A Consellaría de Educación responde á campaña da CIG-Ensino: os informes médicos terán que facerse en galego

A campaña iniciada pola CIG-Ensino para que a documentación do recoñecemento médico docente sexa en galego obtén resposta da administración educativa na Mesa Sectorial de Educación

O sindicato maioritario no ensino público en Galiza levou á Mesa Sectorial de Educación celebrada o martes 19 de outubro en Santiago a violación dos dereitos lingüísticos levados  a cabo pola empresa CUALTIS ao non ofrecer os informes médicos no noso idioma. Unha situación que conta desde hai anos coa conivencia da Xunta que non fixo nada para obrigar á empresa que presta o servizo para que emita os informes na nosa lingua. Desde a CIG-Ensino exiximos da Consellaría que dea instrucións á empresa para que estes informes estean de oficio en galego e que, como empresa prestataria dun servizo público, cumpra coa lei de normalización lingüística.

A Consellaría deu resposta á nosa demanda indicando que para campaña en marcha non modificaron o prego porque é nunha prórroga do contrato anterior, mais confirman que para a licitación do curso que vén si se incluirá o requisito de que os informes se teñan que facer no noso idioma.

A CIG-Ensino non entende xustificada esta demora que amosa unha desidia da Xunta na protección dos nosos dereitos lingüísticos e denuncia tamén a posición da empresa CUALTIS. Con todo, o sindicato felicítase dos efectos da denuncia e da campaña pública do sindicato desenvolvida neste comezo e curso e agarda que o curso que vén estea solucionado. Unha decisión que chega tarde e arrastro mais agardemos que, cando menos, remate ben.

Con todo, desde o sindicato consideramos oportuno que sigamos a enviar os escritos de queixa, neste caso á empresa CUALTIS, actual prestataria, para que tomen nota do malestar pola desconsideración cara o noso idioma.

A Consellaría de Educación responde á campaña da CIG-Ensino: os informes médicos terán que facerse en galego

Documento


Volver