A Consellaría de Educación reduce, aínda máis, a presenza do noso idioma
Emprega para iso os materiais didácticos
No caso de Primaria
Onde o proxecto se aplica en 5º curso, comprobamos que o 100% dos materiais están en español para as materias de plástica e matemáticas, e maioritariamente en español para Educación Física e Música (o 57 e o 83% respectivamente). Incribelmente, no caso de Coñecemento do Medio, materia que é de obrigada impartición en galego, a Consellaría oferta un 19% de material en español, con que obxecto? A única resposta posíbel é que se pretenda con isto introducir o castelán na única materia que o Decreto recolle como de obrigada impartición en galego. Fronte a isto non hai oferta de materiais en galego para materias como Plástica, que o centro pode ter decidido dar en galego, dificultando a execución do acordo escolar.
No caso de Secundaria
Onde o proxecto se aplica en 1º da ESO, encontramos aínda unha situación peor, pois as materias de obrigada impartición en galego segundo o Decreto 79: ciencias sociais e bioloxía e xeoloxía, presentan unha maior porcentaxe de materiais en galego para a primeira, o 55%, e a ausencia total no caso de bioloxía que soamente conta con materiais en español. Como no caso anterior, cando as materias veñen reguladas no Decreto para seren impartidas en español, así matemáticas ou tecnoloxía, hai unha ausencia total de materiais en galego. Por outro lado, materias como Música ou Educación Física que son susceptíbeis de ser impartidas en galego, por decisión do centro, a penas contan con materiais en galego, un 0% en Educación Física e un 20% en música.
É dicir, mentres para as materias de obrigada impartición en galego, coñecemento do medio, ciencias socias, bioloxía se distribúen materiais en español (ás veces superando á oferta en galego), para materias que eles mandan dar en español, matemáticas ou tecnoloxía, non hai materiais en galego.
O caso de Infantil
Por se non fose suficiente, e despois de modificar a lexislación de xeito que se reducise a presenza do noso idioma nos centros, redución que afectou especialmente a infantil, onde hai casos en que o alumnado non vai ter ningún tipo de contacto co noso idioma até os seis anos, a Consellaría, para afondar nesta fenda, aos centros con aulas de infantil de nova creación, envíalle materiais exclusivamente en español, tal e como se comprobou no CEIP de Randufe recentemente. Por outro lado, cabe dicir que esta decisión da Consellaría de Educación vai contra as editoriais galegas, directamente prexudicadas por unha Consellaría que non valoran nin distribúe os materiais publicados en Galiza, por certo cun grande recoñecemento alén das nosas fronteiras.