaboración dos currículos destes módulos. Desde o pasado mes de novembro que se lle pediu a persoal de FP que fixera unha adaptación horaria para restarlle tres horas aos módulos profesionais de segundo curso de ciclos medios e superiores non houbo ningún movemento máis no que se contase coa participación activa do profesorado.

A CIG-Ensino non pode máis que lamentar que se repita o modus operandi da Dirección Xeral de FP que é, con diferenza, o departamento dependente da Consellaría que menos interlocución mantén coa representación lexítima do profesorado. Así mesmo, pola información coa que conta o sindicato, noutras comunidades autónomas está moito máis avanzada a elaboración desta normativa e mesmo xa entraron en vigor boa parte das súas novidades como a formación en empresa curricular desde primeiro curso ou a impartición do módulo optativo.

O sindicato nacionalista insta a que se envíe canto antes o borrador do Decreto ás organización sindicais para que, xa que non puideron participar na súa elaboración, polo menos poidan sometelo a contraste co persoal docente. Así mesmo solicita que se convoque unha Mesa Sectorial para tratar outros asuntos que nestes momentos están afectando gravemente ao profesorado destas ensinanzas:

  • Os problemas coa FP dual actual, sobre todo cos abusos e incumprimentos dalgunhas empresas (algunhas que se desvinculan de proxectos que foron deseñados exclusivamente para elas, outras que discriminan a alumnado por diversidade funcional ou situación de incapacidade total ou o deixan tirado no último momento, outras que non permiten que se asista ao seguimento das prácticas, estudantes que empezan con semanas de retraso a súa incorporación á empresa, sen compensación por traballar festivos ou en horario de nocturno...).
  • A dificultade para atopar prácticas para a FCT nalgúns ciclos, sobre todo os sanitarios.
  • A maior carga burocrática que aínda se intensificou máis este ano (nin rastro da famosa desburocratización coa que adornou o acordo sindical da vergoña).
  • A tripla discriminación salarial que está acontecendo coa situación do Profesorado Especialista de Sectores Singulares de FP.
  • Unha auténtica negociación da oferta formativa para o vindeiro curso académico, que se nega desde hai anos, impoñéndoa unilateralmente desde a Dirección Xeral de FP.

Volver