A Consellaría de Educación reforza a privatización do ensino, destinando 1020 millóns de euros para os concertos educativos nos próximos catro anos

Concertos educativos

A Consellaría de Educación vén de publicar no DOG as normas que regularán a concesión de concertos nos próximos catro cursos académicos, en termos semellantes á que aplicou o PP durante os catro anos anteriores e que facilitou o incremento dos concertos, desviando 256 millóns de euros dos orzamentos do 2009 da Consellaría de Educación ao financiamento do ensino privado.

A Consellaría de Educación reforza a privatización do ensino, destinando 1020 millóns de euros para os concertos educativos nos próximos catro anos

 

A Consellaría de Educación vén de publicar no DOG as normas que regularán a concesión de concertos nos próximos catro cursos académicos, en termos semellantes á que aplicou o PP durante os catro anos anteriores e que facilitou o incremento dos concertos, desviando 256 millóns de euros dos orzamentos do 2009 da Consellaría de Educación ao financiamento do ensino privado.  

 

Que a Consellaría asumira, definitivamente, a denuncia da CIG-Ensino en contra da segregación do alumnado por razóns de sexo e, en consecuencia, estabeleza como obriga a non discriminación por razón de sexo para acollerse aos concertos, no é óbice para afirmar que estamos perante unha orde que no resto está pensada para consolidar e, mesmamente, ampliar os actuais concertos educativos.  

 

Con esta orde, vese defraudada calquera expectativa de cambio para reducir os concertos educativos, nin sequera naqueles niveis educativos e localidades nas que os centros públicos son capaces de absorber a totalidade do alumnado. Estamos, polo tanto, ante unha política educativa favorecedora da ensinanza privada, subvencionada ao 100% co erario público, rexida fundamentalmente por patronais que perseguen non só un fin lucrativo, senón tamén un control ideolóxico e a transmisión de valores reaccionarios, cargados de prexuízos e predispostos á total desgaleguización do ensino.

 

A Orde que vén de publicarse supón que os centros privados de ensino na Galiza percibirán nos próximos catros anos nin máis nin menos que 1. 020 millóns de euros, é dicir, aproximadamente o 50% do orzamento que a Consellaría ten para o ano 2009.

 

É inadmisíbel que se pretenda continuar subvencionando ao 100% diferentes ciclos de formación profesional, cando moitas destas unidades son innecesarias. Hoxe, a oferta de ciclos de grao medio da privada concertada dos mesmos ciclos e nas mesmas localidades (1920 prazas) triplica a oferta pública (656 prazas). No que respecta á oferta de ciclos de grao superior sucede outro tanto: os centros concertados ofertan 700 prazas e os públicos só 530.

 

Malia estes datos, a nova Orde fixa unha partida orzamentaria para subvencionar a Formación Profesional de 48 millóns de euros para os próximos catro anos. Datos, sen lugar a dúbidas, reveladores do continuísmo privatizador dun nivel educativo postobrigatorio.

 

Trátase dunha nova medida lexislativa que, na práctica, implicará que o sistema educativo galego, nomeadamente nas cidades, estea planificado en función dos intereses do ensino privado. Hoxe, xa hai máis alumnado do ensino obrigatorio escolarizado nos centros privados concertados das cidades de Santiago, Vigo, Ferrol, A Coruña e Ourense.

 

Resulta rechamante a composición das comisións provinciais de valoración dos concertos educativos, das cales forman parte dous dos titulares dos centros privados concertados e dous representantes dos pais/nais do alumnado destes centros.  É dicir, convértense en xuíces e parte porque eles mesmos valoran a pertinencia ou non do concerto.

 

Esta nova orde responde non só á falta de vontade decidida para apostar por arbitrar medidas tendentes a fortalecer un sistema educativo público, como único garante da igualdade de oportunidades, senón tamén a falta de atrevemento e coraxe para facer fronte a unha patronal incansábel nas súas demandas e privilexios.

 

Unha vez máis, a Conselleira incumpre a súa palabra, pois, o anuncio, pouco despois de toma posesión, de que ía revisar os concertos educativos “un a un” para reducilos, contradí totalmente o afianzamento que, con esta orde, se lle dá ao ensino privado concertado para os próximos catro anos.

  

A CIG-Ensino vai emprender diferentes accións contra esta Orde, entre as cales, está estudando a posibilidade de recorrela, por ser unha medida que privilexia e afianza o ensino privado concertado.

Volver